sábado, julho 04, 2009

PROCLAMA DO PRESIDENTE MANUEL ZELAYA

Compañeiros e compañeiras, compatriotas hondureños fálalles o seu presidente, Manuel Zelaya Rosales, quero dicirlles que o destino da miña vida está ligado ao destino do pobo hondureño. Na mañá do domingo 28 de xuño mentres me preparaba para ir exercer o meu voto nunha consulta popular, promovida polo pobo hondureño, fun vítima de asaltos, atropelos, de violación e secuestro, fun apresado e expulsado do meu país, polas forzas militares de Honduras. Por esas forzas militares que hoxe se prestaron e están en complicidade coa elite voraz que espreme e asfixia ao noso pobo, obedecen as súas ordes e non defenden a nosa nación nin a democracia. Esta machada vai en contra da nación hondureña e puxo en evidencia ante o mundo que en Honduras aínda hai unha especie de barbarie e persoas que non teñen conciencia do dano que fan ao noso país e ás futuras xeracións.

A través destes medios de comunicación insto a que continuemos a participación popular do pobo, que é o actor principal da nosa democracia e das solucións que poidan ter os grandes problemas de pobreza e desigualdades que poida vivir a nosa nación.

Os hondureños enfrontamos grandes problemas e sempre soubemos unirnos para saír adiante, e esta é unha gran oportunidade para demostrarlle ao mundo que os hondureños somos capaces de enfrontar estes problemas a pesar dos ataques desta seita criminal que hoxe pretende apropiarse dos destinos da nosa nación e dos nosos fillos.

Falo a vostedes golpistas, traidores, Xudas que me bicaron a fazula para despois darlle un gran golpe ao noso país e á democracia. Deben rectificar no menor tempo posible, están rodeados, o mundo fíxolles un baleiro, tódalas nacións do mundo condenáronvos, sen excepcións, hai un repudio xeral en contra de vostedes, non van pasar en balde os seus feitos porque aos tribunais internacionais terán que renderlle contas polo xenocidio que están facendo no noso país ao reprimir as liberdades e reprimir ao noso pobo.

Eu estou organizando o meu retorno a Honduras pídolles a todos os campesiños, ás amas de casa, aos poboadores, os indíxenas, aos xovenes e a todos os grupos de traballadores , empresarios e amigos políticos que teño en todo o territorio nacional, alcaldes, deputados, que me acompañen no meu regreso a Honduras, que é o regreso do presidente electo pola vontade soberana do pobo, que é o único medio de elixir presidentes en Honduras, non perdamos o noso dereito e non permitamos que particulares empecen a tomar as decisións que corresponden ao pobo hondureño, a través da súa lexitimidade e da súa vontade popular.

Estou disposto a facer calquera esforzo e sacrificio por obter a liberdade que o noso país necesita, ou somos libres ou seremos escravos en forma permanente senón temos o valor de defendernos. Non leven armas practiquen o que eu sempre prediquei, a non violencia, que eles sexan os que leven a violencia, as armas e a represión. Fago responsables aos golpistas de cada vida, de cada persoas, de cada integridade física e dignidade do pobo hondureño.

Iremos nos presentar no Aeroporto Internacional de Honduras en Tegucigalpa con varios presidentes e membros de comunidades internacionais, e o domingo estaremos en Tegucigalpa, estaremos acompañándoos e abrazándoos para facer valer o que sempre defendemos, que é a vontade de Deus a través da vontade do pobo.

Saúdos compatriotas que Deus protéxaos e bendígaos a todos.

Sem comentários: