segunda-feira, março 29, 2010

Polémica polo leite feito en Galiza

Os colaboradores de Samuel Juárez afirman que unha das obsesións do conselleiro de Medio Rural é conseguir que o consumidor diferencie o leite producido en Galiza. Por iso o seu departamento traballa na elaboración dun decreto que regulará “as mencións relativas á orixe ou procedencia galega na etiquetaxe, presentación e publicidade dos produtos alimentarios”. Fontes da Consellería indicaron que a súa aprobación é inminente.

A nova norma baséase na diferenciación entre “elaboración” (nos que se inclúen termos como fabricado en ou feito en) e “orixe” (indicado mediante expresións como produto de Galicia, galego ou similares). O primeiro grupo poderá empregarse en todos os alimentos cuxa transformación se leve a cabo na Comunidade Autónoma, aínda que as materias primas proveñan de fóra. O segundo, só naqueles nos que as materias primas se obteñan en Galiza.

A indicación da orixe dos produtos alimentarios na súa etiquetaxe vén sendo unha reivindicación dos sindicatos agrarios. Os gandeiros e agricultores lamentan que os cidadáns non coñezan con exactitude a procedencia do que consumen. Así, a maioría das organizacións que representan os seus intereses votaron a favor da medida que impulsa Samuel Juárez. O Sindicato Labrego Galego opúxose porque considera que a norma “confundirá os consumidores e cede de balde todo o prestixio a aquelas empresas instaladas agora ou no futuro no noso territorio”.

Diferencia sutil

Carme Freire, secretaria xeral do SLG, considera que “os produtos galegos están fortemente lexitimados no mercado, pero medidas como esta dinamitan unha personalidade produtiva construída polos nosos labregos ao longo dos séculos, que lles outorga valor engadido”. As diferenzas entre as denominacións que propón a Consellería quedan claras no decreto, pero poden non selo tanto para os consumidores. Por iso, este sindicato propón que a etiqueta feito en Galicia catalogue só aqueles que, frescos ou transformados, empreguen unicamente materias primas criadas ou cultivadas na comunidade autónoma.

Pola contra, Medio Rural aposta por campañas de información que lle expliquen ao consumidor galego a nova etiquetaxe. Fontes da Consellería afirman “que tamén se desenvolverán no ámbito estatal, pero dun xeito moito máis modesto porque non se dispón dos recursos suficientes e porque é ao consumidor de aquí ao que realmente lle interesa coñecer se a orixe do produto é galega”.

Con todo, a nova norma pode atopar atrancos na lexislación comunitaria. Medio Rural afirma que os seus servizos xurídicos están traballando para que a UE non prohiba o modelo proposto como ten feito con outras leis sobre etiquetaxe. “A UE non permite limitar expresións como Leite de Galicia (recentemente prohibiu a denominación Leite de Grecia), a non ser en casos de moi ampla tradición como Aceite de Andalucía ou Plátano de Canarias”.

Fonte: anosaterra.org

Sem comentários: