sábado, maio 16, 2009

Por que deixei de escribir no Xornal de Galicia


Miguel Boó.

Como queira que os meus amigos e lectores do meu blog queren saber as razóns polas cales xa non aparecen as miñas columnas no Xornal de Galicia, paso a explicar moi brevemente o acontecido.

O 8 de abril enviei ao devandito periódico o meu artigo semanal, titulado “A UPG, cancro do BNG”, para ser publicado o Domingo de Pascoa ou de Resurrección. Como non apareceu nin na versión papel nin na edición dixital, dirixínme á responsable de opinión e deume unha curiosa explicación: que como se produciran novas en relación cos movimentos precongresuais do BNG, que aparentemente non coincidían coas apreciacións expresadas no meu artigo, decidiran aplazar a súa publicación ata despois de falar comigo.

Cando expliquei que para nada había contradicción entre o sucedido e o que eu aventuraba no texto, e que, en calquera caso se trataba dunha opinión asinada e non dunha información, quedamos en que non habería problema para publicalo ao día seguinte martes. Pero tal cousa non aconteceu. En troques diso, a segunda de a bordo da sección de Opinión respondeu, aos meus requerimentos, co seguinte mail:
...

Estimado Miguel
Escríbolle con motivo do artigo sobre a UPG e o BNG para decirlle que tal e como o recibimos non podemos publicalo. Isto é debido a que nos nosos estándares para publicar artigos de opinión, non podemos publicar artigos que conteñan descalificacións persoais e no seu artigo se inclúen calificativos como "radical e sumiso" aplicados a persoas. Ademáis, sobre o tema da candidatura de Carlos Aymerich e a UPG, segundo as nosas informacións (é o que estamos a publicar no xornal) Aymerich non vai ligado a UPG. Con todo, gustaríanos publicar o seu artigo se lle fai as modificacións precisas.
Moitas gracias e un saúdo

...
A miña inmediata resposta foi a seguinte:
Estimada M…:
Discrepo radicalmente de que tildar a alguén de radical sexa unha descalificación persoal. Moito menos ainda reputalo de sumiso (obediente, subordinado).
E, se quere atopar descualificacións personais, eu teño visto algunha publicada no Xornal.
En canto ao tema da candidatura de Aymerich, si o que facemos os colaboradores é opinar, a miña opinión non é outra que a que expoño. Opinión que, por certo concorda coa de Beiras e Nogueira, sin que iso queira decir que eu teña algo que ver con eles.

Dito o dito, mándolle de novo o artigo con autocensura, así terán a posibilidade de atender estes meus argumentos e publicar a versión orixinal, ou desoílos e publicar o texto castrado.
Cordialmente

Miguel Boó
...

Como tampouco así houbo reacción, mandei, nos seguintes termos, a miña renuncia a seguir escribindo:
“… ao meu entender se desprende que todo o anterior foi unha montaxe e que, dende un primeiro momento houbo intención de censura. Que a estas alturas da miña vida teña que oir que sustantivar ou adxetivar a un político como radical ou sumiso é unha descualificación persoal que impide a súa publicación, paréceme grotesco, indecente e atentatorio contra a libertade de expresión. Pero por si o trato que se me dispensou (e non era a primeira vez) non foi suficientemente aldraxante, velaí que ademáis incurre en flagrante discriminación.
Ainda aceptando que as palabras en cuestión foran descualificadoras -que, obviamente non o son- acontece que "os vosos estándares para publicar artigos de opinión, (que) non (vos) deixan publicar artigos que conteñan descalificacións persoais" foron literalmente pisoteados por outros colaboradores en numerosas ocasións. Como non teño tempo, somente me referirei a tres casos:

O columnista X. Pérez Igrexas deixou escrito en "Insultos desde a dereita" que Baltar é un fillo de puta e un cacique; en "Cainismo non é debate", dí que "exemplares como M. Romeu xa demostraron a súa deslealtade" (exemplar é un termo empregado despectivamente, e desleal é alguén que incumpre as leis da fidelidade, a honra e a bonomía de ben); e no artigo titulado "A covardía de Feijoo" chama neoliberal e covarde ao Feijoo.

Pero iso non foi todo. Como podes comprobar, contestei dando dúas alternativas e non aceptou ningunha delas, polo que o meu artigo sigue sin aparecer. Así que nesta situación de indefensión e atropelo dos meus dereitos, anuncio que deixo de ser colaborador de Xornal de Galicia. Iso sí, non sin agradecer sinceramente que se me convidara a formar parte dese proxecto ao que desexo moitos anos de vida.
E isa foi a historia. O artigo de marras está colgado no blog http://miguelboo.blogspot.com/2009/04/upg-cancro-do-bng.html onde seguirei publicando o que me pete e onde espero seguir contando contigo como lector.

Apertas, meus amigos e amigas, e un brinde pola libertade de expresión outravolta aldraxada.

Sem comentários: