sexta-feira, julho 03, 2009

Base militar de EEUU no centro do golpe

Base militar de EEUU no centro do golpe: Intención de expulsar á presenza militar estadounidense puidera ser causa do golpe militar.

Eva Golinger / teleSUR.

O Presidente Manuel Zelaya foi secuestrado e levado forzadamente por militares encapuchados desde a residencia presidencial en Tegucigalpa durante a madrugada do domingo, 28 de xuño. Foi trasladado á base militar de Hernán Acosta Mejía nos arredores de Tegucigalpa. Logo de permanecer durante un tempo na base militar, o Presidente Zelaya foi enviado a Costa Rica no avión presidencial, país que o recibiu logo do brutal golpe militar que aínda estaba en pleno desenvolvemento en Honduras. Mentres transcorría o golpe de estado, os militares estadounidenses e os representantes de Washington na embaixada estadounidense en Tegucigalpa tiñan coñecemento pleno dos sucesos.

Estados Unidos mantén unha base militar en Soto Cano, situada a 97 quilómetros da capital, foi operativa desde o ano 1981, cando foi activada polo goberno de Estados Unidos durante a administración de Ronald Reagan. Nos anos oitenta, Soto Cano foi utilizada polo Coronel estadounidense Oliver North, como unha base de operacións para a ''Contra'', as forzas paramilitares adestradas e financiadas pola Axencia Central de Intelixencia (CIA), encargadas de executar a guerra contra os movementos esquerdistas en Centroamérica, e particularmente contra o goberno sandinista en Nicaragua. Desde Soto Cano, a ''Contra'' lanzaba os seus ataques terroristas, escuadróns de morte e misións especiais que resultaron en miles de asasinatos, desaparecidos, torturados, desfigurados e aterrorizados en Centroamérica.

A base de Soto Cano é a sede da Forza de Tarefa Conxunta ''Bravo'' (JTF-B) de Estados Unidos, composta por efectivos do exército, as forzas aéreas, forzas de seguridade conxuntas e o Primeiro Batallón-Reximento Nº 228 da Aviación estadounidense. Son aproximadamente 600 tropas en total e 18 avións de combate, incluíndo helicópteros UH-60 BlackHawk e CH-47 Chinook. Soto Cano tamén é a sede da Academia da Aviación de Honduras. Máis de 650 cidadáns hondureños e estadounidenses viven dentro das guarnicións da base. En 2005, comezaron a construír vivendas dentro da base, incluíndo a 44 edificios de apartamentos e varias residencias para as tropas.

A Constitución de Honduras non permite legalmente a presenza militar estranxeira no país. Un acordo ''de man'' entre Washington e Honduras autoriza á importante e estratéxica presenza dos centos de militares estadounidenses na base, nun acordo ''semi-permanente''. O acordo foi realizado en 1954 como parte da axuda militar que Estados Unidos ofrecía a Honduras. Cada ano, Washington autoriza centos de millóns de dólares en axuda militar e económica a Honduras, que é o terceiro país máis pobre do hemisferio. Este acordo que permite a presenza militar de Estados Unidos no país centroamericano pode ser retirado sen aviso.

O 31 de maio de 2008, o Presidente Manuel Zelaya anunciou que Soto Cano (Palmerola) será utilizada para voos comerciais internacionais. A construción do terminal civil foi financiado por un fondo do ALBA (Alianza Bolivariana para as Américas).

O Comandante da Aviación de Honduras, Xeral Luís Javier Prince Suazo, estudou na famosa Escola das Américas de Estados Unidos en 1996. O xefe do estado maior conxunto o xeneral Romeo Vásquez, destituído polo Presidente Zelaya o 24 de xuño por desobedecer as súas ordes, e logo actor principal no golpe militar só días despois, tamén é graduado da Escola das Américas. Os dous altos oficiais hondureños manteñen relacións moi estreitas co Pentágono e as forzas militares estadounidenses en Soto Cano.

Aínda que Honduras depende economicamente de Estados Unidos, durante os últimos meses, a relación diplomática entre os países comezou a deteriorarse. En novembro 2008, o Presidente Zelaya felicitou ao Presidente Obama pola súa vitoria electoral, clasificándoa como ''unha esperanza para o mundo''. Pero dous meses despois, Zelaya enviou unha carta persoal a Obama, acusando a Estados Unidos de ''intervencionismo'' e chamando ao novo goberno a ''respectar aos principios da non inxerencia nos asuntos políticos doutras nacións.'' Zelaya tamén solicitou ao Presidente Obama a ''revisar aos procedementos de inmigración e a autorizacións de visados como un mecanismo de presión contra aquelas persoas que teñan credencias distintas e ideoloxías que non presentan ameaza ningunha a Estados Unidos.'' Adicionalmente, o presidente hondureño comentoulle que ''a loita lexítima contra o narcotráfico, non debe ser utilizada como unha escusa para impor a políticas intervencionista noutros países.'' Pouco despois, o Presidente Zelaya, xunto ao Presidente Daniel Ortega de Nicaragua, boicoteou unha reunión do Sistema de Integración de Centro América (SICA), onde ía estar presente o vicepresidente estadounidense Joe Biden.

Washington admitiu que tiña coñecemento previo do golpe de estado en Honduras desde antes da semana pasada. En declaracións á prensa este luns, dous voceiros do Departamento de Estado comentaron que o seu embaixador e un equipo da diplomacia estadounidense ''estaban en conversacións'' cos actores principais do golpe desde fai un mes. Esas ''conversacións'' intensificáronse durante a semana pasada, cando o embaixador estadounidense en Tegucigalpa, Hugo Llorens, reuniuse tres veces cos militares golpistas e os grupos cívicos para tratar de buscar outra saída.

A administración de Obama ha condenando ao golpe en Honduras, pero de xeito moi mesurado, clasificándoo como unha acción que está ''evolucionando cara a un golpe'', pero confirmando que legalmente non o consideran como un golpe de estado. Esta ambigüidade permite a Estados Unidos manter a relación diplomática con Honduras e o goberno de facto, recoñecer ao goberno golpista, e manter a axuda militar e económica ao país. En caso de clasificar aos feitos como un golpe de estado, baixo lei, Estados Unidos estaría obrigado de romper relacións diplomáticas e suspender á maioría do apoio económico e militar ao país.

Obviamente, Washington non quere arriscase a clausura da súa base militar en Soto Cano e a expulsión dos seus 600 efectivos militares. Ademais, a maioría das forzas armadas hondureñas e os altos oficiais que participaron no golpe son aliados e socios importantes do Pentágono. As accións do Presidente Zelaya de construír un terminal civil en Soto Cano e autorizar voos internacionais comerciais, realizadas cos fondos do ALBA, facilmente puidérase entender como unha ameaza á futura presenza militar estadounidense en Honduras. Ademais doutras razóns, esta podería explicar a ambigüidade pública de Obama fronte ao golpe en Honduras.

Sem comentários: