quarta-feira, março 31, 2010

Espontaneismo na política

Artigo de Manuel Mera para GzNacion

En todo momento histórico hai sempre algúns comportamentos na sociedade que son diferentes a etapas anteriores, e isto tamén incide no xeito de entender e facer política. Por exemplo, ate hai unhas décadas, sen ser marxista, a grande maioría dos militantes políticos (e das persoas en xeral) sabían que non se trataba de facer o que un desexaba senón de realizar as tarefas que tiñan en conta o nivel de conciencia da xente e a correlación de forzas existente, pra que o resultado final sempre permitira avanzar ou cando menos evitar que se recuara. A práctica social e política debía ter en conta o resultado, os obxectivos estratéxicos. Daquela, entendíase, que un cadro político sempre facía o que se debía facer, que moitas veces non era o que a paixón do momento empurraba a realizar, ben fora por respostar a unha agresión ou por querer dar un pulo voluntarista (vangardista).

Hoxe, tanto porque se alargaron as clases medias, como polo feito de que moitos militantes políticos teñen esta orixe (e isto tamén é unha realidade no eido do nacionalismo galego), e dado que existe unha grande hexemonía cultural das clases dominantes, medraron moito as actitudes que substitúen a análise do estado de ánimo do povo, polas necesidades vitais e pasionais dos que se consideran predestinados a ser a vangarda. Por exemplo, se Galicia Bilingüe ataca o idioma galego e fai un acto público, axiña organízase unha concentración de oposición no lugar, sen valorar se este xeito de axer será entendido pola xente e se existe capacidade pra explicar á povoación as razóns, supeditándoo todo á satisfación persoal de "facer algo". Consecuencias: todo o nacionalismo fica tinguido de violento, estendendo a idea de que carece de argumentos, e que quere impoñer pola forza algo que a xente non quere realizar. Trátase dunha falsidade, porén levará meses clarificar a mentira. Evidentemente son sectores minoritarios, mesmo en moitos casos as agresións foron de provocadores que lesionaron aos manifestantes nacionalistas; porén foi unha protesta que non tivo en consideración a correlación de forzas e o sentir social, polo que serviulle ás clases dominantes pra virar a opinión pública a prol dos seus obxectivos.

Naquel intre houbo sectores do soberanismo que dixeron que existía unha grande pasividade desde as organizacións nacionalistas maioritarias, e pode que fora certo, porén a resposta non era encetar polo final, senón que era necesaria unha intensa campaña de clarificación, como despois acertadamente se fixo, permitindo realizar varias enormes manifestacións a prol da lingua galega. O espontaneismo e o vangardismo neste caso, e en moitos outros, non só foi unha concepción errada, senón que ademais tivo custes negativos pra o nacionalismo, xa que xerou desconfianzas en amplos sectores da sociedade. Daquela non abonda con pasar páxina, compre a autocrítica sincera que permita no futuro non repetir comportamentos trabucados. Tampouco se poden afastar as consecuencias das acións políticas das actitudes persoais; por exemplo, considerando comportamentos valentes e propias dun nacionalista a participación en actos con resultados negativos evidentes (de analizalos previamente). Un cadro político sempre debe servir á causa da liberación nacional e social de Galiza, é dicir: acumular forzas e apoio social a prol deste obxectivo.

Falo de todo isto, porque agora cando existe unha campaña mediatica intensa contra Cuba e Venezuela, a moitos militantes de esquerda férvelles o sangue, e máis unha vez a resposta pode ser comezar polo final, ou sexa: facer unha manifestación. Un acto simbólico, sen facer unha ampla campaña de explicación sobre a realidade nestes países, do seu carácter antiimperialista e con grandes mecanismos de proteción das maiorías sociais, sería repetir erros. Desprezar a forza dos meios de comunicación de masas, a súa capacidade pra instalar a falsidade e arroupar os intentos de desestabilizaron nestes países, é trabucado e pode servir (aínda que non se pretenda) aos obxectivos do imperialismo. Neste caso, como no da lingua, compre facer moita pedagoxía e explicación da situación. E, de realizar manifestacións e actos de protesta en cuestións internacionais, facelos naqueles temas onde as clases dominantes teñen maiores contradicións obxectivabeis pola maioría da xente, como na cuestión da Palestina e Afganistán, por poñer dous exemplos. E en todo caso, de facer unha manifestación a prol de Cuba ou Venezuela, realizar previamente unha campaña moi intensa e alargada no tempo. Cando facemos algo, ademais de amosar a solidariedade, temos que analizar se serve estratexicamente, se axuda a xerar unha maior conciencia política. Os camiños máis curtos non sempre son os que permiten avanzar con maior rapidez.

Sem comentários: