domingo, junho 14, 2009

Novo estadio da mundialización: a noosfera.

A actual crise económica está colocando á humanidade ante unha terrible bifurcación: ou segue ao G-20 que insiste en revitalizar a un moribundo “o modelo vixente do capitalismo globalizado” que provocou a actual crise mundial e que, se continúa, poderá levarnos a unha traxedia ecolóxica e humanitaria, ou intenta un novo paradigma que coloque á Terra, a vida e a Humanidade no centro e a economía ao seu servizo, e entón fará nacer un novo estadio de civilización que garantirá máis equidade e humanidade en todas as relacións, comezando polas produtivas.

A sensación que temos é a de estar seguindo un voo cego e todo pode suceder.

Desde un punto de vista reflexivo, preséntanse dúas interpretacións básicas da crise: trátase dos estertores dun moribundo ou das dores de parto dun novo ser.

Alíñome coa segunda alternativa, a do parto. Négome a aceptar que logo dalgúns millóns de anos de evolución sobre este planeta, sexamos expulsados del nas próximas xeracións. Se miramos cara atrás, ao proceso antropoxénico, constamos indubidablemente que camiñamos cara a formas máis altas de complexidade e ordes cada vez máis interdependientes. O escenario non sería de morte senón de crise, que nos fará sufrir moito, pero que nos purificará para un novo ensaio civilizatorio.

Non se pode negar que a globalización, ata na súa actual idade de ferro, creou as condicións materiais para todo tipo de relacións entre os pobos. De feito xurdiu unha conciencia planetaria. É coma se o cerebro comezase a crecer fóra da caixa cranial por causa das novas tecnoloxías e penetrase máis profundamente nos misterios da natureza.

O ser humano está hominizando toda a realidade planetaria. Se a Amazonia permanece en pé ou é derrubada, se as especies continúan ou se extinguen, se os chans e o aire mantéñense puros ou contaminados, depende de decisións humanas. Terra e Humanidade están formando unha única entidade global. O sistema nervioso central está constituído polos cerebros humanos cada vez máis en sinapse e cheos dun sentimento de pertenza e de responsabilidade colectiva. Buscamos centros multidimensionais de observación, de análise, de pensamento e de goberno.

Noutro tempo, a partir da xeosfera xurdiu a litosfera (rocas), despois a hidrosfera (auga), logo a atmosfera (aire), posteriormente a biosfera (vida) e para rematar a antroposfera (ser humano). Agora a historia madurou cara a unha etapa máis avanzada do proceso evolutivo, a da noosfera. Noosfera, como di a propia palabra (nous en grego significa mente e intelixencia), expresa a converxencia de mentes e corazóns, orixinando unha unidade máis alta e máis complexa. É o comezo dunha nova historia, a historia da Terra unida coa Humanidade (expresión consciente e intelixente da Terra).

A historia avanza a través de tentativas, acertos e erros. Nos días actuais estamos asistindo á fase nacente da noosfera, que non consegue aínda alcanzar a hexemonía debido á forza dun tipo de globalización excluínte e pouco cooperativa, amplamente fraxilizada agora por causa da crise sistémica.

Pero estamos convencidos de que para esta nova etapa “a da noosfera” conspiran as forzas do universo que están sempre producindo sempre novos acontecementos. A nosa galaxia, e quen sabe se o propio universo, está movéndose en función desta converxencia na diversidade urxencias. No planeta Terra, minúsculo punto azul-branco perdido nunha galaxia irrisoria, nun sistema solar marxinal (a 27 mil anos luz do centro da galaxia), cristalizouse para nós a noosfera. Aínda é fráxil, pero trae con ela o novo sentido da evolución. E non se exclúe a posibilidade doutros mundos paralelos.

A crise actual fai necesaria unha saída salvadora e esta é a noosfera. Entón prevalecerá a comuñón de mentes e corazóns dos seres humanos entre si, coa Terra, con todo o universo e co Atractor de todas as cousas.

Leonardo Boff


Sem comentários: