sábado, junho 13, 2009

Éxito da folga xeral no sector do Metal da provincia de Pontevedra e nova demostración de forza por un convenio xusto.


Piquetes desde as catro da mañá e marchas moi numerosas polo centro de Vigo que remataron diante de Citroen
Oitava xornada de folga pola negociación do convenio provincial do Metal, e desta volta a convocatoria tamén afectaba a aqueles empresas que teñen convenio propio e son deste sector, como Citroen ou todas as súas auxiliares. A folga contou cun amplo seguimento e cualificouse como todo un éxito desde as centrais sindicais, porque ademais neste novo dia de folga eran moitos os traballadores e traballadoras do Sector que visibilizaban a loita polo convenio do Metal nas rúas de Vigo, con imensas marchas e bloqueos en zonas industriais desde primeirisima hora da mañá. Con esta forza e contundencia o Metal volvia enviar unha mensaxe: este sector non se rende e cada dia ten máis razóns para continuar a dar esta batalla.
12.06.09 Folga metal XXXII

O venres 12 de xuño era un novo dia de convocatoria de folga para as empresas afectadas pola negociación do Convenio provincial do Metal de Pontevedra, e xa van oito, mais tamén era unha xornada distinta xa que a convocatoria de folga se estendía a todo o sector e comezaba unha folga xeral do sector do Metal.

Piquetes desde as catro da mañá

Os primeiros piquetes reuníanse algo antes das catro da mañá en Citroen, fronte a entrada de traballadores e traballadoras que comezaban a súa quenda ás seis da mañá, mais desde máis de dúas horas antes o persoal amarelo facía a súa entrada na factoría, escoltados por un forte dispositivo policial de antidisturbios.

Neste sentido, a empresa prolongou a actividade da quenda da pasada noite para intentar minimizar o impacto da folga. Non puideron impedir atrasos na entrada de traballadores, asi como problemas cos suministros. Asi, coñeciase á tarde que se suspendia a quenda de noite deste venres como consecuencia da folga.

Tamén houbo presenza de piquetes no Polígono de Valadares e no Porriño, onde as auxiliares do automóbil responderon moi positivamente a esta convocatoria de folga.

Despois destes piquetes para reforzar o seguimento da folga xeral no sector, tamén se realizaron as habituais concentracións nas distintas zonas industriais.

Importante impacto da folga xeral do sector

Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, participou dunha asemblea en Barreras antes de comezar as manifestacións pola cidade na que daba conta do comezo da xornada: "Desde as catro da mañá estivemos en Citroen, un grupo bastante numeroso de persoas, e o paro en Citroen ten a súa importancia porque unha cadea está funcionando praticamente ao 30% e a outra funciona a metade da velocidade normal, polo que podemos falar de que a convocatoria ten o seu efecto . As auxiliares e suministradores de Citroen están todas praticamente paradas".

Por último, Alcántara salientaba que "a partir de agora imos ter que poñernos a pensar de que maneira respondemos á patronal porque seguramente están preparados para aturar un pulso duro, pensando que o noso ciclo final pode estar a final de mes, que a partir de aí xa non haberá recondución posíbel do conflito, mais temos que pensar que estratexia seguimos a partir de agora de tal xeito que non saiban como lles imos responder cada un dos dias. Hai moitas posibilidades: igual en algún momento queremos que as folgas sexan de catro horas todos os días e asi todo o mundo estea aqui, e igual os talleres de reparación do automóbil, que están todos parados, mais continúan a vender coches porque están nun comercio distinto, pois ao mellor lle paralizamos tamén a actividade de venda do comercio". O secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG adiantaba que "non descartamos volver convocar unha nova folga xeral para o sector, que o teñan en previsión os empresarios".

Identificacións e cacheos

É salientábel a alta presenza policial e o acoso que se realizou ao longo da xornada contra folguistas, que foron identificados, anotadas as matrículas dos seus coches, e mesmo cacheados.

Aínda coa vontade de atemorizar das forzas de seguridade, desde as concentracións en distintas zonas e centros de traballo volvian comezar marchas pola cidade pouco despois das nove da mañá, para confluir todos e todas nunha grande asemblea na Praza do Concello.

Asemblea na Praza do Concello

Nesta asemblea, interviña en nome da CIG, o secretario nacional da CIG-Metal, Miguel Malvido que comezou dicindo que "hoxe é un dia importante porque non só estamos aqui os afectados polo convenio provincial senón que estamos aqui tamén aqueles traballadores do sector do Metal que teñen convenio propio. O paro na maioría das auxiliares de Citroen foi un éxito. Tamén estan con nós compañeiros doutras empresas do Metal que teñen convenio propio e os compañeiros das empresas principais do Metal".

Tradición de loita sindical do Metal

Malvido lembrou que "Ao mellor imos precisar máis destes compañeiros noutras ocasións, da súa solidariedade. Estes compañeiros e compañeiras representan a tradición de loita sindical do sector do Metal desde as folgas do 72 por uns dereitos laborais e contra a ditadura fascista e aqueles traballadores que durante a época dos 80 pelexaron xunto co resto do sector do Metal e a cidadanía para que o sector naval seguira tan puxante como está agora".

Sobre a problemática na que se encontra o conflito, Malvido sinalou que "primeiro quixeron desviar a atención, e asi expuñan que a nosa loita non fose unha reivindicación laboral, que non fose unha reivindicación dos traballadores e quixeron desviar a atención da opinión pública e mesmo se pretendeu poñer a opinión pública fronte a nós. Non queren que isto sexa a loita por un convenio digno, queren convertelo nunha especie de conflito policial e aí non imos cair, porque sabemos polo que estamos a pelexar".

"Non é un problema exclusivamente salarial"

O secretario nacional da CIG-Metal expuxo que "agora sairon noves voces para desvirtuar de novo e dicir que é simplesmente un problema salarial, e non é certo, porque ningunha empresa vai pechar por unha suba salarial. Nós estamos a negociar un marco mínimo para todas as empresas do Metal. E non pode ser un problema salarial cando din que perderon 70 millóns de euros e se facemos as contas iso é o incremento salarial de seis anos. O problema somos nós, o noso modelo sindical, as nosas asembleas, que somos reivindicativos, o problema é que non dobramos. E ademais precisaron arrouparse, por iso fixeron a macroasemblea do Ifevi, para apoiar unha determinada política porque non lles gusta o noso modelo, e por iso tentaron desviar a atención coa actuación policial, e por iso están a aguantar, porque cren que nos van dobrar e iso non é certo".

Asi, Malvido informou de que ao longo da negociación a patronal quixo "tocar determinados artigos co convenio se queriamos incremento salarial, e nós dixemos que nin falalo porque dos dereitos conquistados nestes anos non imos dar nin un paso atrás, nin bolsa de horas, nin flexibilidade horaria, nin tocar a indemnización por temporalidade. O problema é que eles saben que imos metendo artigos e medidas no convenio que van consolidando e construindo o noso futuro e os nosos dereitos".

"Resistir é vencer"

Malvido lanzou na súa intervención un par de mensaxes: "parece que se senten fortes e cren que nós estamos febles, e xa dicimos que de debilidade nada, porque este Metal é un sector forte e reivindicativo, que se mobiliza e que ten a capacidade de resistir e de loitar, fixémolo no 81, 89, 91, 94, 2006 e 2007, e sabedes por que? Porque temos capacidade de resistir, e resistir é vencer".

Marcha multitudinaria até Citroen

Despois desta asemblea, milleiros e milleiros de traballadores e traballadoras do Metal encamiñaban os seus pasos cara a Praza de América, desde onde baixarían por Castrelos até a Avenida Alcalde Portanet, xusto ao extremo do Estadio Balaidos. Xusto aí atopábanse cun fortísimo cordón policial, que impedía achegarse até a entrada principal de Citroen. Os folguistas mantivéronse cortando o tránsito nesta zona até as dúas e cuarto da tarde, momento no que tiña lugar unha asemblea final.

Nesta asemblea indicouse a posibilidade de que ao longo da fin de semana a representación sindical fora chamada para unha nova negociación, polo que se fixo un chamamento a estar atentos ao que puidera acontecer, porque o luns hai convocada unha nova xornada de folga, e a resposta pola dignidade e loita do convenio do Metal de Pontevedra continuará a próxima semana.

Máis imaxes

Na sección multimedia da nosa web, ou nesta ligazón, podedes atopar máis de setenta imaxes desta xornada de folga, marchas e visibilización do conflito do Metal.


http://www.galizacig.com/avantar/novas/12-6-2009/exito-da-folga-xeral-no-sector-do-metal-da-provincia-de-pontevedra-e-nova-demostraci

Sem comentários: