terça-feira, março 30, 2010

Empregada do fogar: un traballo invisíbel por menos de oito euros á hora

Hoxe martes 30 de marzo celébrase o Día Internacional das Traballadoras do Fogar, unha data que se adica a este colectivo esquecido e invisíbel que supón xa o terceiro sector que máis emprega a mulleres no país. Por horas, con medias xornadas ou internas, as traballadoras do fogar seguen a día de hoxe a reivindicar os mesmos dereitos que exixían hai máis de 10 anos e que non se lle negan a outros colectivos: o primeiro, a equiparación dos seus dereitos cos recoñecidos no Estatuto de Traballadores.

Sen dereito a paro
En Galiza, a Asociación de empregadas do Fogar Xiara centraliza as reivindicacións desta profesión netamente feminina dende hai xa máis de seis anos. Dende entón até agora recolleron sinaturas, repartiron folletos en mesas informativas ou participaron en seminarios que serviron, malia as continuas trabas, para facer máis visíbel a súa profesión, mais non permitiron un verdadeiro avance no marco legal que as regula.

“O mínimo”, di a Vieiros Carmela Casal, “é non aceptar un salario menor a 10 euros á hora”, mais, tristemente, recoñece que “hai moitas que o cobran”. As condicións laborais que regulan a profesión recóllense no Réxime Especial de Empregadas do Fogar e son ben fáciles de resumir: o contrato pode ser verbal ou escrito; recoñéceselle unhas vacacións de 30 días ao ano, agás aquelas que traballan por horas (a maioría); dereito a gozar dos permisos retribuídos que estabelece o Estatuto dos Traballadores (matrimonio, nacemento dun fillo...); e para a finalización do contrato non é preciso máis que avisar con sete días de antelación, sempre que a relación laboral superase o ano. Aínda máis: a cotización como empregada do fogar non dá dereito ao cobro por desemprego.

Promesas incumpridas
Dende o ano 2002, conformouse en Santiago unha Plataforma pola Dignificación do Emprego de Fogar, que acabaría sendo o xerme de Xiara, que xurdía en 2004. Daquela este colectivo, composto por organizacións sindicais, sociais e veciñais recolleron máis de seis milleiros de sinaturas en apoio á mudanza das condicións da lei que regula o traballo no fogar. Estas sinaturas presentáronse aos tres grupos políticos con representación no Parlamento que acadaron un acordo onde se asentaban as bases para o cambio lexislativo e social, mais a día de hoxe aquel pacto non deu máis froitos.

Xa en setembro de 2007, o Ministerio de Traballo anunciou unha reforma legal que remataría coa discriminación do emprego doméstico, recoñecéndolle ó sector as condicións laborais do Estatuto dos Traballadores e abrindo un proceso para equiparar os seus dereitos cos do Réxime Xeral da Seguridade Social. Unha vez máis, o anuncio quedou nos papeis e o cambio lexislativo non chegou nunca a producirse.

Compromisos necesarios
Dende Xiara exixen que tanto o Goberno como o Estado asuman os seus compromisos e que muden o actual marco legal que rexe no día a día das traballadoras do fogar: “pedimos que se nos recoñeza a equiparación de dereitos laborais co Estatuto dos Traballadores; a desaparición do Réxime Especial da Seguridade Social e a integración no Réxime Xeral; a oferta e demanda de emprego a través dos servizos públicos de colocación e o peche das axencias privadas ilegais e con ánimo de lucro; o recoñecemento do traballo que están realizando as persoas estranxeiras en situación administrativa irregular, incluíndo o seu dereito á alta na Seguridade Social.

  • Podes ler aquí o manifesto do Día Internacional das Traballdoras do Fogar (Xiara)
Vieiros.com

Sem comentários: