quarta-feira, outubro 21, 2009

Ante o éxito da manifestación a prol do galego Anxo Lorenzo pide unha reunión con 'Queremos Galego'



O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, convidou ao voceiro da plataforma Queremos Galego, Fran Rei, a celebrar unha reunión para "debater as accións da Xunta "respecto ao galego, aínda que o voceiro da devandita entidade--que agrupa a 500 colectivos de todos os ámbitos sociais-- considerou que se tratae dun "anuncio mediático", xa que non recibiu "comunicación oficial" do encontro por parte do Executivo autonómico.

"Non temos comunicación formal", asegurou Rei, quen despois achacou o anuncio do departamento autonómico ao "éxito da mobilización do domingo "en defensa do galego, que se celebrou en Santiago coa participación de máis de 50.000 persoas.

Nun comunicado, Lorenzo manifestou a súa vontade de que o voceiro da plataforma "poida transmitir directamente as accións e medidas do Goberno que, ao entender da súa organización, motivaron a manifestación do pasado domingo". Neste sentido, pediu a Rei que presente as súas "alternativas" nesta materia para que "poidan terse en consideración" por parte da Secretaría Xeral.

Pola súa banda, Rei lembrou que Lorenzo "coñece de sobra" as peticións da plataforma cívica xa que "no pasado tivo reunións con varias organizacións" que se integran na mesma, entre as que mencionou a CIG-Ensino, STEG ou a Confederación de ANPAs de centros públicos galegos.

A pesar diso, asegurou que aceptarán reunirse co responsable autonómico de Política Lingüística "unha vez chegue a comunicación formal" por parte da Xunta. "A vontade da plataforma é estar aberta a falar con todo o mundo, aínda que sexa para discrepar, xa que pensamos que é bo chegar a todos o ámbitos e a todas as instancias e non nos imos a negar. Aínda que non estamos dispostos a que sexa unha manobra de cara á galería, para ofrecer unha especie de sensación de diálogo e consenso falsificado", matizou.

Finalmente, avanzou que a plataforma Queremos Galego transmitirá a Lorenzo o seu desexo de que "rectifice na política lingüística" da actual Xunta que, na súa opinión, "está servindo para contentar aos sectores hooligans do PP ".


Fonte: A Peneira

Sem comentários: