quarta-feira, março 31, 2010

A Farsa do concurso eólico

Artigo publicado en feijoomiente.blogaliza.com

Á vista do novo concurso eólico, anunciado con bombo e platillo mediante informe - como non! - no Consello da Xunta do pasado día 25 de marzo, non podemos senón comezar lembrando a famosa frase de Karl Marx no 18 brumario de Luis Bonaparte: "Hegel di nalgures que todos os grandes feitos e personaxes da historia universal aparecen, disque, dúas veces. Mais esqueceu engadir: unha vez como traxedia e a outra como farsa".

A Orde de 6 de marzo de 2008, a que convocou o concurso eólico do bipartito, tivo unha sorte tráxica: morrer acoitelada pola Lei 8/2009, a do roubo eólico aprobado pola maioría absoluta do PP coa impúdica pasividade dos presuntos maxistrados do TSXG, sen que ningún órgano xudicial demostrase as supostas ilegalidades que o PP veu proclamando coa cooperación necesaria de Santiago Rey Fernández-Latorre.

Morta a Orde de 6 de marzo, anúnciasenos agora unha nova Orde de convocatoria de 2.325 Mw que resulta ser unha verdadeira farsa. Vexamos por que.

1.Invéntanse un Plan que só existe nas notas de prensa, o Plan re-Xurde Eólico 2010. Plan que nin foi visto, nin tramitado como plan sectorial supramunicipal, nin informado por ningún órgano nin nada: puro márketing mediático o que lexitimar o latrocinio que o PP ven praticando desde que entrou no goberno.

2. Vólvese ao modelo bipartito dunha única Orde de convocatoria en concorrencia competitiva, con un importantísimo "matiz": para non vulnerar o artigo 28 da Lei, convocan os 2.325 Mw por "lotes". 10 zonas, en concreto, cuxo nome e ubicación ninguén coñece, nas que se inclúen as 191 Areas de Desenvolvemento Eólico do vixente Plan Sectorial, o que busca dar ventaxa aos promotores que xa teñan aproveitamentos e Plans de desenvolvemento concedidos para esas ADEs. Para disimular, di a nota de prensa que os promotores só poderán presentar solicitudes a unha ADE, e establécese un límite máximo de aproveitamento por promotor de 350 Mw. Algo que se convirte doadamente en papel mollado mediante a técnica de desdoblar as participacións e solicitudes mediante a constitución mercantil de distintas promotoras ad hoc (o vello xogo de trileros eólicos de recoñecido prestixio como Paco Vázquez, Santi Rey ou Fontenla), ou mediante a propia excepción que establece o PP: que o promotor presente un "plan industrial interesante para o desenvolvemento de Galicia". A grande coladeira da discrecionalidade.

Todo parece indicar que, localizada a maneira de mangonear a obxectividade e igualdade da concorrencia competitiva, esta deixou de ser un anatema político e xurídico. Tanto esforzo de Cayetana Lado no seu vergonzante informe para nada!!

3. Incúmprense xa os propios prazos trazados pola Lei 8/2009, pois as ordes de convocatoria por cada ADE (area de desenvolvemento eólico) deberían ter sido publicadas antes do 28 de febreiro.

Por iso andan agora con tantas presas, porque é evidente que, por moito que proclamen o contrario, os únicos e exclusivos responsábeis da parálise do sector son eles: Feijóo e o PP; por moito que agora pretendan engaiolar á opinión pública con abultadas cifras de investimento cuxos criterios de determinación ninguén coñece, salvo os empresarios que se vaian presentar ao concurso. Será que xa teñen os proxectos gañadores enriba da mesa??

4. Máis sorprendente ainda, Feijóo ten a desfachatez de vender como propios os avances máis destacados da Orde de 6 de marzo de 2008, apropiándose descaradamente do excelente traballo do BNG. A transparencia, a aposta polos criterios de investimento empresarial: todo iso estaba xa na Orde do bipartito.

Agora, por certo, seguimos sen coñecer os criterios de valoración, e teremos que esperar a que se publique a Orde no DOG. Mesmo ten a jeta Feijóo de vendernos que agora non se vai instalar parques en Rede Natura, cando foi o propio Bernardo Tahoces o que recoñeceu en sede parlamentar que a Orde de 6 de marzo de 2008 prohibía ampliar sobre Rede Natura, e foi grazas a unha emenda do BNG ao proxecto de Lei que se excluíu na versión final a Rede Natura da concesión de aproveitamentos. Que credibilidade ten, ademáis, neste punto Feijóo, cando vai instalar en plena Rede Natura a piscifactoría de Pescanova (Touriñán)??

En definitiva, imos esculcando xa cal era o motivo de Feijóo para lanzar toda esta trapallada da anulación do concurso eólico bipartito:

a) Primeira e principal, ser coherentes coa campaña de mentiras e acusacións falsas lanzadas contra o bipartito para recuperar o poder. Había que insistir, xa no goberno, en facer creíbles esas acusacións. Para o cal decidiron montar a acción de goberno sobre a corroboración política desa mentira. Ou sexa, sobre a corroboración dos marcos ideolóxicos da crispación que serviron para gañar as eleccións. O de menos son os intereses xerais obxectivos para o País.

b) Segunda, volver a repartir o botín eólico para beneficio "dos de sempre": dos empresarios que xa con Fraga coparon o sector. A mensaxe política é clara: "ainda que gañedes unhas eleccións, nunca gañaredes o poder real". Entre o que se inclúe, desde Herodoto, o poder de contar a historia como a este provinciano Imperio lle convén.

Sem comentários: