sexta-feira, junho 12, 2009

Pola defensa do ensino en galego.

As organizacións abaixo asinantes, ante o anuncio da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria de realizar unha consulta nos centros educativos en relación co uso do galego, queren transmitir á comunidade educativa e á sociedade galega no seu conxunto as seguintes cuestións:

1. Esta é unha consulta, deseñada á marxe da comunidade educativa, carente de rigor na metodoloxía de distribución e no procesamento de datos e sen garantías para a intimidade das persoas e a protección de datos de carácter persoal.

2. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento Galego en 2004 (PP, PSOE e BNG), é un punto de encontro na definición dos obxectivos para o ámbito educativo. O Decreto 124/2007, de 28 de xuño, recolle este acordo do Parlamento Galego dándolle carácter normativo e a súa legalidade foi avalada por varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Esta norma pretende garantir unha competencia similar en galego e en castelán.

3.O obxectivo de que ao remate do ensino obrigatorio os nenos e as nenas sexan plenamente competentes nas dúas linguas oficiais non pode conseguirse con menos do 50% das materias impartidas en galego. Coa enquisa que se envía ao centros o mantemento desta porcentaxe só se garantiría marcando a resposta “en galego” ou “todo en galego”, pois esta opción non fai referencia á totalidade do ensino, senón soamente ás materias que habería que impartir hoxe en galego –o 50%-, xa que a enquisa non recolle a opción de que todas as materias agás as linguas, poidan ser impartidas en galego.

4. Por termos en conta as consideracións anteriores, propoñemos marcar a opción “galego” (en Infantil e FP) e “todo en galego” (en Primaria e Secundaria), porque desta maneira estariamos a indicar que queremos en galego as materias que hoxe se deben impartir na nosa lingua, tal e como indica o decreto en vigor. Non significaría, por tanto, que optemos por todo o ensino en galego, pois esta opción non se considera.

5. Igualmente xulgamos preciso transmitir a nais e pais a necesidade de incluíren no apartado de observacións da enquisa peticións semellantes a que expresamos a continuación:

Desexaría que o ensino fose en galego, unha opción que non recolle esta enquisa.

Estou a favor da aplicación do decreto actual de promoción e uso do galego no ensino, realizado co consenso da comunidade educativa e que emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego.

Todo o anterior fai que os resultados desta consulta non me parezan lexítimos.

A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación de Directores e Directivos de IES, AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega), CIG-Ensino (Confederación Intersindical Galega), Comités, Coordinadora de Equipas de Dinamización e Normalización Lingüística de Ferrolterra, Coordinadora de Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística, Coordindora de Equipas de Dinamización e Normalización Lingüística de Compostela, NEG (Nova Escola Galega), STEG (Sindicato dos/as traballadores/as do Ensino de Galicia).


Sem comentários: