terça-feira, dezembro 01, 2009

Folga nas aulas en defensa do Galego

A Xunta xa ten sobre a mesa unha ameaza de folga antes de presentar o seu borrador de reforma do galego no ensino. Varios membros da Plataforma Queremos Galego (CIG-Ensino, STEG, Comités, Iesga, A Mesa, ASPG e Sindicato de Estudantes) anunciaron esta mañá que están listos para “paralizar as aulas” contra un Goberno que, na súa opinión, non cumpre a lei.

A data da protesta, dependerá de cando o Goberno cumpra a súa reiterada promesa de derrogar o decreto do bipartito. Queremos Galego sospeita que se presentará nas vacacións escolares de Nadal, para que cos alumnos e profesores non poidan artellar protestas. Ademais da educación obrigatoria, a plataforma quere estender o paro á universidade.

Cúmprese a norma que segue vixente?

O actual decreto promociona a lingua propia do país, cun mínimo dun 50 por cento de aulas en galego. Porcentaxe que o “Goberno insubmiso” non fai nada por cumprir, segundo denunciaron todas as organizacións citadas nunha rolda de prensa en Santiago.

“O anuncio dun novo borrador está xerando un incumprimento xeralizado dun decreto que permanece vixente”, alertou o portavoz de Queremos Galego, Francisco Rei, tamén directivo da Mesa pola Normalización.

A Administración non avalía se se cumpren as porcentaxes

Así, a Administración nunca avaliou (ou polo menos nunca presentou datos publicamente) a porcentaxe real de aulas que se están a dar en galego. Unha eiva da que son responsábeis tanto a actual Xunta como o bipartito.

Rei, Anxo Louzao (CIG) e Denís Bermúdez (Comités) alertaron de que por vez primeira na historia a Xunta apostará por un texto que supón un “paso atrás” na normalización. A Consellaría de Educación teima en que fará un decreto que aposte polas linguas estranxeiras e garanta o coñecemento dos dous idiomas oficiais.

O STEG alerta que hai menos material para algunhas aulas en galego

Malia que a Xunta garda silencio, fontes do sector do ensino consideran probábel que o PP reduza até o 30 por cento as aulas obrigatorias en galego, a mesma proporción da norma anterior ao texto do bipartito.

Dende o sindicato de mestres STEG, Sonia Fernández denunciou que a Xunta do PP xa tomou medidas concretas en contra do idioma, como “a retirada de recursos das aulas de infantil nas áreas castelanfalantes”.

Mais información en: A nosa Terra

Sem comentários: