quarta-feira, dezembro 02, 2009

Carta aberta ao presidente Feijóo de Anxo Quintana

Señor Presidente:

Atrévome a dirixirlle estas letras emocionado polo sentido de país que ten impulsado a tanta xente e organizacións a preocuparse polo futuro das caixas de aforro galegas, para sumarme a todos aqueles que xenerosamente apoian a súa postura aínda que, como a maioría dos galegos, non saiba exactamente cal é. Sei que lle sobran a vostede apoios desinteresados. Vaia o meu nun punto intermedio ao máis puro estilo galego. Aínda que unicamente sexa para compensar o de aqueles que utilizan o seu poder mediático non só para apoialo interesadamente senón tamén para indicarlle co dedo a posición que a eles máis lles cómpre sen que ninguén democraticamente lle dese tal potestade.

Seica nisto das caixas un dos problemas a superar é a tremenda lacra do localismo. Gran contribución fixeron vostedes a esa misión condecorando a un ex alcalde herculino famoso polo seu credo e práctica antilocalista. Tal achega á claridade política só foi superada polo admirable Manquiña na película Airbag cando con pose convincente afirmaba aquilo de “yo le soy muy claro, igual que le digo una cosa le digo la otra”. Señor Presidente, non queda vostede en bo lugar para sentar doutrina antilocalista.

Señor Presidente, quen o viu a vostede e quen o ve! Aquel xefe da oposición que prometía solucións galegas en 45 días a unha crise de ámbito planetario deu paso a un presidente que vai camiño de tomar unha decisión sobre o futuro das caixas cando todo estea xa decidido. Gobernar é decidir, señor Presidente. Non confunda vostede o liberalismo co escaqueo.

E mire que na oposición pómosllo doado, señor Presidente. Hai xa un mes o BNG propuxo, e aprobouse no Parlamento por unanimidade, unha moción cun mandato que era tan claro como manexable para vostede: queremos que ao final de todo este proceso cando menos haxa algunha caixa que manteña o seu centro de decisión, o seu enderezo social, a súa obra sociocultural, o seu ser e o seu estar en Galiza.

Por se isto non fose pouco o pasado martes 24, mentres vostede estaba no Parlamento cos máximos dirixentes das caixas galegas, o BNG fixo coincidir no tempo e a escasos metros do seu despacho unha proposta aprobada polo pleno para modificar a lei de caixas e que, entre outras cousas, outórgalle a vostede máis poder sobre elas. Acción máis leal para colocalo a vostede nunha posición de forza, imposible, señor Presidente!

Mais polo de agora vostede parece disposto a conceder na cuestión das caixas máis prórrogas que as outorgadas para a chegada do AVE. Está ben ser paciente.

O único inconveniente é que, con tanto tempo, á xente vai darlle por pensar e recordar, e sobre todo lembrarán as rotundas afirmacións da dirección madrileña do PP, á que vostede pertence, con motivo da designación do presidente de Caja Madrid: “El PP no es un partido federal y esas decisiones las toma la dirección nacional (española) del partido”.

E algúns temos a impresión de que ademais de designar presidentes de institucións autónomas, no tempo libre e exercendo de liberais, vostedes dedícanse tamén a artellar fusións e absorcións pero... tome vostede isto coma desconfianza propia de galego. Desconfianza case do mesmo calibre que a que algúns temos cando escoitamos a certos persoeiros falar de “fusión galeguista” das caixas.

O que ninguén esquece é que todo este aloucado partido de fusións e absorcións entre caixas e de intento de eliminación das competencias autonómicas sobre delas, tivo a súa badalada inicial coa aprobación polas Cortes do Estado do FROB (Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria) co entusiasta apoio dos deputados galegos do PP.

Aínda así teño a impresión de que este partido non fixo máis que comezar e que, independentemente dos goles que uns e outros poidan ir marcando, o resultado final está aínda por ver.

O que si espero é que o meu presidente non sexa un árbitro imparcial porque esta non é unha competición deportiva na que o importante é que gañe o mellor. Este partido ou o gaña Galiza ou o perde Galiza.

Por iso atendendo ao seu espírito liberal que lle impide intervir na economía para marcar obxectivos financeiros claros en clave galega, eu anímome a pedirlle cando menos un pronunciamento rotundo en dous aspectos que, con tanta prórroga, cada día se fan máis urxentes:

1. Díganos vostede con claridade e contundencia que a posible fusión das caixas galegas non será unha absorción dunha pola outra e que ademais de viable e financeiramente sostíbel significará unha estación final e non un apeadeiro de empalme para enganchar todo o tren financeiro do país a unha locomotora foránea.

2. Díganos vostede con rotundidade que, independentemente dos movementos autónomos que as caixas realicen, vostede utilizará as prerrogativas legais que ten e as que o Parlamento galego está disposto a outorgarlle para que ao final deste proceso quede asegurado que, cando menos, Galiza contará con algunha caixa, máis grande ou máis pequena pero con domicilio social e fiscal, centro de decisión, obra social en Galiza, para Galiza e dende Galiza.

Non é moito pedir señor Presidente.


Publicado en Xornal de Galiza

Sem comentários: