terça-feira, outubro 27, 2009

Iria Aboi, reelixida Secretaria Xeral de Galiza Nova na súa XI Asemblea Nacional


Iria Aboi resultou reelixida hoxe como Secretaria Xeral de Galiza Nova na XI Asemblea Nacional que se celebrou esta fin de semana en Santiago de Compostela.

Os resultados outorgaron un 57,5% dos votos á lista encabezada pola nova Secretaria Xeral, un 20,9% dos votos para a lista encabezada por Noa Presas e un 19,3% dos sufraxios para a encabezada por Ínhigo Ansotegui.

Con estes resultados, a lista da Iria Aboi conta con 15 representantes na Dirección Nacional, mentres as listas de Noa Presas e Ínhigo Ansotegui teñen cinco representantes cada un

A XI Asemblea Nacional desta organización xuvenil aprobou unha serie de resolucións tamén, entre elas destacan o apoio á plataforma “Queremos galego”, ao pobo mapuche, ou as aprobadas en solidariedade con Afganistán, Cuba, Irak e todos os movementos de liberación nacional. Aprobáronse tamén resolucións en apoio á loita labrega e ao sector leiteiro, asi como en denuncia da política laboral do PP.

Os e as militantes de Galiza Nova amosaron, asemade, o seu apoio ás mulleres que toman a decisión de interrumpir o seu embarazo.

A XI Asemblea de Galiza Nova contou coa presenza do portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, ademais dos membros da Executiva Nacional Montse Prado, Carlos Aymerich e Rafa Villar, o deputado galego Bieito Lobeira e a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda.

Sem comentários: