segunda-feira, maio 04, 2009

O camiño máis curto cara ao fracaso


Das moitas reflexións acerca do colapso do sistema neoliberal, tres despuntan con claridade. A primeira é que para salvar o Titanic que se afunde non bastan correccións e regulacións do sistema que naufraga. Necesítase outra ruta que evite o choque co iceberg: unha produción que non se rexa soamente pola ganancia nin por un consumo ilimitado e excluínte. A segunda, non valen rupturas bruscas coa ilusión de que nos transportarían a outro mundo posible, pois seguramente implicarían o colapso total do sistema de convivencia con incontables vítimas, sen ter a seguridade de que das ruínas fóra a nacer unha orde mellor. A terceira, a categoría sustentabilidade é o eixo de calquera intento de solución. Isto significa: o desenvolvemento necesario para o mantemento da vida humana e para a preservación da vitalidade da Terra non pode seguir as pautas de crecemento ata agora vixentes (ollo ao PAC de Dilma Rouseff). É demasiado depredador do capital natural e parco en solidariedade xeracional presente e futura. É necesario atopar un equilibrio sutil entre a capacidade de aguante e de rexeneración da Terra cos seus diferentes ecosistemas e o pretendido desenvolvemento necesario para asegurar o bo vivir humano e a continuidade do proxecto planetario en curso, equilibrio que representa a nova e irreversible fase da historia.


Esta dilixencia necesita acoller a estratexia da transición desde o paradigma actual, que non garante un futuro sostible, a un novo paradigma, construído pola cooperación intercultural, que signifique un novo axuste entre economía e ecoloxía na perspectiva do mantemento da vida na Terra.


Onde vexo o gran pescozo de botella? Na cuestión ecolóxica. Apenas está sendo citada en passant nas axendas políticas que buscan a superación da crise. Na reunión do G-20 o día 2 de abril en Londres, o tema non influíu na formulación dos instrumentos para ordenar o caos sistémico. Non se trata soamente do arrequecemento global, o máis grave de todos, senón tamén do desxeo, da acidez dos océanos, da desertización crecente, da deforestación de grandes zonas tropicais e da aparición do planeta-favela, por mor da urbanización salvaxe e do desemprego estrutural. E máis aínda: a revelación dos datos que mostran a insostenibilidad xeral da propia Terra, cuxo consumo humano excedeu nun 30% a súa capacidade de reposición.


Unha natureza devastada e un tecido social mundial dilacerado-esgarrado polo fame e pola exclusión anulan as condicións para reproducir o proxecto do capital dentro dun novo ciclo. Todo indica que os límites da Terra son os límites terminais deste sistema que imperou durante varios séculos.


O camiño máis curto cara ao fracaso de todas as iniciativas que buscan saír da crise sistémica é esta desconsideración do factor ecolóxico. Non é unha «externalidade» que se poida tolerar por ser inevitable. Ou o situamos no centro de calquera solución posible ou teremos que aceptar o eventual fracaso da especie humana. A bomba ecolóxica é máis perigosa que todas as bombas letais xa construídas e almacenadas.


Esta vez temos que ser colectivamente humildes e escoitar o que a propia natureza, a berros, estanos pedindo: renunciar á agresión que o actual modelo de produción e consumo implica. Non somos deuses nin donos da Terra senón as súas criaturas e os seus inquilinos. Belamente termina Rose Marie Muraro un libro que será publicado en breve pola Editorial Vozes: Querendo ser Deus, por que?: «Cando desistamos de ser deuses poderemos ser plenamente humanos, que aínda non sabemos que é, pero que intuïamos desde sempre».


Leonardo Boff

http://servicioskoinonia.org/boff/articulo.php?num=325

Sem comentários: