quarta-feira, março 24, 2010

O negocio sanitario

Manuel Mera 23,03,10 GzNacion

Neste modelo neoliberal, que nos meteu nunha crise tremenda, con militarismo a tope, desfeita da natureza, espoliación de recursos insubstituíbeis, aumento da explotación laboral, e medre das bolsas de pobreza e marxinalidade, estamos ademais asistindo ao andazo da privatización ou diminución dos servizos e prestacións públicas esenciais. Hai unha carreira a ver quen privatiza máis rapidamente por parte dos dous principais partidos políticos do Estado español, na que sen dúbida leva moitas vantaxes o Partido Popular, que aplicou naquelas autonomías que governa este obxectivo con toda dilixencia. Pola súa banda a patronal preme con cobiza pra que se poñan en práctica medidas que abran ao negocio privado prestacións públicas das que ninguén pode prescindir. Servizos nos que o beneficio, coa garantía da Administración Pública, sempre está asegurado.

Desde que asumiu o Governo de Galiza o Partido Popular, ademais de se adicar a desgaleguizar o país, puxo todos os recursos públicos ao servizo dos grandes grupos económicos. E a saúde non ía ser unha excepción. O exemplo témolo no proxecto dos novos hospitais de Vigo e Pontevedra, nos que se aposta pola "colaboración público-privada". Cómo se concreta isto?. Nos novos hospitais serán empresas privadas as que: redacten o proxecto técnico e dirixan as obras; constrúan as infraestruturas e edificios; fornezan o equipamento; xestionen os servizos non sanitarios; asemade serán as propietarias do hospitais, en réxime de concesión, durante 20 anos. A Xunta pagará un canon anual pola utilización dos hospitais (con gasto corrente) e xestionará os servizos sanitarios. Dise que deste xeito os hospitais faranse máis rápido, porén, por exemplo, o de Lugo aínda non se rematou despois de dez anos.

O modelo que se pretende impor en Galiza é unha copia do existente en Madrid (nesto tamén funciona o centralismo). Podemos polo tanto valorar os seus resultados por anticipado. Ningún dos 7 novos hospitais naquela comunidade autónoma se fixo nos prazos acordados. Algúns dos centros teñen externalizada a radioloxía e laboratorio, que fican fóra do centro hospitalario, impedindo o contacto cos profesionais clínicos, e asemade ponse en perigo a confidencialidade dos dados. Estes hospitais privatizados teñen un 68% de leitos menos, así como a metade de médicos e enfermeiras, por cada mil habitantes, que nas áreas cubertas polos centros públicos. E, como consecuencia lóxica, faise unha peor atención aos pacientes.

O outro modelo de privatización da sanidade, chamado "Alzira", é o alentado pola Comunidade Valenciana, tamén governada polo PP. Neste caso outorgouse unha concesión a unha empresa privada pra construción dun hospital en chan público e da xestión da asistencia especializada, a retribución fixase nunha cantidade máxima anual por paciente (pago capitativo). Os resultados: en catro anos a empresa non informou sobre a situación económica; durante os tres primeiros anos da perdas que ten que cubrir a Consellería ao resgatar no ano 2006 a concesión. Porén ¡abraiémonos! a Consellería sanea as contas do hospital, e no ano 2006 convoca un novo concurso con condicións máis vantaxosas (un 30% máis) no que resulta concesionaria a mesma empresa anterior.

Afirma a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública que ningún destes modelos é un aforro pra o SERGAS, xa que aumentan o gasto burocrático e administrativo e pérdese calidade na atención do paciente. Porén, ademais marxinan a atención primaria, limitan a colaboración entre centros e impiden a planificación sanitaria. En resumo: acrecentase o gasto sanitario sen mellorar os resultados, e aumenta a desigualdade sanitaria entre áreas. Teñen asemade repercusións laborais negativas pra os empregados/as sanitarios, tanto en salarios como en xornada laboral e ritmo de traballo.

Diante deste paso atrás, en beneficio exclusivo dos máis poderosos, non é casual nen conxuntural que o sector se mobilice dando unha resposta masiva, como a exitosa folga do pasado día 24 de febreiro nos hospital de Vigo e a manifestación de 6.000 traballadores da saúde e veciños de Vigo e comarca; ou o peche posterior no centro. Asemade, está anunciada unha nova mobilización, neste caso pedindo o apoio da povoación, pra o vindeiro 25 de marzo. Núñez Feijóo debe tomar nota e rectificar, xa que se trata dunha medida negativa pra maioría social que pretende facer dun servizo básico e esencial un negocio máis.

Sem comentários: