sábado, março 27, 2010

Novo impulso cidadán a prol do futuro do naval en Ferrolterra

"En defensa do emprego. Por un sector naval con futuro. Levantamento do veto xa". Son lemas unha vez máis da plataforma Rumbo 21, que este sábado convocou en Ferrolterra unha mobilización que tivo a súa principal reivindicación no levantamento do veto á construción naval civil na vella Astano.

Rumbo 21 xunta a colectivos sociais diversos, sindicatos, formacións políticas e empresariais en defensa do emprego no sector naval na comarca de Ferrolterra. En datas recentes, a plataforma xa fora quen de xuntar perto de 20 mil sinaturas para a promoción dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) coa que convidar o Parlamento a aprobar unha declaración para instar o goberno español a renegociar coa Unión Europea o veto á construción naval civil.

Promesas incumpridas
A propia parálise da tramitación da ILP en favor do naval e o incumprimento por parte do goberno español da promesa de negociar o levantamento do veto aproveitando a presidencia de quenda na UE, son dúas das reclamacións que están presentes na mobilización deste sábado.

Durante a presentación da manifestación deste sábado Xesús Varela, voceiro de Rumbo 21, asegurou que "se está a mentir descaradamente", e recordou que ningún dos actos programados polo goberno español durante a presidencia europea estará dedicado ao sector naval. Outro integrante da asociación, Ramón Yáñez, manifestou que "Ferrol está a xogar o seu futuro", malia que "o sector naval non será importante para o ministro de Industria". Varela advertiu de que o vindeiro ano, nos meses de verán, comezarán a producirse "regulacións" nas empresas auxiliares do naval, pola falta de novos contratos no eido da construción militar. Por outra parte, desde Rumbo 21 saen ao paso de recentes polémicas asegurando que non promoven nin defenden a privatización do estaleiro de Navantia Fene e insisten en que reclaman o seu uso para a construción civil vista a súa actual infrautilización.

O estaleiro de Fene ten vetada a construción naval civil até 2015 por un compromiso adquirido polo Estado Español con Bruxelas en 2005, que lle evitou devolverlle a Europa 1.342 millóns de euros achegados polo goberno de Aznar a apoiar o sector naval e que se declararon ilegais.

Fonte. Vieiros.com

Sem comentários: