segunda-feira, outubro 19, 2009

Queremos Galego!!!!

O domingo 18 de outubro entre 50.000 (cifra dada pola Policía Local de Compostela) e 100.000 (cifra dada pola organización) galegas e galegos, de diferentes adscricións ideolóxicas, estratos sociolóxicos, e usos da lingua, nos manifestamos na defensa do noso idioma fronte o reiterado ataque que está a sufrir por parte do goberno da Xunta de Galiza presidido por Alberto Núñez Feijóo (PP), convocadas e convocados pola Plataforma Cidadá Queremos Galego integrada por unha diversidade plural de centos de colectivos e persoas.

Os medios de comunicación públicos do noso país (a Radio Galega e maila Televisión de Galicia) non ofreceron unha información veraz que se axustase á realidade do verdadeiro impacto que tivo a mobilización, que contou cun resultado histórico en participación. Nese senso é preciso denunciar a obscena manipulación que por parte dos Servizos Informativos da TVG se quería levar a cabo, pretendendo iniciar unha conexión en directo coa manifestación, no momento xusto en que a primeira lectura do manifesto rematara, e as xentes que ateigaban a Praza da Quintana ían abandonándoa paulatinamente para permitir a entrada dos milleiros de persoas que inda non puideran entrar, e que agardaban nas Praza das Praterías e os seus arredores, e que finalmente encheron por segunda vez a Quintana. É evidente que a distorsión informativa tiña a intencionalidade de ofrecer unha imaxe minorizada dunha mobilización masiva, nun intento claro de manipulación que os milleiros de persoas presentes contestaron berrando, durante preto de dez minutos e con notábel indignación, a consigna "Televisión, manipulación", o que provocou que o equipo da TVG abandonase a praza.

Fronte a esa situación é preciso denunciar e difundir publicamente o acontecido, ao tempo que esixir que os medios de comunicación que pagamos todas e todos os galegos, deixen de ser un instrumento para a deformación interesada, cando non para a propaganda, en beneficio do Partido Popular no goberno do país.

1 comentário:

Adycto disse...

algúns máis que outros!