segunda-feira, março 29, 2010

Antonio Durán 'Morris': ''Ser actor foi estar no momento e no sitio adecuado''

Se fose hoxe, probablemente se chamaría Antón Moreiras. Pero o seu nome artístico escolléronllo xa antes de que fose artista. 'Morris' naceu nun colexio de Teis, e é unha evolución do apelido materno que agora lamenta ter perdido. Cando dixo na casa que quería ser actor trataron de afastalo dos camiños da farándula para que fixese algo de proveito. Mais o empeño familiar fracasou, e Antonio Durán (Vigo, 1959) púxolle cara a tantos personaxes que xa perdeu a conta.

Pregunta: Como foi medrar no barrio de Teis aló polos 60?

Resposta: Pois tiven unha infancia moi feliz. Vivía frente ao mercado e pasaba o día xogando. A miña casa daba a un campo e estaba esa sensación de baixar para a rúa a todas horas. Era un sitio moi curioso, con todas as señoras que viñan ao mercado, entre barras de xeo... foi unha infancia moi feliz.

Desde a miña casa vía toda a ría de Vigo. Recordo que vin arder un policomander! O barrio este foi medrando e agora xa non vivo en Teis, vivo pretiño.

P: E iso de que poñía unha chupa de coiro e se sentía o rei do mundo?

R: Iso díxeno unha vez... era na etapa 'progre' da militancia. Militaba na Liga e falabamos de que igual que agora a xente nova estéticamente viste dun xeito... nós seguiamos os ditados da clase obreira cando tiñamos 17 ou 18 anos e había unhas chupas que recordo perfectamente que eran verdes e azuis e levabámolas todos nas manifestacións. Era case un uniforme! (ri) Pero non eran de coiro, eran destas de condutor de autobús.

P: Como tomaron na familia a nova de que quería ser actor?

R: Homeeee... mal! (ri) Como todas as familias, querían que estudase Maxisterio, que fixese algo, algunha carreira. Dixéronme que me buscase a vida e, como ao comezo era moi difícil sustentarse no teatro, tiven que facer un par de traballos... pero non foi nada dramático!

O meu pai non chegou a disfrutar un pouco do éxito... a miña nai si. Ela chegou a estar moi orgullosa porque despois víame continuamente na tele! Meu pai vivíu a etapa máis dura, os principios do teatro, cando andabamos coa furgoneta por aí, e non o entendía moi ben.

P: E nese camiño que tivo que abrirse, en que momento aparece a Compañía Artello? Foi o seu primeiro contacto co mundo do teatro?

R: Non, empecei no Instituto da Guía cando estudaba o COU, e despois no clube xuvenil de Teis. Tiven contacto cun grupo de teatro, o Teatro Popular Galego, e de aí xa saímos os que fundamos Artello. Empezamos a ensaiar no Círculo Ourensán Vigués, onde estaban os intelectuais que dirixían daquela o cotarro e de aí foi para adiante. Montamos unha sala Carral, un local que ocupamos, e despois xa se creou o Centro Dramático e xa fomos misturándonos un pouco coas alternativas da farándula.

Anos de Transición
P:
Como viviu o teatro nos anos da transición? De onde saían os actores?

R: Saiamos das inquedanzas... funcionábase moito a nivel culturas con clubs xuvenís e con asociacións de veciños, e os que máis metidos estaban e despuntaban sempre daban un paso adiante para facer algo máis serio, máis profesional. E de aí saían os festivais de teatro independente, onde se montaba a Castelao ou a Roberto Vidal. Non foron uns comezos profesionais como agora, que afortunadamente hai estudos e hai escolas. Daquela era todo máis improvisado, máis á brava. Cadaquén facía o que lle apetecía.

P: No 84, co nacemento da TVG, achancou dos escenarios á televisión. Como foi o salto?

R: Tan pronto se creou a tele, Manolo Rivas foi o primeiro que me chamou. Facía un programa que se chamaba O mellor e eu estaba facendo O enfermo imaxinario, eran case os comezos do Centro Dramático, e pediume que fixese unhas parodias no seu espazo. Ao principio eramos actores todoterreo, presentabamos programas, faciamos sketchs, se caían series tamén se facian... todo o que se nos presentase. Despois xa se foi asentando o audiovisual e empezaron a aparecer proxectos dramáticos.

P: Que ten Morris para que se fixen nel?

R: (Pénsao) Pois... non o sei! É curioso, si, porque non fun un actor de vocación. Non tiña claro o que quería ser de maior e atopeime co teatro. Os meus coñecidos dicíanme 'escarállome de risa!', 'que ben o fas!', funme animando e quedei. Pero foi unha historia encontrada, de estar no momento e no sitio adecuado. Cando xa empezas a ser coñecido hai que coidarse para manterse vivo nesta profesión, mais non sabería explicarche o porque.

Películas estatais
P: Rexeitou varios proxectos a nivel estatal. Que lle dan en Galicia para que prefira ficar?

R: Hai moitos anos pensaba: 'Se cae Madrid, cae Madrid'. Pero fun saíndo facer cousas e igual que non me decido por teatro, cine ou televisión senón polos proxectos, pois se non fun a Madrid é porque me pareceron malas, pouco atractivas. Caeron nas miñas mans algúns proxectos dalí que eran... un coñazo! E que logo foron un fracaso... (ri)

Estou a traballar agora nun filme moi bonito con Filmanova, unha versión dun texto de Roberto Vidal Bolaño, 'Doentes'...

P: Representárona polas rúas de Compostela coincidindo co cabodano do autor...

R: Si, si, iso foi unha homenaxe de despedida que se lle quixo facer. A versión cinematográfica é moi bonita tamén! E con Casares estou a gustísimo, divírtome moito! E estou cun equipo de xente da vella garda... teño moi bos recordos de case todos os proxectos, e dos que non os teño procuro esquecelos! (ri)

As producións galegas
P: Atopa diferencias entre a produción audiovisual española e a galega?

R: Ui! Hai unha diferencia fundamental, que é a económica. Non polo que cobremos nós... que aí tamén hai unha diferencia... (ri) senón fundamentalmente porque os nosos proxectos teñen moitos menos cartos, grávanse en moito menos tempo e teñen unha produción moito máis limitada. Se fóra custa 600,000 euros, aquí custaría uns 90,000 e entón empezas a quitarlle escenas de exteriores, decorados... e todo iso fai que o produto final se resinta moitísimo.

A proba é que cando os directores de aquí acceden a unha serie de fóra... sacan produtos formidables! A limitación económica no audiovisual é moi, moi potente. Eu non son empresario (ri) pero sei que é así porque o vivo e, á marxe de que se fagan boas ou mellores cousas, do que si estou seguro é de que se fan milagres cos orzamentos que hai!

P: Con este potencial, cara a onde ten que camiñar o audiovisual galego? Nota diferencias no apoio outorgado desde a Xunta co bipartito e co actual goberno?

R: Aquí, a política de austeridade levou a rebaixar o orzamento de series que incluso xa esta funcionando. A cousa foi claramente para atrás, mais bon, en base a un criterio económico de que estamos en crise e que hai que recortar. Pero a realidade é esa.

P: Hai uns 30 anos colocouse detrás dos micros para poñerlle voz a un programa de radio que tiña como protagonistas un vagabundo, un can e unha pulga... lembra ese proxecto? Pensou en volver ás ondas?

R: Lembro, si! Eramos os de Artello e faciamos un programa infantil en directo e para toda Galicia. Chamábase A bóla de cristal, e ademais foi anterior á serie da televisión española... Eran as aventuras montadas na pulga que tiña o can! Era moi curioso porque faciamos as voces en directo e chamaban os rapaces para facerlles preguntas aos personaxes... fora moi bonito! Pero vamos, nunca me dediquei a este medio e daquela tamén faciamos teatro infantil, polo que a nivel creativo foi moi gracioso facelo.

'Pratos Combinados' e 'Padre Casares'
P: O personaxe co que entrou nos fogares galegos foi o de Antón Santos. Sentíase ben sendo un cretino?

R: Non, para nada... eu son totalmente distinto a Antón! Pero si que creo que facer personaxes afastadas da personalidade dun é bo porque sempre os debuxas máis e non te sintes tan identificado.)

P: Está metido agora nunha serie que vai polo mesmo camiño cara o éxito, Padre Casares. É o alcalde de Louredo o prototipo de rexedor galego?

R: É un debuxo dos personaxes frikis que hai en Louredo, pero si que é certo que eu teño familia en Ourense e nos pobos é moi simpático aquí en Galicia porque podes atoparte cun home de dereitas que se comporte como un auténtico revolucionario ou cun de esquerdas que sexa un autoritario machista, aínda que no fondo teña un bo corazón.. (ri).

Esta personalidade bipolar que ten Delmiro, que é imprevisible e que leva as insignias do Che e do comunismo como quen leva as do Celta e do Deportivo... e despois ten esa fixación cos corvos [cos curas]... é simpático! Pasar un intre agradable, iso xa o paga todo!

Entrevesta en: O Progreso

Sem comentários: