terça-feira, março 23, 2010

Traballadores do naval protestan diante da Xunta mentres se lles esgotan os recursos

Fran e máis de vinte compañeiros do metal de Pontevedra levan 22 días acampando diante da Consellaría de Traballo, en San Caetano, co obxectivo de regulación da contratación no sector do naval segundo estaba asinado no convenio provincial do metal.

Falamos con Fran Rodríguez, da Coordinadora de Parados do Naval da provincia de Pontevedra, colectivo que leva meses realizando varias accións reivindicativas, como reunións coa inspección de traballo, a ocupación dun guindastre nun asteleiro ou o reparto de octavillas á cidadania, entre outras. Como a situación non mudaba decidiron vir a Compostela e insistir dese xeito nas súas reivindicacións.

Ademais de para facer visible dita problemática ante o goberno galego, tamén pretenden dar a coñecer a problemática no sector ao conxunto da cidadanía. Se ben na segunda xornada de estadía ás portas de San Caetano a delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, se achegou a eles para ver cales eran as súas reivindicacións, a responsábel da Xunta logo recuou dicindo que a crise, que non había traballo e alegando cuestións similares aos concentrados e que non podían mediar nese conflito.

"Traballo hai de sobra"

Pola súa banda, Fran Rodríguez explicou que "traballo hai de sobra, para os de aquí e para os de fóra" e que seguirán acampados ás portas da consellaría "indefinidamente até que se dea unha solución".

Máis de 800 traballadores do metal de Pontevedra quedaron recentemente sen traballo, segundo os datos que achega a Coordinadora. As condicións de traballo, salarios inferiores a 800 euros e xornadas de luns a domingo e exclusións dentro das propias empresas ao saber que estes traballadores se estaban a organizar para loitaren polos seus dereitos son algunhas das causas desta reivindicación.

Ademais, segundo relatou o membro do colectivo de traballadores do naval, "o que queren os empresarios é abaratar os custes, meternos medo con trasladar os estaleiros para que así pasemos polas condicións que nos dan sen rechistar", ao que replicou que "non imos deixar as nosas accións até que se nos recoloque e, unha vez feito iso continuar a dar os pasos para asinar o convenio", afirmou.

Situación límite

"Primeiro apártannos, despois perdemos o emprego e logo bótannos fóra". Así resume Fran Rodríguez os pasos que seguen as empresas para "acabar" cos que miran polos seus dereitos. Hai moitos traballadores que levan moitos meses no paro. No seu caso, 12 e xa esgotaría o que tiña acumulado. Ademais, non deixou de lembrar que "Sarmiento até tiraba fotos en Barreras para ver que obreiros estaban reivindicando o que lles corresponde", dixo.

Fonte: GzNacion.com

Sem comentários: