terça-feira, março 23, 2010

O Congreso fai súa a moción do BNG e pídelle ao Goberno que retire o recurso contra a Lei de Caixas

O Pleno do Congreso dos Deputados aprobou por ampla maioría unha moción do BNG que lle demanda ao Goberno que retire o recurso de inconstitucionalidade contra a Lei Galega de Caixas.

A moción aprobada hoxe, cos votos en contra do PSOE, supón, en palabras de Francisco Jorquera, “un día histórico, porque a maioría dos grupos dinlle ao Goberno que rectifique, que lle está aplicando a Galiza a lei do embude, un trato inxusto, recorrendo por motivos políticos e non xurídicos unha norma que en Galiza conta cun amplísimo respaldo social e político”. A iniciativa foi aprobada por 172 votos a favor, 170 en contra e unha abstención.

En primeiro lugar, a iniciativa do BNG insta ao Goberno a “retirar de forma inmediata o recurso de inconstitucionalidade contra a reforma de determinados preceptos da Lei de Caixas de Galiza, levantando os efectos suspensivos do mesmo”.

En segundo lugar, demándalle ao Goberno que “se comprometa a respectar as competencias autonómicas sobre caixas de aforros”.

En terceiro lugar, e tras aceitar o BNG unha emenda de transacción do Grupo Popular, a moción aprobada esta tarde insta ao Goberno a “manter a vixente natureza das caixas de aforro, entidades de crédito, que teñen unha vocación social irremediablemente unida á súa actividade financeira, polo que precisan da súa eficiencia e solvencia”.

E en cuarto e último lugar, ínstase ao Goberno a “afirmar o seu papel de entidades financeiras básicas, vinculadas ao territorio, para así contribuír ao desenvolvemento socioeconómico das comunidades nas que teñen as súa sede social”.

“É unha lei que pretende democratizar as caixas para que representen a toda a sociedade galega”

Na defensa da iniciativa, Francisco Jorquera advertiu de que “para Galiza a desaparición das caixas suporía a perda do principal sector da nosa economía, e que as decisións dos nosos aforros se tomarían fóra de Galiza e se drenen ao exterior en vez contribuír ao noso desenvolvemento endóxeno”.

“Por iso –subliñou- a súa perda suporía dar un golpe de graza ao noso desenvolvemento futuro”.

Neste sentido, lembrou que a Lei de Caixas de Galiza “pretende neutralizar este perigo, para o que persegue tres obxectivos básicos: preservar a galeguidade das caixas de aforros; democratizar os seus órganos reitores e reforzar a tutela pública a fin de asegurar o respecto á natureza social e o seu vínculo coa economía produtiva”.

“Non se trata por tanto dunha lei que pretenda impoñer unha fusión entre as caixas galegas, socavando a autonomía das mesmas como repite o Goberno; senón que as decisións as tomen órganos que representen a toda a sociedade galega e a vontade dos impositores pois as caixas non son propiedade dos seus directivos”, advertiu o deputado do BNG.

“PSOE e PP non deben utilizar Galiza e as súas caixas para dirimir as súas diferenzas”

Por iso, Francisco Jorquera denunciou que a decisión do Goberno de recorrela por presunta inconstitucionalidade “non é xurídica, senón que é política, porque non se recorren leis semellantes doutras Comunidades, aplicándolle a Galiza a lei do funil”.

A este respeito, o parlamentario nacionalista advertiulle ao Grupo Socialista de que “non pretendan utilizar Galiza para dirimir as súas diferenzas co PP, dándolle unha patada no cú a Galiza”.

“É unha lei de pais, que conta con amplo respaldo político e social”


Por último, Francisco Jorquera subliñou que “son coñecidas as nosas diferenzas co PP, sobre cómo hai que reestruturar o sector financeiro. pero esta é unha lei onde a iniciativa lexislativa naceu do Parlamento de Galiza, naceu dunha iniciativa do BNG, non do Goberno da Xunta”.

“Naceu –engadiu- cun amplísimo consenso no Parlamento de Galiza, no que participou o PSOE, mesmo nalgúns artigos recorridos, aínda que logo incomprensiblemente se botou atrás”.

“É unha lei de país, que conta con amplísimo consenso social en Galiza de sindicatos, empresarios e organizacións políticas, e que pretende protexer a nosa economía e por iso non merece esta estratexia de conflito e obstrucción do Goberno Central”.

Fonte: BNG

Sem comentários: