quarta-feira, julho 01, 2009

A Igrexa e os símbolos fascistas.

El Gran Wyoming / Público.


A ditosa Lei da Memoria Histórica está confundindo aos españois. A Igrexa, neutral e allea á política, da que renega, ten a ben saír a rúa de cando en vez e ese costume pódenos levar a identificala, erroneamente, con algunha ideoloxía concreta.

Non é necesario recordar aquí o papel que cumpre a súa emisora de radio na difusión da concordia, o amor, a reconciliación entre irmáns e a paz social. Agora volve estar perseguida por un simple detalle ornamental. Ninguén debe asociar os símbolos fascistas que presiden as nosas igrexas coa ideoloxía que defende a xerarquía eclesiástica. Estes símbolos son un adorno sen contido político algún. O atropelo cometido en Pedro Bernardo, Ávila, coa retirada dunha peza artística formada por un xugo cunhas frechas e a lista dos fusilados dun dos bandos suscitou, con razón, a ira do arcebispado que, por unha cuestión de costume, só por iso, prefire que os vestixios que reivindican o golpe de estado de Franco e a ideoloxía fascista que o sustentaba estean presentes nos seus templos como parte da doutrina. A Xustiza saíu na súa defensa e deulles a razón.

Nas súas fachadas poden pór o que lles dea a gana, incluídos símbolos anticonstitucionais. Non son fascistas, son estetas, aínda que algún poida pensar que, en realidade, son só cínicos que adoptan o disfrace de cordeiros para seguir cobrando dos impostos de todos, tamén dos familiares dos fusilados que non aparecen nesas placas ornamentais porque non foron ao ceo, eles sábeno porque llo contou Deus. E eu, como teño fe, créomo.

Sem comentários: