quinta-feira, dezembro 03, 2009

Manefesto en defensa dos dereitos fundamentais en Internet

MANIFESTO EN DEFENSA DOS DEREITOS FUNDAMENTAIS EN INTERNET:

"Ante a inclusión no anteproxecto de lei sobre a economía sustentábel das modificacións lexislativas que afectan o libre exercicio das liberdades de expresión, de información e o dereito de acceso á cultura a través de Internet, os xornalistas, blogueiros, usuarios, profesionais e creadores de Internet manifestamos a nosa firme oposición ao proxecto, e declaramos que ...

1 .- Os dereitos de autor non poden estar por riba dos dereitos fundamentais dos cidadáns, incluíndo o dereito á privacidade, a seguridade, a presunción de inocencia, á tutela xurisdicional efectiva e a liberdade de expresión.

2 .- A suspensión dos dereitos fundamentais é, e debe seguir sendo, unha competencia exclusiva do Poder Xudicial. Nin un peche sen unha sentenza. Este anteproxecto, ao contrario do disposto no artigo 20.5 da Constitución Española, pon en mans dun corpo non xudicial, un organismo dependente do Ministerio de Cultura español, a potestade de poder impedir o acceso dos cidadáns españois a calquera páxina web.

3 .- A nova normativa vai xerar inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico estatal, perxudicando unha das poucas áreas de desenvolvemento e futuro da economía española e dos países integrantes do Estado, dificultando a creación de empresas, introducindo barreiras á libre competencia, e trabando a súa expansión internacional.

4 .- A nova lexislación proposta ameaza aos novos creadores e dificulta a creación cultural. Coa Internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratízase drasticamente a creación e emisión de todo tipo de contidos que xa non veñen principalmente das tradicionais industria culturais, se non de moitas fontes distintas.

5 .- Os autores, como todos os traballadores teñen dereito a vivir do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades relacionadas coas súas creacións. Tentar de soster con modificacións lexislativas unha industria anticuada que non sabe adaptarse a ese novo ambiente non é xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio se basea no control das copias dos traballos e na Internet non é posíbel sen violar os dereitos fundamentais, terán que atopar un outro modelo.

6 .- Cremos que as industrias culturais precisan para sobrevivir de alternativas modernas, eficaces, credíveles, accesíbeis e que atendan os novos usos sociais, en vez de limitacións tan desproporcionadas coma ineficaces para o fin que afirman perseguir.

7 .- Internet debe funcionar libremente e sen interferencias políticas patrocinadas por grupos que buscan perpetuar modelos de negocio obsoletos e impedir que o coñecemento humano siga sendo libre.

8 .- Demandamos que o Goberno español asegure por lei a neutralidade da rede no Estado, ante calquera presión que poda ocorrer, como un marco para o desenvolvemento dunha economía realista e sustentábel para o futuro.

9 .- Propoñemos unha reforma real dos dereitos de propiedade intelectual co fin de: retornar á sociedade o coñecemento, impulsar o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.

10 .- Nunha democracia as leis e as súas modificacións deben ser aprobadas despois do debido debate público e de ter consultadas todas as partes implicadas. É inaceptable que se fagan modificacións lexislativas que afectan ós dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que trata doutro tema".

O aznarismo premia o rei

Artigo de opinión de Ignacio Escolar publicado en Publico

Di Mauro Entrialgo, con razón, que na vida hai dous tipos de premios: o premio famoso que se dá a unha persoa anónima para dara a coñecer e o que entrégalle a unha persoa famosa para intentar dar lustre ao premio. Hai premios que engrandecen ao premiado e premiados que visten o galardón. Por iso Obama, o que ha triplicado as tropas en Afganistán, gañou o Nobel da Paz á semana de chegar. Por iso algúns galardoados deberían pensarllo algo mellor antes de aceptar segun algunhas medallas envenenadas.

Onte FAES premiou ao rei, que se supón representa a todos os españois. E o rei aceptou o
premio. Ao xefe do Estado español se lle piden poucas cousas, pero unha delas, unha das fundamentais, é a neutralidade. Non é a primeira vez que José María Aznar usa ao monarca no seu propio beneficio –xa pasou cando converteu a boda da súa filla nun asunto de Estado, coa presenza do señor que sae nos euros–. Pero esta é a primeira vez que o rei acepta un premio dun partido político español.

É posible que a súa decisión non fose fácil, tamén fose polémica se se negase a recollero –más aínda despois da histórica fría relación que mantivo con Aznar durante a súa etapa na Moncloa–. Pero o de onte non foi sequera un premio do Partido Popular, que xa estaría mal: foi un premio do aznarismo, dun sector do vello PP. Aznar, como non, aproveitou o momento para reivindicar unha transición na que non cría, para validar o seu discurso co selo real. E só ocórreseme unha razón para explicar por que o rei aceptou o premio : débelle moito ao do bigote enfadado. Imaxinar a Aznar como presidente da República sempre foi un dos mellores argumentos monárquicos.

quarta-feira, dezembro 02, 2009

A CIG valora positivamente a decisión da Xunta de apostar pola galeguidade das caixas, pero advirte que vixiará todo o proceso

A central critica que non se realizase con anterioridade unha auditoría ás entidades para coñecer a súa situación patrimonial e financeira real
No escenario no cal as presión do Banco de España, o PP e o PSOE teñen situado ás caixas galegas a respecto de acudir a fusións ou constitucións de SIP con entidades de fóra, a decisión anunciada pola Xunta de Galiza esta mesma mañá apostando por garantir a galeguidade das dúas caixas vía fusión das mesmas, semella a opción máis favorábel dende o punto de vista de País, na medida en que permite garantir o control do aforro que se canaliza a través das caixas, así como dende o punto de vista do mantemento do emprego da propia entidade resultante, posto que unha fusión foránea implicaría unha perda moi superior de postos de traballo.

Non obstante, a Confederación Intersindical Galega critica que a proposta da Xunta destinada a realizar auditorías externas independentes de cada unha das entidades para coñecer a súa situación patrimonial e financeira real non se tivese realizado con anterioridade. Unha análise destas características tería permitido avaliar con maior obxectividade as posíbeis alternativas e mesmo coñecer a viabilidade das dúas caixas por separado.

Dende a CIG tamén se advirte do rexeitamento e oposición a calquera medida traumática que se tome a respecto do mantemento do emprego, avogando pola amortización dos postos de traballo a través dun procedemento de prexubilacións pactadas e en todo caso, esixirá que este proceso de fusión vaia acompañado dun debate coas organizacións sindicais sobre cal debe ser o cadro de persoal necesario desa entidade futura para dar un bo servizo á sociedade galega. En función disto, decidir que número de postos habería que amortizar, sempre recorrendo a vía da prexubilación e non a medidas traumáticas.

Debate da nova Lei de Caixas

A pesar da decisión anunciada hoxe pola Xunta, aínda queda pendente outra cuestión de vital relevancia para o futuro das caixas de aforros e do País: o debate sobre a nova lei de caixas no Parlamento galego. Este debate será determinante para coñecer os posicionamentos de todas as forzas políticas respecto de temas determinantes como son a composición dos Consellos de Administración para que sexan realmente representativos das forzas sociais e políticas da sociedade galega; a garantía de veto da Xunta ante calquera proceso, presente ou futuro, de fusión ou constitución de SIP; e a garantía da xestión dos recursos controlados polas caixas en función das necesidades do tecido produtivo de Galiza e non atendendo a criterios e intereses especulativos, tal e como aconteceu nos últimos tempos.

Neste debate, para a CIG resulta tamén importante esixir responsabilidades á actual directiva de Caixa Galicia e Caixanova, pois a xestión levada a cabo en nada beneficiou á situación patrimonial das dúas entidades.

Manifestación de delegados/as o venres

A central mantén a manifestación nacional de delegados e delegadas deste venres 4 de decembro en Compostela, para esixir garantías en todo o proceso de fusión, reclamar aos Consellos Administración que aclaren a súa posición a respecto do mantemento do carácter galego das entidades así como dos centros de decisión en Galiza, e solicitar un pulo no debate no Parlamento da Lei de Caixas.

Artigo publicado en www.galizacig.com

Primeiro acto do Quintanismo tras a súa asemblea

Tras a celebración da asemblea constituínte do Quintanismo do pasado 21 de Novembro as mocidades de Mais BNG, MSG ( Mocidade Socialista Galega) celebraran o vindeiro Xoves 10 de Decembro na facultade de Medicina un grupo de discusión baixo o lema: E logo tí, por que pasa ti da política?

Contaran coa participación de membros do BNG e de Galiza Nova, chama a atención deste primeiro acto do Quintanismo tras a súa constitución oficial a participación de correntes como Encontro Irmandiño e ISCA.


Carta aberta ao presidente Feijóo de Anxo Quintana

Señor Presidente:

Atrévome a dirixirlle estas letras emocionado polo sentido de país que ten impulsado a tanta xente e organizacións a preocuparse polo futuro das caixas de aforro galegas, para sumarme a todos aqueles que xenerosamente apoian a súa postura aínda que, como a maioría dos galegos, non saiba exactamente cal é. Sei que lle sobran a vostede apoios desinteresados. Vaia o meu nun punto intermedio ao máis puro estilo galego. Aínda que unicamente sexa para compensar o de aqueles que utilizan o seu poder mediático non só para apoialo interesadamente senón tamén para indicarlle co dedo a posición que a eles máis lles cómpre sen que ninguén democraticamente lle dese tal potestade.

Seica nisto das caixas un dos problemas a superar é a tremenda lacra do localismo. Gran contribución fixeron vostedes a esa misión condecorando a un ex alcalde herculino famoso polo seu credo e práctica antilocalista. Tal achega á claridade política só foi superada polo admirable Manquiña na película Airbag cando con pose convincente afirmaba aquilo de “yo le soy muy claro, igual que le digo una cosa le digo la otra”. Señor Presidente, non queda vostede en bo lugar para sentar doutrina antilocalista.

Señor Presidente, quen o viu a vostede e quen o ve! Aquel xefe da oposición que prometía solucións galegas en 45 días a unha crise de ámbito planetario deu paso a un presidente que vai camiño de tomar unha decisión sobre o futuro das caixas cando todo estea xa decidido. Gobernar é decidir, señor Presidente. Non confunda vostede o liberalismo co escaqueo.

E mire que na oposición pómosllo doado, señor Presidente. Hai xa un mes o BNG propuxo, e aprobouse no Parlamento por unanimidade, unha moción cun mandato que era tan claro como manexable para vostede: queremos que ao final de todo este proceso cando menos haxa algunha caixa que manteña o seu centro de decisión, o seu enderezo social, a súa obra sociocultural, o seu ser e o seu estar en Galiza.

Por se isto non fose pouco o pasado martes 24, mentres vostede estaba no Parlamento cos máximos dirixentes das caixas galegas, o BNG fixo coincidir no tempo e a escasos metros do seu despacho unha proposta aprobada polo pleno para modificar a lei de caixas e que, entre outras cousas, outórgalle a vostede máis poder sobre elas. Acción máis leal para colocalo a vostede nunha posición de forza, imposible, señor Presidente!

Mais polo de agora vostede parece disposto a conceder na cuestión das caixas máis prórrogas que as outorgadas para a chegada do AVE. Está ben ser paciente.

O único inconveniente é que, con tanto tempo, á xente vai darlle por pensar e recordar, e sobre todo lembrarán as rotundas afirmacións da dirección madrileña do PP, á que vostede pertence, con motivo da designación do presidente de Caja Madrid: “El PP no es un partido federal y esas decisiones las toma la dirección nacional (española) del partido”.

E algúns temos a impresión de que ademais de designar presidentes de institucións autónomas, no tempo libre e exercendo de liberais, vostedes dedícanse tamén a artellar fusións e absorcións pero... tome vostede isto coma desconfianza propia de galego. Desconfianza case do mesmo calibre que a que algúns temos cando escoitamos a certos persoeiros falar de “fusión galeguista” das caixas.

O que ninguén esquece é que todo este aloucado partido de fusións e absorcións entre caixas e de intento de eliminación das competencias autonómicas sobre delas, tivo a súa badalada inicial coa aprobación polas Cortes do Estado do FROB (Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria) co entusiasta apoio dos deputados galegos do PP.

Aínda así teño a impresión de que este partido non fixo máis que comezar e que, independentemente dos goles que uns e outros poidan ir marcando, o resultado final está aínda por ver.

O que si espero é que o meu presidente non sexa un árbitro imparcial porque esta non é unha competición deportiva na que o importante é que gañe o mellor. Este partido ou o gaña Galiza ou o perde Galiza.

Por iso atendendo ao seu espírito liberal que lle impide intervir na economía para marcar obxectivos financeiros claros en clave galega, eu anímome a pedirlle cando menos un pronunciamento rotundo en dous aspectos que, con tanta prórroga, cada día se fan máis urxentes:

1. Díganos vostede con claridade e contundencia que a posible fusión das caixas galegas non será unha absorción dunha pola outra e que ademais de viable e financeiramente sostíbel significará unha estación final e non un apeadeiro de empalme para enganchar todo o tren financeiro do país a unha locomotora foránea.

2. Díganos vostede con rotundidade que, independentemente dos movementos autónomos que as caixas realicen, vostede utilizará as prerrogativas legais que ten e as que o Parlamento galego está disposto a outorgarlle para que ao final deste proceso quede asegurado que, cando menos, Galiza contará con algunha caixa, máis grande ou máis pequena pero con domicilio social e fiscal, centro de decisión, obra social en Galiza, para Galiza e dende Galiza.

Non é moito pedir señor Presidente.


Publicado en Xornal de Galiza

terça-feira, dezembro 01, 2009

A exumación do corpo de Vítor Jara revela tortura antes da morte



Tres décadas e media despois da morte de Víctor Jara son revelados detalles macabros sobre os momentos finais da vida do cantante e compositor chileno. O corpo foi exumado e autopsiado, o que permitiu concluír que, antes de recibir unha choiva de balas , Vitor Jara foi brutalmente torturado.

Folga nas aulas en defensa do Galego

A Xunta xa ten sobre a mesa unha ameaza de folga antes de presentar o seu borrador de reforma do galego no ensino. Varios membros da Plataforma Queremos Galego (CIG-Ensino, STEG, Comités, Iesga, A Mesa, ASPG e Sindicato de Estudantes) anunciaron esta mañá que están listos para “paralizar as aulas” contra un Goberno que, na súa opinión, non cumpre a lei.

A data da protesta, dependerá de cando o Goberno cumpra a súa reiterada promesa de derrogar o decreto do bipartito. Queremos Galego sospeita que se presentará nas vacacións escolares de Nadal, para que cos alumnos e profesores non poidan artellar protestas. Ademais da educación obrigatoria, a plataforma quere estender o paro á universidade.

Cúmprese a norma que segue vixente?

O actual decreto promociona a lingua propia do país, cun mínimo dun 50 por cento de aulas en galego. Porcentaxe que o “Goberno insubmiso” non fai nada por cumprir, segundo denunciaron todas as organizacións citadas nunha rolda de prensa en Santiago.

“O anuncio dun novo borrador está xerando un incumprimento xeralizado dun decreto que permanece vixente”, alertou o portavoz de Queremos Galego, Francisco Rei, tamén directivo da Mesa pola Normalización.

A Administración non avalía se se cumpren as porcentaxes

Así, a Administración nunca avaliou (ou polo menos nunca presentou datos publicamente) a porcentaxe real de aulas que se están a dar en galego. Unha eiva da que son responsábeis tanto a actual Xunta como o bipartito.

Rei, Anxo Louzao (CIG) e Denís Bermúdez (Comités) alertaron de que por vez primeira na historia a Xunta apostará por un texto que supón un “paso atrás” na normalización. A Consellaría de Educación teima en que fará un decreto que aposte polas linguas estranxeiras e garanta o coñecemento dos dous idiomas oficiais.

O STEG alerta que hai menos material para algunhas aulas en galego

Malia que a Xunta garda silencio, fontes do sector do ensino consideran probábel que o PP reduza até o 30 por cento as aulas obrigatorias en galego, a mesma proporción da norma anterior ao texto do bipartito.

Dende o sindicato de mestres STEG, Sonia Fernández denunciou que a Xunta do PP xa tomou medidas concretas en contra do idioma, como “a retirada de recursos das aulas de infantil nas áreas castelanfalantes”.

Mais información en: A nosa Terra

Primeira Semana do Cinema Israeli na Galiza





















































Desde a Asociación Galega de Amizade con Israel-AGAI (http://www.amizadeconisrael.org/) prantexámonos a organización desta primeira semana, fundamentalmente coa idea de dar a coñecer á sociedade galega unha parcela máis da moderna sociedade israelì, unha sociedade en grande medida descoñecida cando non caricaturizada con estereotipos inxustos habitualmente recollidos polos medios de comunicación. Unha sociedade dinámixa e democrática, cun nível de libertades semellante, senón superior aos estandares de paises do noso contorno. Unha sociedade pacífica, obrigada pola permanente ameaza existencial exterior e polo máis brutal dos terrorismos a estar militarizada. Unha sociedade onde faise un cine mundialmente recoñecido e mesmo premiado. Un cine que non fuxe en absoluto da autocrítica. Un cine que retrata a seres humanos froito da civilización occidental e, por tanto, moi alonxados dos seus veciños que para a súa desgraza están obrigados a aprender odio, vinganza e violencia dende a escola infantil ate a universidade. En definitivamente un cine normal para un pais normal que desde hai 60 anos loita pola súa existencia, polo seu dereito a vivir e a vivir en paz.

Mais informacion en: http://semanadocinemaisraeliengalicia.blogspot.com/