segunda-feira, junho 15, 2009

Deán , o Reconquistador.

Daniel López Muñoz / Irimia nº 790.

E abríronse os ceos -se cadra era o teito artesoado, que era divino-, e unha luz branquísima atordou a Deán, o santoheroe, aínda axitado e luscofuscado por unha ansiedade “jubilar” que o mantiña insomne en mortificada loita e permanente vixía contra a inmunda -aggggg!- tentación secularista. Un serenísimo baixo continuo invadiu a estancia. Coros de querubíns de indefinido xénero e número -sobre todo xénero- decoraban o silencio con lenes, perfectas, primorosas -sen por iso deixar de seren diplomaticamente enérxicas- ladaíñas: a caelo usque ad centrum, a mari usque ad mare, a pedibus usque ad caput, absolutum dominiun! (que, tradutore, tradittore, disque significa: benia o pluralismo!; saúde á liberdade; gloria á diferenza!. Todo dentro da orde natural das cousas!!).

Foi daquela cando, así sen voz en off nin farrapo de cítara, naquel anaco de ceo aberto, acendeu unha sorte de pantallas plasma de vaticanas dimensións e Deán, con ollos chorosos e amilagrados, tivo aquela beatífica visión: Multitudes congregábanse na Alameda (ás 12 na Alameda, pare sermos exactos), piadosos confrades e cafradas ( mmmm, “confradas” quizais?, dubidou Deán, facendo unha concesión á linguaxe de xénero)... en interminables ringleiras de adoradores e adoratrices (outra); masivas procesións confesionais do Gaiás ao Gozo e, de gozo en gozo -estritamente espiritual-, en fervoroso viacrucis ascendente, ao Santo Pedroso,... Pedroso, albricias!!, Pedro, Petrus, Santo Padre, Ratzinguer -raios!, digo aleluia!- alí agardando; rosarios de moreas e a moreas, da aurora e do ocaso, da alba ao solpor -mesmo con sopor-; homilías purgatorias en altofalantes por todo o espazo público, pero xa menos; ortodoxísimas liturxias soportadas -aturadas???- en novas tecnoloxías, en cada praza, en cada avenida, en cada bus urbano, en cada andar do Hipercor...

E a Quintana dos mortos, por fin reconquistada, inzada de peregrinos, non todos con ideas peregrinas pero cunha soa voz: Totus Tuus deán noster!! (que vén significando: dean o que che dean, que nolo dean Deán).

Ás sete soou o espertador.

E ás once perdemos outra oportunidade para asentar criterios sobre o espazo que a espiritualidade debe ter nunha sociedade plural, xuridicamente aconfesional, culturalmente alienada, socialmente inicua, ecoloxicamente suicida e psicoloxicamente neurótica.

Outra mágoa.

Sem comentários: