sábado, julho 11, 2009

Comunicado sobre a violencia contra a poboación civil no Leste do Congo


Federación de Comités de Solidariedade con África Negra

A VIOLENCIA CONTRA POBOACIÓN CIVIL NO LESTE DO CONGO, UNHA ESTRATEXIA QUE PREPARA A ANEXIÓN DESTA REXIÓN A RUANDA.

A guerra que azouta a República Democrática do Congo e que causou xa máis de cinco millóns de mortos, estase recrudecendo. O resultado: máis mortes de civís, violacións masivas e destrución do tecido produtivo dalgunhas das provincias do Leste do Congo.

As dúas últimas guerras sufridas neste país, nos anos 1996 e 1998 foron planificadas e apoiadas loxísticamente polos EEUU para asegurarse o control dos recursos mineiros do centro de África. Os executores directos foron os países aliados da zona. Un deles, Ruanda, resgardándose baixo o paraugas de silencio tecido polos países occidentais, continúa hoxe executando unha política destinada a anexionarse importantes territorios da rexión do Kivu.

O goberno ruandés, na súa política de expansión, conseguiu xa o mando das administracións civís das provincias congolesas de Kivu Norte e Kivu Sur a través de membros dos grupos rebeldes que foron “reinsertados” nas institucións coa complicidade da comunidade internacional, xa que o último informe do panel de expertos da ONU deixou ben claro, novamente, a implicación de Ruanda no Leste mediante o seu apoio directo aos grupos rebeldes. Ten tamén o control de parte do exército gobernamental alí estacionado e iso grazas á implicación de importantes redes de funcionarios congoleses corruptos cuxas ramificacións poden chegar ata a presidencia da República, en Kinshasa.

A política expansionista de Ruanda levoulle a facer todo o posible para expulsar á poboación congolesa da zona dos Kivus e permitir así a súa substitución por poboación ruandesa. Unha estratexia moi importante para levar a cabo ese obxectivo foi a utilización dun gran número de grupos guerrilleiros, -de moi variado signo e ata, ás veces, aparentemente antagónicos- que matan, violan, rouban, aterrorizan e destrúen toda actividade produtiva. Desa forma obrigan ás xentes a fuxir dos seus poboados e a ser cada vez máis dependentes de Ruanda. O incremento dos ataques por parte destes grupos desde principios de xullo 2009 está dentro desa lóxica.

O alto número de vítimas que, desde 1998 ao 2003 houbo en territorio congolés só pode explicarse por unha estratexia planificada previamente e destinada a eliminar o maior número posible de poboación civil congolesa. A esta conclusión chegaron numerosas organizacións da sociedade civil, quen denunciaron no seu momento que os ataques dos grupos guerrilleiros facíanse coincidir co momento da colleita e causar así un maior prexuízo provocando a penuria e o fame entre a poboación refuxiada. Así o considerou tamén a Audiencia nacional española ante os testemuños de militares ruandeses, testemuñas protexidas. Así o fai constar o xuíz no seu auto emitido o 6 de febreiro do 2008 no que acusa de xenocidio a numerosos altos cargos civís e militares do actual goberno ruandés.

Esta guerra quíxose presentar como “cuestións tribais” e enfrontamentos provocados e financiados por multinacionais interesadas no coltán, pero en realidade foi unha guerra programada por Ruanda para obter o control das provincias máis ricas do Congo en coltán e casiterita.

Esta guerra acabaríase rapidamente se os países occidentais cortasen o fluxo de axuda económica ao goberno ruandés. Iso é o que fixeron Suecia e Países Baixos, ao ser evidente que Ruanda estaba financiando os grupos rebeldes e favorecendo as masacres da poboación civil.

Así mesmo, os países occidentais deben esixir a Ruanda que resolva de xeito definitivo o problema das FDLR, forzas rebeldes hutu, escondidas en territorio congolés desde o xenocidio de Ruanda, fai xa máis de 14 anos. Dado que unha solución militar a este problema demostrou ser inviable e só conduciu a máis masacres e violacións da poboación civil, urxe unha solución negociada. Os países occidentais deben deixar de actuar cunha dobre medida e esixir a Ruanda o mesmo que se esixiu e esíxese a outros países africanos enfrontados a situacións similares: que resolva XA a cuestión dos refuxiados hutu ruandeses no Congo ofrecéndolles unha posibilidade real de retorno ao seu país, mediante un diálogo aberto e pacífico.

Puidemos elaborar este comunicado grazas ás novas que nos envían os nosos amigos congoleses. Unímonos ao seu berro de sufrimento, e queremos que este berro rompa o silencio imposto polos intereses económicos e políticos, tanto africanos como occidentais.

Agradeceriámosvos que difundísedes o máis posible este comunicado.

Federación de Comités de Solidariedade con África Negra
7 de Xullo de 2009

Sem comentários: