quarta-feira, junho 24, 2009

Centros católicos, ulos?

Irimia nº 791

Unha amiga profesora fíxome chegar hai xa uns días uns trípticos explicativos nos que se quería facer reflexionar os pais sobre as mentiras acerca do galego máis en voga: que se os nenos perden de aprender castelán ou inglés, que se van menos preparados ca noutras comunidades onde só falan castelán... Con sorpresa e ledicia fixeime que entre os que apoiaban este papeliño estaban as Escolas Católicas.

O tempo pasou e nunca recibín nin a primeira das informacións desde o centro no que estudan os meus fillos, presuntamente católico, xa que é un colexio de monxas: nin se nos alertou das trampas-erros que a enquisa da Xunta agochaba, nin nada de nada. Visitei o centro á procura dalgún taboleiro no que aparecese a referida información, pero en todos eles a única referencia que vin ás linguas era o anuncio dun campus de verán para mergullar os cativos en inglés, que seica ten máis propiedades beneficiosas cá auga do mar.

Preguntei a un coñecido se no centro, tamén de monxas presuntamente católicas, ás que el leva os seus fillos se comunicara algo sobre o tema aos pais: nada de nada.

Si en cambio sei que a ANPA dun colexio público veciño enviou o tríptico a todos os pais. Será que para educar os fillos ao xeito católico hai que cambialos de centro?

Liberdade, si; pero non para ti

Xa lle puxera o punto e final ao artigo anterior, cando lin na prensa que Educación enviara por escrito aos centros educativos a orde para que se impedise a distribución de calquera tríptico informativo ou a celebración de calquera reunión para explicar a postura favorable á educación bilingüe dos equipos de normalización e dun sector do profesorado. Iso, sen explicar en que lexislación baseaban semellante prohibición e despois de que Galicia Bilingüe e outras asociacións afíns se paseasen ata onte mesmo por centros públicos e privados como Perico pola súa casa: enviando cartas ás familias e aos equipos directivos, celebrando mitins, recollendo sinaturas...

Xa vexo eu de que vai a defensa da liberdade lingüística que fai o PP: os que están de acordo co goberno teñen dereito a falar e a elixir; os que pensan diferente teñen que calar e achantar. Liberdade para min, merda (dispensando) para os demais. Pois cando só os que mandan poden dicir o que pensan, normalmente non se fala de liberdade, senón de ditadura. E que non me veñan coa leria esa de que gañaron as eleccións, porque iso non lles dá potestade a anular un dereito constitucional como o da liberdade de expresión.

Para empezar, ninguén os votou para isto. E aproveito para dicir que ningunha das medidas que están tomando contra o galego figuraba no seu programa electoral e só a derrogación do Decreto 124/07 saíu durante a campaña, así que tampouco ninguén os votou para que reformasen a Lei de función pública, por exemplo, co fin de eliminar das oposicións os exames en galego ou de galego.

En todo caso, e pensen o que pensen os seus votantes, os gobernos democráticos están obrigados a respectar as leis fundamentais e os dereitos das minorías. Tamén Hitler chegou ao poder despois dunhas eleccións democráticas e iso non lle daba dereito (supoño que Núñez Feijoo coincidirá comigo neste punto) a asasinar a seis millóns de xudeus. Mesmo que aos electores que votaron aos nazis lles parecese, previo lavado de cerebro, unha idea liberadora.

Sem comentários: