sábado, junho 06, 2009

CADEAS HUMANAS CONTRA A EXCLUSIÓN

Que levou a máis de cincocentas persoas a congregarse no centro de Vigo e arrodear dúas veces, a xeito de cadea humana, un edificio lindeiro á casa do Concello e proceder á súa simbólica inauguración? A Rede Galicia Sur, plataforma que agrupa a 24 organizacións que traballan no eido da solidariedade e da cooperación na cidade de Vigo e na súa bisbarra, convocou este acto reivindicativo solicitando a apertura dun albergue público para as persoas sen fogar e en situacións de emerxencia e pobreza severa.

J. A. Martínez - IRIMIA

Este acto, que tivo lugar o 21 de maio, veu precedido dunha sentada de 24horas diante da porta do Fogar de San Paio, máis coñecido como a “Gota de Leite”, emprazamento escolleito e xa parcialmente acondicionado para tal fin polo II Plan Galego de Inclusión Social (2007-2013), promovido pola Xunta de Galicia, que pretendía abrilo coma un centro de referencia dentro da Rede de Centros de Inclusión Social. 

Unha realidade: as/os sen teito  

Segundo os datos coas que contan as principais organizacións que traballan neste eido, Vigo conta con máis de 300 persoas que malviven na rúa a causa de motivos económicos, sociais e de saúde. Malia a importancia da poboación afectada, a cidade olívica non conta con ningún centro público que poda atender a este colectivo, que se ve agravado para grave carencia de infraestruturas básicas de urxencia que permitan intervir con criterios profesionais nas necesidades das persoas sen fogar, constatándose o aumento da demanda e das peticións de axuda por parte destes.  Por outra banda, tal como resalta a Rede Galicia Sur, estas eivas afectan dun xeito dramático ás mulleres que se atopan en situación de emerxencia e que carecen de domicilio, que non teñen onde acudir ou non teñen unha resposta inmediata á súa situación, co que na práctica, as mulleres resultan dobremente excluídas. Unha realidade en si mesmo terrible, mais que queda sen cualificativos se temos en conta que no que vai de ano 14 persoas faleceron en Vigo na rúa.  

Unha carencia: os servizos públicos para as persoas sen fogar  

A cidadanía viguesa mobilízase, mais o problema abrangue a toda Galicia. Segundo os datos que publicaba o xornal Galicia Hoxe de hai menos dun ano, Vicepresidencia da Xunta, de quen era competencia nese momento esta realidade, recoñecía a existencia de só 353 prazas en centros de inclusión, pisos de acollida ou albergues, para as máis de 4.000 persoas sen teito que viven no noso país, non sendo ningunha destas prazas  pública, senón que se trataría de centros xestionados por asociacións, fundacións ou ordes relixiosas.  

Para o edificio da Gota de Leite, centricamente situado, lindante cunha das zonas de maior marxinalidade social, fíxose desde a Vicepresidencia do Bipartito un proxecto piloto, con albergue e comedor social, pero tamén con “calor e café”, unidade de hixiene, centro de día e espazo para dar acollida a xente que inicie unha estancia máis longa, cando se compromete non proxecto serio de inserción laboral. 

Obrouse sobre o andar máis baixo, o que dá acceso ao comedor, e podería comezar a funcionar de maneira progresiva, ata converterse nun auténtico centro de referencia dentro do proxecto de Rede de Centros de Inclusión Social.   

Un proxecto de vangarda, porén, en perigo. Efectivamente, a falla dunha concreción orzamentaria específica por parte da anterior administración para dotalo de persoal e botalo a andar, así como o cambio de goberno na Xunta, permitiu que as manobras obstrucionistas do alcalde - que pretende que nese  inmoble que é patrimonio da Xunta destinado a uso social se instale a policía municipal!!!- sexa a desculpa para que a nova Xunta se manteña na indefinición, dilatando a súa inauguración e entrando no xogo de falar dun novo emprazamento.

Ás hipocrisías de determinados sectores sociais, que buscaban explicacións heteroxéneas para desbotar a localización da Gota de Leite, mais sen falar abertamente da mala imaxe dos pobres, do seu suposto efecto sobre o comercio local –cando o que se pretende é precisamente sacar a xente da rúa-, uníronse as tirapuxas políticas, dentro do propio bipartito local, cun BNG, responsable desta área, que se declara aliñado co que se promovera dende unha das súas consellerías, fronte a un PsdG, que agora se atopa máis cómodo amparándose nos medos do PP. E no medio da polémica, o peche do albergue provisional sito na antiga Escola de Hostalería do Berbés, que volve deixar ás persoas sen fogar novamente na rúa.  

Unha reclamación: un Centro de Inclusión Social na Gota de Leite  

A Rede Social Galicia Sur reclama a apertura deste Centro de Inclusión Social, coma un  recurso básico de intervención que facilite dende a atención sociosanitaria básica á integración do colectivo de persoas sen fogar e, en xeral, para a xente que nun momento determinado poda atoparse nunha situación de emerxencia ou de exclusión social. Entende que Vigo precisa dun dispositivo público deste tipo ao carecer dunha alternativa para unha poboación que non deixa de medrar. Esixe que acaben coas trabas administrativas, que se cumpran as promesas e que se produza unha apertura inmediata do Centro, sendo asumido este coma un proxecto prioritario e urxente para a cidade, independentemente de quen a represente dende o Concello.  Para esta Rede, o proxecto de Centro de Inclusión Social da Gota de Leite é unha oportunidade inmellorable para atender esta demanda histórica e urxente neste lugar: pola súa capacidade, polo espazo dispoñible, pola proximidade aos recursos normalizados, polo emprazamento e polas súas instalacións. É fundamental dispor de servizos profesionais neste eido, pero aínda máis facilitar un espazo de participación das persoas sen fogar na sociedade e na vida comunitaria co apoio dos distintos axentes sociais. É unha urxencia á que a crise económica non debe servir de escusa senón acelerar a súa posta en funcionamento.

---

A cousa vén de atrás 
2004: Aprobado en Pleno municipal a creación dun Albergue municipal.  

2005: Non se fixo nada.  

2006: Houbo múltiples promesas pero non se concretaron en nada. Forte polémica porque a Vicepresidencia manifesta intención de dedicar parte da infrautilizada Hospedaría da casa do Mar a albergue.  "Los indigentes vigueses se quedan sin plazas de albergue en Verano"(Atlantico Diario.09.08.2006 )  

2007: Xuntanza coa Secretaria Xeral de Benestar Social da Xunta de Galicia no Concello de Vigo. Vicepresidencia deseña dun proxecto integral no centro San Paio.   "Siete Sin Techo murieron en Vigo a lo largo del 2006" (La Voz De Galicia 10.01.2007) 

2008: Promesa de  abrir antes do verán. O Alcalde comeza a manifestar o seu desacordo. 

2008-2009. O Concello de Vigo pon en marcha o dispositivo especial contra o frío na Escola de Hostelería do Berbés. 

Xaneiro 2009: Comezan as obras na Gota de Leite 

Maio 2009: O Valedor urxe á Xunta a abrir un albergue en Vigo trala morte de 14 sen teito.

Sem comentários: