domingo, novembro 01, 2009

15.000 persoas enchen o centro de Vigo na defensa da sanidade pública e contra a privatización do novo hospital

Multitudinaria mobilización contra a entrada da financiación e xestión privada na construción do novo hospital para esta área sanitaria
Ás 20:15h do xoves 29 de outubro, partiu dende o cruce de Gran Vía con Urzaiz a manifestación convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública para esixir que o novo hospital de Vigo sexa executado e financiado de forma totalmente pública. Mais de 15.000 de persoas que percorreron o traxecto berraron consignas en contra de que a sanidade pública se converta nun negocio. A cidadanía viguesa deixou claro que non quere hipotecar a sanidade pública e que se deteriore a calidade sanitaria dun área que sempre foi esquecida en recursos sanitarios. "A privatización da xestión do novo hospital significa menos recursos humanos, menos contratacións, máis precariedade de servizos e un empeoramento da asistencia sanitaria porque os beneficios empresariais van primar sobre o interese público. Estes días xogámonos o futuro da sanidade pública. Se non conseguimos pararlle os pes ao PP, privatizará a sanidade pública; logo será demasiado tarde", lembraban os convocantes desta mobilización.

Un non á privatización unánime foi o que ecoou onte nas rúas do centro de Vigo desde que comezara o percorrido da mobilización convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública. Consignas pola dignidade dun servizo e dereito fundamental como é o da saúde e a atención sanitaria pública foron escoitadas até o remata desta mobilización fronte á Delegación da Xunta en Vigo, na Praza de Estrela.

Participación importante da CIG

María Xosé Abuin, secretaria nacional da CIG-Saúde, estivo presente neste mobilización, e sinalou que "a CIG foi unha das impulsoras de que se constituiran estas plataformas en defensa da sanidade pública, porque desde a toma de posesión do novo goberno autonómico do PP, e xa no seu programa de goberno e despois moito máis agresivamente, viamos como ía introducir todas as medidas de iniciativas privadas e de privatización dentro da sanidade".

Mobilización "moi positiva"

"A mobilización de hoxe é moi positiva porque somos moitos e moitas os que saímos hoxe ás rúas, pero isto só acaba de comezar porque a intención do Partido Popular é clara, quere facer un reparto de negocio entre os seus amigos das empresas privadas e cremos que a isto hai que respondelo coa máxima contundencia, porque senón ao longo dos próximos anos a calidade asistencial será moito pior, teremos menos camas hospitalarias, teremos menos profisionais sanitarios, e os pacientes serán seleccionados polo custe do proceso e non por pataloxias", engadía a secretaria nacional da CIG-Saúde.

A presenza da CIG foi importante nesta mobilización, que remataba, como xa sinalamos, fronte ao Edificio da Xunta, onde Avelino González, actor, daba lectura ao manifesto final, que reproducimos integramente á continuación.

Se queres consultar máis imaxes desta mobilización, podes consultar nesta ligazón ou na sección multimedia da nosa web.

Manifesto final da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública

Boa noite e grazas a todas e todos pola vosa presenza.

Esta cidade madruga, traballa e crea riqueza para o conxunto de Galicia sen pedir nada excesivo a cambio.

So pide o que lle corresponde tras facer unha contribución solidaria co resto de Galicia, porque sabe que a riqueza de unha parte é a riqueza de todo o pais.

Nunca Vigo nin a comarca teñen pedido privilexios. E vemos que as nosas necesidades e dereitos vénse convertidas en "colinas encantadas" e en promesas electorais que non se cumpren.

E calamos unha e outra vez, porque cada día toca madrugar de novo e o traballo agárdanos.

Así ano tras ano, década tras década.

E estamos fartos.

Sabemos ben porque estamos hoxe aquí:

Porque coa saúde non se xoga!

As coñecidas e intolerables deficiencias da sanidade viguesa, que dende hai anos soporta a cidadanía e o colectivo profesional que nos atende, non admiten mais demoras:

Repetimos Sr. presidente da Xunta; repetimos, Sras. conselleiras de Sanidade e de Economía e Facenda:

NON ADMITIMOS MAIS DEMORAS.

Somos xente paciente, sensata e temos unha solidaria vision de pais, pero a cidadanía do Sur de Galicia esta farta.

Non queremos mais do que xa disfrutan outros, pero tampouco aceptaremos menos.

Porque a Coruña ten, con perfecto dereito, un hospital CEN POR CEN publico.

A capital de Galicia ten tamén un Hospital Clínico CEN POR CEN público.

E Ourense ten igualmente un hospital CEN POR CEN público......

E Vigo? ....que terá Vigo??? ....un hospital 50?, 60?, setenta por cento privado?

Non, Sr. Presidente, non o imos tolerar; Xa ensaiaron vostedes en Vigo o perverso e ineficiente experimento de MEDTEC, felizmente disolto en parte.

E nesta área sanitaria sabemos como facerlles fronte e defender o que é lóxico, o que é xusto, económico, e probadamente eficiente.

Logramos disolver Medtec e as Fundacións Hospitalarias que vostede propiciou, o propio hospital de Vigo e hoxe xa una conquista do Sur de Galicia.

Sen a nosa presión non estaría nin en planos.

Temos dereito, queremos e esiximos un hospital publico, ben dimensionado, coas camas e servizos que estaban programados. Nin un menos:

Queremos un hospital suficiente, que non peche a súa porta á xente do Morrazo, do Val Miñor e de barrios de Vigo.

E querémolo tal como, con esforzo e vontade, foi deseñado polos nosos profesionais.

Non toleraremos dúas portas de urxencias, no novo hospital e en POVISA para manter a este como hospital de área.

Non toleraremos, Sr. Presidente da Xunta, escusas sobre a falta de fondos: pois tenos para a Cidade da Cultura e para outros fines menos urxentes que un hospital.

E tamén sabemos que iso e un pretexto porque, de ter mais fondos, daríanlle igualmente negocio á iniciativa privada.

Está no seus xenes e nos do seu goberno.

Negocio privado con fondos públicos, porque sabemos que preparan un suculento negocio para a sanidade privada ao pretender que o hospital sexa construído por unha asociación de empresas constituída por un banco, unha gran construtora e unha empresa sanitaria da comarca, ás cales o SERGAS pagaría unha elevada cantidade ao longo dos trinta anos seguintes á súa inauguración.

Esta fórmula multiplica o custo estimado de 360 millóns de euros por unhas seis ou sete veces.

Hai evidencia de adonde nos conduce isto, no Reino Unido e tamén xa en Madrid.

Non toleraremos que se abandonen os obxectivos estratéxicos respecto as camas de tratamento avanzado do cancro (do que Vigo sería referencia do sur de Galicia) nin que se abandone o módulo de investigación ou docencia.

Non toleraremos pois un hospital mais pequeno, máis caro e que encima non será noso durante trinta anos, nos que gran parte dos fondos sanitarios destinados á atención, serán desviados para pagar aos propietarios privados do hospital, uns enormes canons ou intereses.

Non permitiremos, en consecuencia, que haxa menos diñeiro para persoal sanitario e non sanitario, para os servizos de apoio ou para renovar o equipamento.

Non permitiremos que a Xunta frustre novamente as expectativas espertadas en Vigo polo Novo Hospital, recortando unha parte importante do Plan para satisfacer, unha vez máis, aos intereses do coñecido hospital privado.

Atreveríase a Consellería de Sanidade a promover isto mesmo na Coruña ou en Santiago?

As ideas xustas, as aspiracións lexítimas, os cambios beneficiosos e necesarios para as amplas maiorías, acaban facéndose camiño e finalmente triunfando. Con esforzo, con constancia, con intelixencia e coa xenerosidade de sumar forzas.

Somos constantes e sabemos loitar con razón e intelixencia.

Porque non hai nada mais poderoso que unha idea á que lle chegou a súa hora.

E a nosa demanda é xusta.

Hoxe quenes aquí estamos Sr. presidente, Sras. conselleiras, defendemos o novo hospital publico de Vigo porque é un dereito, un dereito que nós pagamos, unha necesidade para nos, para a nosa xente, para os que veñan detrás.

Todos e todas necesitaremos un dia do noso hospital e hoxe é o hospital o que precisa do noso apoio.

Porque

A PRIVATIZACION PREXUDICA GRAVEMENTE A TUA SAUDE

NOVO HOSPITAL PUBLICO DE VIGO XA!




http://www.galizacig.com/avantar/novas/30-10-2009/15000-persoas-enchen-o-centro-de-vigo-na-defensa-da-sanidade-publica-e-contra-a-pri

1 comentário:

Florentino disse...

Hai algo que se pode mellorar, e moito, na idea do novo hospital de Vigo: facelo noutro sitio.
Hai algo de moi inxusto no feito de que todos os veciños das comarcas de Condado, Paradanta, Louriña... teñan que pasar as súas convalecencias no Meixueiro, obrigando ós seus familiares a facer moreas de kilómetros para as visitas.
Penso (e non son o único) que vai sendo hora de descentralizar os hospitais cara a outros lugares, para achegarlle a sanidade a todo mundo, polo menos en materias que requiran menos medios especializados. A xente de Vigo estaría máis feliz por ter os seus hospitais só para eles, e o resto tamén por non ter que ir a Vigo (ou Pontevedra) para todo.