sexta-feira, janeiro 15, 2010

UNHA MOCIÓN PARA VOLVER AO PASADO


O cargo de Louzán en perigo

A moción de censura que se presenta responde aos intereses de Rafael Louzán e non ao dos veciños e veciñas do Porriño. É unha moción teledirixida dende Pontevedra coa única intención de favorecer os resultados electorais do vindeiro ano de cara a manter a súa caciquil poltrona ao fronte da Deputación provincial. Dicimos caciquil porque a Deputación foi hostil ao goberno de Raúl Francés dende o primeiro momento polo simple feito de non coincidir coas siglas, e a pesar da lealtade institucional practicada polo Porriño en temas como o traspaso da xestión tributaria ao ORAL (organismo da Deputación). A mesma persoa que sacrificou ao vecindario porriñés negándolle durante seis anos investimentos que lle correspondían democraticamente e en función do seu peso demográfico, pretende agora aparecer como salvador de non se sabe que. Porque unificar nunha soa lista ás tres familias da dereita porriñesa terá moito interese para o PP e para o señor Louzán pero isto nada ten que ver coas preocupacións da veciñanza e o interese xeral.

Reparto de cargos e prebendas a costa dos recursos públicos

Para facer a moción o señor Louzán necesita do reparto de cargos e prebendas utilizando as institucións públicas para premiar a unión dos líderes e colectivos da dereita porriñesa que provocaron durante estes anos un lamentable espectáculo de personalismos. Para solucionar un conflicto interno do Partido Popular non se repara en financiar a operación botando man dos recursos públicos.

O PP fai unha “baixada de pantalóns” de moi difícil explicación

Nin siquera se manteñen uns mínimos de decencia e ética política de cara aos seus militantes e electorado e así vemos que o PP, sendo a forza máis votada das tres que asinan a moción, cede a alcaldía e as áreas importantes contentándose coas migallas dun reparto do pastel no que os disidentes -aqueles que montaron candidaturas independentes contra o PP- levan as mellores talladas. Unha “baixada de pantalóns” de difícil explicación sobre todo para as bases que gardaron fidelidade aos populares.

No Porriño non hai independientes senón PP dividido

A moción revela tamén o interese de IdeP por desaloxar ao actual goberno porque síntese culpable da actuación exitosa do BNG. Sabemos que ese sentimento foi o que sempre animou a este grupo razón pola que nunca o BNG contemplou a posibilidade dun acordo tripartito con Gonzalo Ordóñez e o PSOE como chegou a solicitar Iván Vaqueiro. Nin polas ideas, nin polas propostas concretas para O Porriño, nin pola concepción do exercicio do goberno, pactaría o BNG con IdeP sabendo ademais que o único interese deste grupo por un tripartito sería gañar posicións no entramado da dereita porriñesa e dinamitar o propio goberno dende dentro.

Agora non é o momento de facer a lista das eleccións de 2011

A moción chega tarde mal e a rastro con persoas enfrentadas e cun proxecto de goberno de difícil estabilidade. As forzas asinantes tiveron ocasións razonables para facer o que agora fan. A elección de alcalde no 2007 era o momento de entenderse e non o fixeron. Diante da obstrucción e bloqueo da institución municipal que pretendía o castigo do BNG, cando realmente castigaban aos cidadáns, no 2008 o goberno decidiu sacar adiante os orzamentos ligados a unha moción de confianza. É dicir ou orzamentos ou novo alcalde. Ese podía ser outro momento para entenderse e tampouco o fixeron. A conclusión é evidente, para solucionar os problemas do Porriño non se poñían de acordo e agora para solucionar os seus problemas particulares si, aínda que só sabemos que están de acordo en repartirse caprichos e compromisos entre grupos e persoas de difícil convivencia política.

A do BNG foi a lista máis votada nas eleccións municipais

A moción de censura faise contra a lista máis votada nas eleccións que foi a do BNG. O PP ten repetido en múltiples ocasións a súa condena das coalicións (en Galicia, os bipartitos). Pois ben, neste caso o goberno lexítimo do Porriño é o da lista máis votada. Xa sabemos que o PP usa os argumentos por conveniencia e non porque crea neles pero convén recordar que no Porriño, en ausencia dunha coalición maioritaria, goberna a lista máis votada. Ou sexa como lle gusta a Núñez Feijoo segundo tantas veces lle temos escoitado.

O labor realizado en minoría polo BNG é un orgullo para nós

A moción chega tarde, mal, a rastro e sen argumentos. A única xustificación é simplemente numérica, nove concelleiros e concelleiras son máis que cinco. Está claro. Pero nada se di de programas, proxectos e formas de gobernar. Precisamente os que se opuxeron a determinadas políticas como a peonalización do centro van ser agora os que dirixan os “intereses generales”. Pero ¿cales son os intereses xerais?. O único certo é que as máquinas da Deputación xa poderán vir ao Porriño a acabar estradas como a de Mosende ou a de Budiño que levan seis anos paradas por capricho do señor Louzán. Os que quixeron estrangular ao goberno do BNG non conseguiron impedir que O Porriño tivera un cambio total, tanto na xestión realizada (a pesar dos atrancos) como na democratización da vida municipal. Cambios conseguidos por un goberno en minoría que non teñen comparación co raquítico balance que poden ofrecer os 22 anos de goberno do PP que deixou, entre outras cousas, un buraco millonario na facenda municipal.

A moción ten unha parte positiva: a cidadanía vai poder comparar

O BNG segue e seguirá traballando pola xente do Porriño en proxectos que considera son compartidos pola cidadanía. Lamentamos o parón que a moción poida traer en momentos de dificultades para a cidadanía e a propia institución municipal debido a crise económica. Igualmente lamentamos que o grao de investimentos nestes sete anos -importante se comparamos con outras épocas e grazas ao diálogo con outras administracións- non fora maior debido á intransixente postura da oposición porriñesa. Aínda así o labor está feito.. Que outros o melloren.

Consello Local do BNG do Porriño