quarta-feira, março 31, 2010

Atar o galego en curto

Por Henrique Monteagudo, secretario do Consello da Cultura Galega, no xornal El País


Despois dun ano de tirapuxas e de semanas de ruxerruxe, temos xa proxecto de decreto do bilingüismo para o ensino. Aínda que o conselleiro de Educación declarou que hai marxe para modificacións, todo semella apuntar a que estas só serán as estritamente formais que poida suxerir o Consello Consultivo, que deberá emitir un informe de carácter xurídico, legalmente preceptivo pero non vinculante. A sorte está botada. En sucesivas entregas, iremos debullando os aspectos máis relevantes deste proxecto, unha análise que encetamos arestora.

- De mínimos garantidos a máximos permitidos
O que se debuxa no novo decreto é un modelo do 50% entre o galego e o castelán, pois a implantación do inglés como lingua vehicular queda relegada ao limbo da boa vontade. Sendo así, estariamos ante un modelo bilingüe puro, e diso se chufan o presidente da Xunta, o conselleiro responsable e os voceiros do Partido Popular. Doutra banda, boa parte dos analistas independentes sinalan que, diga o que dixer a propaganda oficial, a aceptación dese modelo por parte do PP debe interpretarse como un repregamento da agresiva escalada contra o galego alentada nos últimos anos por Núñez Feijóo e o seu equipo; por tanto, dalgún xeito, constituiría unha vitoria da ampla mobilización social en defensa do idioma. Os sectores sociais e políticos (especialmente da educación privada e concertada) que se alzaron contra o decreto de 2007, que establecía un mínimo de 50% de uso do galego no ensino, finalmente terán que aceptar esa porcentaxe como referencia legal.

Esa análise pon de manifesto unha parte da verdade, pero non se pode pasar por alto que o novo decreto impón uns límites ríxidos ao uso do galego, e isto constitúe unha novidade moi importante, profundamente negativa e que non tardará en revelarse como unha fonte de graves conflitos. A lexislación lingüística para o ensino que se veu promulgando desde o comezo da autonomía seguía un criterio inverso, que consistía na fixación de mínimos para o galego, uns mínimos que se foron ampliando gradualmente (primeiro unha materia, despois un terzo e ultimamente a metade do currículo); ao tempo que daba vía libre para os centros educativos que estaban en condicións de superar eses mínimos, sen establecer ningún tope legal. Esta filosofía de mínimos resultaba perfectamente congruente co horizonte de progresiva implantación do galego que sinala a Lei de Normalización. Un horizonte que o proxecto recentemente publicado, claramente regresivo, vén mudar de xeito radical, abrindo deste xeito unha inquietante perspectiva.

- A invención da realidade paralela
A que responde esta nova orientación limitativa da Xunta con respecto ao galego, que fai presaxiar graves problemas no porvir? Que necesidade había de pórlle topes ao idioma que o Estatuto de Autonomía declara "lingua propia" deste país? Para xustificar a súa campaña contra o galego, Feijóo e o Partido Popular tiveron que inflar ao máximo o globo da imposición. Esta noción ten unhas implicacións moito máis fondas do que puidera parecer a primeira vista, pois presupón unha reformulación radical da problemática lingüística do país, que implica apagar ou desfigurar aspectos fundamentais da realidade, e manipular preconceptos implantados no imaxinario colectivo durante séculos de marxinación.
Poñamos un exemplo. Flamante aínda no seu novo cargo, o conselleiro de educación aseguraba que el non percibía que en Galicia existisen prexuízos contra o galego. Máis recentemente, o propio conselleiro, ao día seguinte da presentación do novo proxecto, sentenciou que "vivimos nunha sociedade onde non falamos da desigualdade" entre o galego e o castelán. Eles saberán porque non falan desa desigualdade, pero o certo é que iso non fai que esta sexa menos real do que infelizmente é. O conselleiro nega puras evidencias, coma a persistencia de arraizados prexuízos contra o galego (pregúntenlle a Rosa Díez), e a inocultable posición privilexiada do castelán nunha serie de aspectos decisivos, desde a clase social aos medios de comunicación.
Pero se a realidade tanxible e comprobable é negada, no seu lugar propálase un artefacto denominado imposición del gallego. Un día alguén nos terá que explicar como é que un idioma pode ser imposto no país en que non só ten recoñecemento oficial senón que está declarado legalmente como "propio". Imponse o castelán en Valladolid? O francés en Xenevra? O portugués en Lisboa? Outra peza, non menor, das manobras de falsificación da realidade, é toda a latricaría profusamente publicitada sobre a inmersión lingüística. Este termo expresa de forma moi significativa a parcialidade do punto de vista de quen fala: para os/as estudantes galegofalantes, recibir a súa docencia en galego consiste en tanta inmersión como para os castelanfalantes de Madrid ou Segovia recibiren as súas clases en castelán. Ter unha porción substancial das súas clases en galego será inmersión para os alumnos castelanfalantes de Galicia; pero, como argumentamos e argumentaremos de xeito reiterado, o modelo de ensino preferentemente en galego ten resultados lingüísticos e educativos beneficiosos para todos.

- O problema lingüístico: do diagnóstico ao tratamento
No fondo, a raíz do problema está no seguinte: a lexislación e tradición de política lingüística en Galicia, desde o Estatuto aos nosos tempos, está fundada nunha determinada visión da realidade, ou máis concretamente, nunha determinada formulación do problema lingüístico; a partir desa diagnose, prescribíase unha solución. Tal diagnóstico consiste en constatar o maltrato histórico que o galego sufriu por parte do Estado español, e como ese maltrato o abocou a un proceso de substitución lingüística que o sitúa no camiño dunha lenta pero inexorable extinción. A solución prevista para ese problema consistiu no seu pleno recoñecemento como lingua propia de Galicia e oficial das súas institucións, e na imposición aos poderes públicos dun "mandato de normalización", que os obriga a soster políticas para a súa defensa e promoción.
Pero de 2007 a esta parte, a dirección do Partido Popular de España e de Galicia distanciáronse radicalmente desa diagnose, formulando o problema dun xeito totalmente contraditorio con ela. O que había que resolver non era a discriminación do galego, pola contra, o problema era a imposición do galego; o remedio non podía ser outro que a súa deslexitimación social, desoficialización e desprotección. A isto se aplicaron e nesas estamos.

Rematamos anotando un feito ao noso entender moi significativo. O pasado mes de febreiro, o Parlamento de Galicia rexeitou polo voto do PP unha proposta institucional que lle presentara o Consello da Cultura. Tratábase de crear unha comisión parlamentaria para discutir, coa participación dos diferentes sectores atinxidos e oíndo a opinión de expertos, sobre a orientación futura da política lingüística, tentando restaurar o amplo consenso preexistente. Será que a cuestión do idioma non merece uns meses de deliberación pública? Galicia está condenada a partir de agora a políticas lingüísticas impostas por maiorías exiguas? O Partido Popular deixou que se perdese unha oportunidade preciosa para reconducir o asunto dun xeito racional. No seu lugar, o goberno impón unilateralmente un decreto que ameaza ser derrogado polo próximo goberno. E o próximo curso, o conflito trasladarase aos centros de ensino. Seguimos no mal camiño.

Sem comentários: