quinta-feira, junho 18, 2009

O ouro (verde), a nova colonización de América Latina


Mª Luisa Toribio / alandar

O campo latinoamericano está sufrindo unha gran revolución, pero non a que esperaban os seus campesiños sen terra. Un exemplo? O monocultivo de soia transxénica en Paraguai. Familias empuxadas a deixar as súas terras, fame, contaminación e enfermidades constitúen o legado deste novo colonialismo. A través do caso paraguaio, imos facer un breve percorrido polas consecuencias desta dramática invasión, na que se mesturan resistencias e motivos de esperanza.


O dereito á alimentación, o dereito á terra

Paraguai é un país moi fértil. O 40% dos seus habitantes vive -vivían- da agricultura. Con todo, os seus campesiños teñen cada día menos parcelas para cultivar. Están vendo como periga a nai terra que lles deu para comer, e con ela o seu medio de vida e o futuro dos seus fillos.

Organizaron a resistencia, agrúpanse en campamentos de protesta, ocupan campos de soia, defenden o seu dereito a cultivar a terra e a decidir o seu modo de vida. Reclaman a propiedade dunha terra adxudicada ilegalmente, durante a ditadura militar, a moitos dos seus actuais propietarios. Os latifundistas, pola súa banda, pasean as súas armas xunto aos asentamentos campesiños.

As multinacionais, con Monsanto á cabeza, promoveron o monocultivo de soia transxénica -o ouro verde do século XXI- que alimenta a cobiza dos grandes propietarios da terra e das empresas que controlan a alimentación do mundo. O destino desta soia é converterse en penso para soster o consumo (insostible) de vacún, polo e porco do mundo desenvolvido, e en combustible “alternativo” para os coches.

Paraguai converteuse no cuarto exportador mundial de soia. Pero esta agricultura mecanizada e destinada á exportación non mellorou o nivel de vida no país. Hai máis pobreza, os mozos ven obrigados a emigrar por falta de traballo, os campesiños abandonan os seus fogares e vanse aos suburbios a vivir... do lixo!


No chan, na auga, no aire... e nas persoas

Como todo monocultivo, o da soia require grandes cantidades de enerxía e de produtos químicos. Pero os transxénicos van máis aló da “revolución verde” do pasado século, agora a tecnoloxía permite controlar -e monopolizar- a produción das sementes. Manipuláronse xeneticamente para que a planta sexa resistente a un herbicida, o glifosato, que produce a mesma empresa. Monsanto vende así o paquete completo: semente e herbicida, negocio redondo.

O herbicida utilízase profusamente. Fumigase, ademais, sen cumprir a lexislación, non se respecta a ribeira dos arroios nin a proximidade das casas. Estase envelenando o chan, a auga e o aire. As augas subterráneas tamén empezaron a contaminarse. A fumigación da soia acaba ademais cos cultivos próximos. O vento transporta o herbicida ás zonas habitadas. Aumentan os casos de nenos e nenas con alerxias e con problemas respiratorios. Aumenta a chegada ao mundo de bebés con graves -gravísimas- malformacións conxénitas.

Como todo monocultivo, utiliza moi pouca man de obra. Os campesiños sobran. O cultivo mecanizado da soia implica un cambio cultural de 180 graos con respecto á agricultura campesiña tradicional do país, que era orgánica, en pequenas leiras, sen agroquímicos e con abundante man de obra.


Mirando ao futuro con esperanza

O goberno do presidente Lugo quere facer unha reforma agraria nova e xusta, e recuperar as terras do Estado que foron vendidas irregularmente durante a ditadura militar. Os campesiños sen terra están pendentes deste proceso que abre un camiño de esperanza no seu defensa dunha agricultura baseada no respecto á terra e que busca unha vida digna para as comunidades campesiñas. Pero a reforma é urxente, se quere frear a invasión dos cultivos transxénicos.


MÁIS INFORMACIÓN

"A guerra da soia" Programa En Portada www.rtve.es/alacarta/index.html?page=2#396881



Sem comentários: