sábado, junho 27, 2009

República Democrática do Congo (RDC): Un informe demoledor da ONU sobre o Kivu.

República Democrática do Congo (RDC): Un informe demoledor da ONU sobre o Kivu.

O 14 de maio, o grupo de expertos da ONU para a RDC remitiu ao Consello de Seguridade un informe sobre a situación no leste da RDC.

Segundo o informe, a pesar da operación ruandesa-congolesa de primeiros de ano, os rebeldes hutu ruandeses das Forzas Democráticas de Liberación de Ruanda (FDLR) seguen sendo moi activos. Segundo os expertos, a operación militar conxunta “sufriu por mor da súa brevidade, dos problemas loxísticos e do desvío de fondos operativos destinados á súa realización” e “fracasou na súa misión de crebar a estrutura de mando das FDLR, que permanece intacta” Segundo eles, as FDLR continúan financiándose por medio da explotación ilegal de minas e controlan a produción de carbón vexetal no Parque Nacional Virunga. Desde primeiros de ano, as FDLR realizaron contraataques de guerrilla no Kivu Norte en coordinación co seu xefe Ignace Murwanashyaka, que reside en Alemaña Segundo o informe, Murwanashyaka, equipado cun teléfono-satélite, posúe os medios para dar ordes ao xeneral Silvestre Mudacumura do batallón Zodiac para recuperar os territorios perdidos. O comité puido verificalo grazas a gravacións telefónicas do xeneral Mudacumura.

Sobre a cuestión da integración dos grupos armados nas forzas congolesas, os expertos da ONU estiman que foi mal planificada e realizada demasiado rapidamente. Afirman que durante a etapa acelerada do proceso de integración, 12 mil homes foron censados, de entre eles 6.006 do Congreso Nacional da Defensa do Pobo (CNDP), 2872 da Coalición Congolesa de Resistencia Patriótica (PARECO) e o resto dos diferentes grupos Maï Maï.

O informe revela que “o pago tardía do soldo das Forzas Armadas da República Democrática do Congo (FARDC), compostas esencialmente por exrebeldes congoleses do CNDP e outros milicianos, integrados no exército de Kinshasa tras un breve período de planificación, agravou tamén a indisciplina”. Iso trouxo consigo “violacións continuas dos dereitos humanos, perpetradas polas FARDC”.

Afirman por outra banda atopar “probas de que un número de antigos oficiais do CNDP, actualmente nas FARDC, actúan en estruturas de mando paralelas”. Segundo os testemuños recolleitos, o xeneral Bosco Ntaganda, ex-xefe de estado-maior do CNDP buscado pola Corte Penal Internacional (CPI), “actúa de feito como segundo comandante das FARDC para operacións armadas no Kivi, en lugar do coronel Isidoro Kaumbu Nyankole nomeado a este posto.

Os expertos afirman que hai moitas armas que non foron devoltas polos exrebeldes do CNDP ou polas diversas milicias Maï MaÏ. Existen en consecuencia agochos de armas, ata de armas pesadas capturadas polo CNDP na base militar das FARDC de Rumangabo en 2008, o mesmo que armas recibidas polo CNDP por outras fontes. Unha parte importante destas armas estaría baixo control de antigos oficiais do CNDP.

O informe menciona igualmente a existencia de administracións paralelas. O grupo estableceu que o CNDP seguen cobrando taxas ilegais no seu antigo feudo na contorna de Kitchanga, en territorio Masisi. Administradores fiscais civís, secundados por militares, encárganse de dar certificados fiscais co selo do CNDP aos camioneiros e comerciantes do territorio. O grupo calculou, con axuda de cifras documentadas que o CNDP podía percibir ata 250.000 $ provenientes destas taxas sobre os transportistas. Segundo numerosas fontes, parece que o xeneral Ntaganda ten acceso a algúns destes fondos.

O Comité de seguridade recadou varios informes sobre o recrutamento en curso de nenos-soldado no seo das FARDC polo tenente-coronel Zimurinda. “Se os mozos resístense ao recrutamento, méteselles ao cárcere ata que obedezan”, di o informe.

Paralelamente, o tenente-coronel Jean-Pierre Biyoyo, xulgado por un tribunal militar en marzo de 2006 por crimes de guerra, concretamente por recrutamento de nenos, “é actualmente subcomandante das FARDC no sector 32 despregado en Kivu Sur”, segundo o informe. Con relación a violencias contra civís, os expertos acusan a todas as partes. “Execucións arbitrarias, matanzas como represalias, secuestros, destrucións voluntarias de bens”, son atribuídas ás FDLR e aos rebeldes ugandeses da Exercito de Resistencia do Señor (Lord's Resistance Army - LRA). “A violencia sexual, o traballo forzado, os pillaxes e malos tratos a civís” son producidos por soldados das FARDC.

O comité do Consello de seguridade formulou recomendacións, como as posta en práctica dun proceso de control a fin de “examinar os dossiers dos oficiais das FARDC en materia de dereitos humanos, nun vasto plan de reforma do sector da seguridade”.


(De Congo-Actualité, nº 95).

Sem comentários: