terça-feira, junho 23, 2009

Un traballador ferido nunha brutal carga policial, nunha nova xornada de folga do Metal e acoso dos antidisturbios

O folguista tivo que ser atendido nun centro hospitalario polos porrazos e pelotazos
A folga do Metal continúa a ser un referente de loita e dignidade, que cada dia colle unha forma e cor distinta, e que se visibiliza masivamente polas rúas de Vigo. Na súa decimoquinta xornada comezou como ven sendo habitual coas marchas pola cidade desde as distintas zonas industriais, e que confluian nunha asemblea na Praza do Concello. Despois continuaban estas mobilizacións, mais ao baixaren pola Gran Via, os antidistubios, que levaban toda a mañá insultando aos traballadores e provocando, cargaron con brutalidade, deixando a un traballador de Navaliber, de Vincios, ferido polos porrazos e pelotazos. As marchas continuaron, e a resistencia dos folguistas non se axeonlla, nin diante da instransixencia da Patronal nin do acoso policial. Toda unha lección de dignidade.
23.06.09 Folgametal

A xornada comezaba desde primeira hora da mañá, con piquetes nas distintas zonas da provincia e dos centros de traballo afectados pola negociación colectiva do convenio provincial do Metal. Marín, Pontevedra, Vilagarcia, Lalín, e as distintas zonas industriais de Vigo e O Porriño.

Marcha desde Vulcano

Pouco despois das nove da mañá saia de Vulcano unha marcha que percorreria Sanjurjo de Badía, a Avenida Bos Aires e Travesia de Vigo, para rematar na Praza dos Cabalos. Nesta manifestación vivíronse momentos de tensión, sobre todo nas rotondas máis perto da autoestrada, chegando a reter a un traballador a Policia, que finalmente soltaron diante da presión dos seus compañeiros.

Piquete da Avenida de Madrid

Desde a Avenida de Madrid outro piquete saia desta zona, chegando en manifestación á Praza dos Cabalos, e descendo ao Corte Inglés, onde deron unha volta. Neste cruce da Gran Vía foi onde se xuntaron cos seus compañeiros que viñan da zona de Barreras e do Caramuxo.

Longo camiño dos traballadores de Barreras

Os folguistas da zona de Barreras e Bouzas saían escoltados polos antidisturbios, como foron todas as marchas, e dirixironse até Bouzas, para continuar camiñando pola Florida, Avenida das Camelias, rúa Venezuela e Gran Via. Neste longo traxecto houbo momentos de grande tensión, con constantes provocacións policiais e insultos, que mesmo chegaban a mofarse da situación dos folguistas dicindo "como debe ser iso de estar sen cobrar o salario de todo o mes".

Desde a Gran Via, xunto co piquete da Avenida de Madrid, subiron á Praza dos Cabalos, desde onde continuaron até chegar á Praza do Concello. Neste espazo tería lugar unha asemblea.

Asemblea no Concello

Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, sinalou que "pensamos que sempre podemos estar perto do final, durante estes dias seguimos crendo isto, e o final terá que ser o final que nós queremos, como se nos temos que pegar unha carreira de cen metros ou de cinco quilómetros con algunha parada, mais imos chegar".

"Non vamos sacrificar ningún sector, fomos nós os que no momento da década dos oitenta, en plena reconversión, sacamos o sector naval adiante, non foron as empresas nin os empresarios: foi a nosa loita. Esa mesma loita, se temos que repetilo volveremos a facelo, que ninguén o dubide, non imos sacrificar ningún sector como tampouco imos renunciar a este convenio", engadiu.

Crítica á desmedida presenza policial

Sobre a masiva presenza policial, Alcántara indicou que "non hai ningún antecedente no noso país dun despregue tan masivo, de perto de 1.000 policias, durante tantos dias, como se isto no lugar de ser un conflito laboral, en vez de ser un movemento obreiro loitando polos seus dereitos, pois parece que foramos un movemento guerrilleiro, e non o somos. Temos unha razón invencíbel, e non teñen que protexer á sociedade de nós, porque nós somos a sociedade".

Antolín Alcántara fixo referencia á presenza do secretario xeral da CIG, Suso Seixo, nesta mobilización , en solidariedade co sector, e incidiu na necesidade dunha convocatoria de folga xeral "se estes señores non dobran os xeonllos, e iso é algo que ten que estar na nosa cabeza. Se non é agora nin nos próximos dias, terá que estar presente no noso calendario nalgún momento. Desde logo aqui hai un punto de inflexión que xa non se pode bater".

"Isto está facendo historia"

O secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG continuou incidindo en que "merece a pena que nos vexamos, tantos, todos os dias, porque isto está facendo historia. É unha historia que poucos comprenden, pero a verdade é que nós o que estamos vivindo é algo que podemos transmitir aos nosos fillos e que transmitiremos a outras xeracións, porque será este convenio e todos os que veñan diante. Porque aqui, no Metal de Pontevedra, se poden facer cousas e construir futuro: nós o estamos a facer. Tede confianza niso".

"Este conflito non se dá por diferenza salarial, é por render a mobilización dos traballadores do Metal, é por matar unha resposta que se dá de maneira exclusiva aqui e que non queren que se reproduza en ningún outro sitio, que non se contaxie, que non se poida copiar, e iso é o que están a combater neste convenio", reflexionou.

"A patronal quere rendernos"

Sobre unha nova aparecida nos medios sobre as altas cifras de fraude fiscal entre as maiores fortunas de Galiza, Alcántara salientou que "moitos deles son empresarios do metal, defraudadores á Facenda e nos salarios da xente, ladróns, que non pagan o que teñen que pagar, e cando chega o convenio, aínda queren rendernos e poñernos de xeonllos".

Sobre as directrices do Banco Central Europeo, que aposta polo abaratamento dos despidos e a baixada dos salarios, indicou que "esa é a mensaxe que tamén estamos a combater aqui, porque a Patronal está aliada con esa mensaxe. A clase traballadora ten que entender a nosa loita desa maneira, contra todos eses gurús, contra todo ese capitalismo salvaxe, que provocou esta crise e está a arrastrar á xente ás situacións máis miserábeis que xamais coñecemos".

Participación do secretario xeral da CIG

Suso Seixo, en declaracións aos medios despois desta asemblea, explicou a súa presenza nesta mobilización "para expresar o noso apoio, que evidentemente sempre o tivo, mais nos parece que neste momento , que está se cadra nun dos momentos máis difíciles, a miña presenza aqui é para manifestar o noso compromiso, de toda a CIG, con este conflito, a nosa firme resolución en apoialo até o final, para que teñen moi claro todos os traballadores e traballadoras que a CIG vai acompañalos até onde eles estean dispostos a chegar. Somos plenamente conscientes de que o que se quere por parte da patronal é botar un pulso, para manter un modelo de precarizar as condicións laborais e sociais, con baixos salarios, un modelo que non compartimos e que se está a combater con esta folga, e que é un modelo que a Patronal tenta impor a todos os sectores. Agardamos que máis sectores se somen á resposta que está dando o Metal de Pontevedra e aí a CIG vai estar presente".

Sobre a convocatoria de folga xeral, o secretario xeral da CIG subliñou que "diante da situación de crise económica, a folga xeral xa estaba xustificada hai meses e tíñase que ter dado resposta, cousa que non foi posíbel entre outras cousas porque á CIG quedou soa na defensa desta necesidade".

Continuación das mobilizacións

Despois desta asemblea, a mobilización imensa dos traballadores e traballadoras do Metal en folga volvía sair ás rúas do centro da cidade de Vigo, mais escoltada de novo por centos de Policia.

Agresión policial e cargas

Ao chegaren á altura do Corte Inglés, na Gran Via, sen mediación de ningún tipo de incidente por parte dos traballadores, os antidisturbios comezaron a empregarse con contudencia contra os folguistas. Un deles, un traballador de Navaliber, de Vincios, foi golpeado coa culata dunha porra, recebeu pelotazos de goma no estomágo e máis golpes coa porra nas costas. Tivo que ser trasladado a un centro hospitalario para ser atendido dos fortes golpes na cara, moi perto do ollo dereito, onde recebeu varios puntos.

Despois duns momentos de forte tensión, onde a Policia pretendía converter de novo este conflito na súa propia guerra particular, os traballadores decidiron continuar coa mobilización, baixando por Urzáiz e Colón, até chegar á Praza de Estrela.

Continuaron camiñando até Barreras, pola avenida de Beiramar, onde remataron esta longa xornada cunha asemblea final, ás portas deste estaleiro.

Asemblea en Barreras

Antolín Alcántara, sobre a carga policial informou de que "temos documentado con bastantes imaxes como aconteceu, quen foron os agresores e quen os agredidos, para que logo non se poida terxiversar esa verdade. Quixeron secuestrar as imaxes dun par de cámaras para que non exista testemuño desa vergonza, desa brutalidade".

"Terian que explicar porque nos teñen tanto odio, por que somos galegos? Por que somos traballadores? Ese debe ser o problema. A policia serve aos poderosos e é dura cos traballadores. Son un mecanismo de represión", manifestou Alcántara.

Sobre a negociación prevista para a tarde, Antolín Alcántara dixo que "hai traballadores que están dicindo que non se negocie hoxe por estes feitos, mais eu creo que se debe negociar. Temos que facelo porque non podemos separar un problema doutro: todo é o mesmo, porque ao mellor esa provocación á que nos están levando constantemente, e non podemos darlle ningunha escusa para que eviten a negociación. Nós non nos escondemos, e o feito de que se vaia negociar non significa que mañá non se vaia estar na rúa".

1 comentário:

IKER disse...

Animo en la lucha. Hasta la victoria siempre.
Un militante de ELA (sindicato vasco)