segunda-feira, março 22, 2010

Un xesto, un gol, toda a educación

Temos a oportunidade de demostrar tanto as nenas e nenos sen escolarizar, como aos nosos propios fillos que, cando facemos unha promesa, somos capaces de mantela. Coa túa axuda, poderemos conseguir que millóns de seguidores non só animen aos seus equipos, senón tamén ao noso equipo: 1 GOL. É o noso momento; podemos conseguir sacar a millóns de nenas e nenos das sombras da ignorancia e iluminar as súas vidas co legado da educación.

No ano 2000, 164 gobernos acordaron establecer os obxectivos da Educación para Todos e Todas e 189 gobernos estableceron os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio de Nacións Unidas. Dous dos oito obxectivos perseguen poñer fin á pobreza a través da educación:
. conseguindo que todos os nenos e nenas poidan completar a etapa de primaria antes de 2015.
. garantindo que as nenas teñan as mesmas oportunidades educativas a todos os niveis antes de 2015.

Hoxe a 72 millóns de nenas e nenos en todo o mundo négaselles a oportunidade de asistir á escola. Estes nenos poderían ser os dirixentes das próximas xeracións, estrelas nos deportes, médicos e mestres. Pero sen educación, están condenados a unha vida de pobreza. Todos están listos para facer as súas tarefas, pero distintos motivos, tales como os custos escolares, os conflitos políticos, o traballo de menores en fábricas ou no campo, a perda dos seus pais por algunha enfermidade, os custos dos uniformes escolares ou simplemente o feito de ser unha nena, lles impiden asistir á escola. Non importa cal é a súa situación: refuxiado, pobre, minusválido, neno soldado, traballador infantil ou excluído, o resultado é o mesmo; sen a oportunidade de aprender e educarse nunca chegarán a alcanzar o seu máximo potencial.

Conseguir unha educación universal de calidade para todas e todos é posible, só hai que respetar e cumplir os pactos de Dakar do ano 2000. E por iso pedimos a colaboración de toda a sociedade, xa que só todas e todos xuntos somos capaces de presionar aos lideres políticos en calquera que sexa o seu ámbito de decisión.

Por iso esta vez é moi sinxelo colaborar, cun simple xesto pódense conseguir grandes resultados. Por iso propoñémosvos mostrar o voso apoio a 1 GOL e aparecer no noso Facebook e na páxina web da campaña!
Pedímosvos facervos unha foto realizando o xesto da campaña, como vós queirades: coa camiseta do voso equipo favorito ou no equipo que xoguedes ( sexa cal sexa o deporte), ou unha foto no voso ámbito laboral, ou nun lugar especial, ou cunha paisaxe fermosa, etc..

Tamén pedir a todos aqueles que traballen nun centro educativo que lle propoñan ao responsable dos equipos deportivos do centro, que as nenas e nenos dos equipos poidan participar e que se lles explique que é a campaña, para ao final desta poder facer un gran mural coas fotos dos deportistas de base galegos apoiando esta campaña.

Se estás interesado/a en aparecer no noso Facebook e web da campaña, só tes que enviarnos por correo electrónico unha fotografía facendo o sinal coa man de 1 GOL a: galicia.comunicacion@educacionsinfronteras.org

Sem comentários: