domingo, maio 24, 2009

Os traballadores do Metal bloquean en oito puntos os accesos de Vigo e provocan un colapso total na cuarta xornada de folga

Forzas antidisturbios acosaron aos folguistas, cargando en varias ocasións, polo que se refuxiaron nos estaleiros

O 21 de maio tivo lugar a cuarta xornada de folga do metal, no que desta volta o obxectivo era cortar en oito puntos distintos os accesos de Vigo, mesmo bloqueando a peaxe de Pontevedra en Vilaboa. Unha nova demostración de forza e organización dos traballadores do Metal fixo realidade este obxectivo. A Policia acosou desde primeira hora aos folguistas, e despois das once da mañá cargaban en Guixar e tamén contra un grupo de Barreras na zona de Coia. Os traballadores reagrupáronse nas zonas dos estaleiros, en Barreras e Vulcano, e volveron dar unha boa mostra de organización, valentía e forza dun sector que está disposto a dar esta batalla por un convenio xusto.
21.05.09 Folgametal XXX

Desde as oito da mañá nas distintas zonas industriais volvian ter presenza os piquetes, que para esta xornada tiñan reservada unha acción sorpresa: bloquear en oito puntos os distintos accesos a Vigo, de autovias e autoestradas. Asi desde primeira hora da mañá comezaban a bloquearse a rotonda da zona Franca de Bouzas, a rotonda de Navia, Vincios, a Avenida de Madrid, a rotonda de Guixar, a autovia do Porriño e a peaxe de Pontevedra en Vilaboa.

Colapso da peaxe en Pontevedra

Na cidade de Pontevedra os piquetes colapsaban a peaxe de Vilaboa, na dirección a Vigo, durante máis dunha hora, desde as dez da mañá. Despois os folguistas trasladáronse fronte ao edificio no que tiña lugar o Consello da Xunta na cidade de Pontevedra, onde permaneceron concentrados para denunciar o papel da Xunta neste conflito, no que non se está a implicar.

Camiñada e cortes de tránsito desde a Avenida de Madrid

Os traballadores da zona de Puxeiros e da Avenida de Madrid cortaron o tránsito fronte ao Seminario Maior desde as dez da mañá, onde permaneceron corenta e cinco minutos, até que a Policia ameazou con desaloxalos. Despois realizouse unha concentración fronte á Seat na Avenida de Madrid, e de novo pola presión policial, os traballadores decidiron achegarse até a Praza do Rei, diante da posibilidade de que se celebrara ali unha asemblea.

Os folguistas baixaron pola Gran Via, e mesmo deron unha volta ao redor de El Corte Inglés, e realizaron unha longa marcha, baixo unha forte presión policial, polo centro de Vigo, por Colón, Beiramar, até chegar ao estaleiro de Barreras para apoiar aos compañeiros que ali estaban sitiados.

Cargas para o grupo de Vulcano

O persoal que estaba concentrado fronte a Vulcano saiu ás dez do estaleiro, escoltados en todo momento por antidisturbios, e dirixíronse á rotonda de Guixar, onde realizaron un corte. Ao seu encontro acudiu unha parte do piquete de Barreras, que se chegou até esta zona unha parte polo túnel de Beiramar e outra polo nó de Isaac Peral. Este segundo grupo bloqueou o tránsito no nó de Isaac Peral mais foi desaloxado pola Policia, e decidiron acompañar aos compañeiros de Vulcano que permanecían na rotonda de Guixar.

Mentres se estaba a realizar unha asemblea nesta rotonda, e un grupo dos traballadores permanecía cos mans en alto diante dos antidisturbios, estes cargaron con dureza. O grupo de traballadores reagrupouse en Sanjurjo Badía, onde volveron cargar, mais os policias permaneceron na entrada desta rúa en obras.

Na rotonda que baixa para Vulcano, pola rúa Enrique Lorenzo, os traballadores volveron reagruparse, e ao chegar a Vulcano encontráronse cunha nova carga policial. Ao tentar entrar no estaleiro, polo acoso e a violencia da carga, encontráronse coas portas pechadas. As persecucións e cargas continuaron polo bairro do estaleiro até perto das dúas da tarde. É salientábel a resposta de moitas das persoas que foron testemuñas destas cargas, que mostraron o seu rexeitamento e repulsa á violencia policial.

Cortes na Zona Franca e Navia

Da zona de Barreras saíron varios grupos de piquetes, e unha parte deles achegouse até as rotondas da Zona Franca de Bouzas, onde se bloquearon os accesos durante perto dunha hora. Diante da ameaza policial dunha carga, este grupo trasladouse polo bairro de Bouzas até Coia, subindo pola Avenida de Castelao até a rotonda do Alcampo de Coia.

Nesta rotonda encontráronse cunha parte dos compañeiros de Barreras, que estiveran cortando o tránsito na rotonda de Navia, asi como con outros traballadores que se lle uniron a este grupo, e que chegaban do Polígono do Caramuxo e zona da estrada de Baiona. Este grupo cando recebeu a ameaza de desaloxo da rotonda de Navia foi camiñando até a estrada de Baiona, pasaron por diante de Citroen, e subiron por Martin Echegaray.

Carga polas costas na Avenida Castelao

Unha marcha de milleiros de traballadores que se xuntaran nesta rotonda dirixíase cara a Praza de América, e de repente, o grupo de antidisturbios que seguia de perto a esta manifestación comezou a lanzar botes de fume e pelotas de goma contra os traballadores, sen previo aviso e polas costas.

Os antidisturbios corrian mesmo polas beirarrúas, e un traballador do Metal tivo que axudar a unha señora cun neno pequeno a refuxiarse nunha tenda, mentres pasaba esta avalancha de fume e policias.

O refuxio de Barreras

Unha maré de traballadores correu até o estaleiro de Barreras para refuxiarse. Dúas barricadas a un e outro lado de Beiramar nesta zona impediría que cando chegaran os furgóns policiais puideran situarse tan perto como na anterior carga.

Aínda asi, durante máis de dúas horas os policias continuaron lanzando botes de fume e pelotas de goma, mesmo desde os dous lados de Barreras. Os traballadores resistiron a este embate policial, e pouco antes das dúas da tarde a presenza policial desaparecía deste estaleiro.

Asemblea final

Asi, para rematar a xornada tivo lugar unha asemblea no interior do estaleiro, na que interveu Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, na que sinalou que "mañá a primeira hora da mañá trasladarase a decisión tomada polas centrais sindicais á hora de realizar novas accións, porque imos continuar a darlle unha resposta".

Alcántara lembrou que "o que sucedeu hoxe non é nada fortuito", e recordou a asemblea da patronal do Ifevi na que reclamaban a actuación policial, e criticou o papel dos medios "que están a sinalar que a Policia actuou en resposta a nosa provocación", xa que "están a manipular a realidade dunha maneira insidiosa, para culpabilizar aos que non teñen culpa. Os verdadeiros culpábeis e os que cometen algún tipo de delito e de violencia nas empresas é a Patronal".

O secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG asegurou que "aqui os agresores se queren converter en vítimas e iso non llo imos permitir, porque somos parte da sociedade, somos traballadores e a grande maioría social, e a xente ten que saber porque estamos a loitar". Alcántara subliñou que "se hoxe houbo alguén aqui agredido foron os traballadores do Sector e non a policia".

Críticas ao papel das Administracións

Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal, criticou o papel que está a xogar tanto a Administración galega como a española xa que "na Xunta non se está a facer nada por mediar neste conflito, e a Delegación do Goberno español xa vimos hoxe como pensa actuar neste conflito: con actuacións policiais desmedidas e criminalizando aos traballadores".

Malvido lamentou que "volvamos a tempos escuros nos que as forzas represivas do Estado volven actuar ao servizo dos poderosos e empresarios", asi como criticou que "os medios, os empresarios e a Policia teñan tan claro quen son os culpábeis desta situación cando nós sempre estivemos dispostos a negociar o convenio, e cando as nosas mobilizacións son un exemplo e mostra de forza mais tamén de responsabilidade e dignidade obreira".

Por último, o secretario nacional da CIG-Metal avaliou moi positivamente as xornadas de folga desta semana, e incidiu en que "esta última foi unha mostra de organización moi importante".

Máis imaxes

Nesta ligazón, podedes atopar máis imaxes desta xornada.

Podes velo video na seguinte ligazón:

http://www.galizacig.com/avantar/novas/21-5-2009/os-traballadores-do-metal-bloquean-en-oito-puntos-os-accesos-de-vigo-e-provocan-un-c


Sem comentários: