segunda-feira, março 22, 2010

Unhas mil persoas maniféstanse en Santiago contra a "privatización" do litoral e a especulación

Unhas 1.000 persoas da rede de colectivos 'Galiza non se vende' manifestáronse hoxe en Santiago pola defensa do territorio e contra a "privatización" do litoral, --unhas 500 segundo fontes da Policía Local de Compostela--


Así o explicou en declaracións a Europa Press, o representante do Foro Social de Cangas, Santiago Pérez, quen sinalou que a manifestación de hoxe tivo lugar para denunciar a destrución dos sectores primarios e defender a soberanía alimentaria enerxética de Galicia. Neste sentido, denunciou que a clase política galega "está traballando indiscriminadamente polos intereses da grandes empresas e financeiras", ó que engadiu que "os sectores primarios están sendo machucados totalmente polo sistema político".

Neste sentido, lamentou a "destrución" da frota de baixura e a "destrución dos valores" naturais. "Precisamente o que nos meteu na crise actual está sendo vendido aínda como receita", recalcou Pérez.

Na manifestación atopábanse representantes de máis de 60 colectivos como Verdegaia, Pallasos en Rebeldía, Amarante, SOS Courel ou Amigos da Terra, así como de partidos políticos como Esquerda Unida-Izquierda Unida ou membros do Sindicato Labrego.

En declaracións a Europa Press a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carmen Freire, criticou as "agresións" que se están levando a cabo en Galicia como a situación da minería na Terra Chá ou a situación do plan acuícola que, ó seu xuízo, "comprometen a situación de toda a xente que vive en Galicia". Así mesmo, subliñou o apoio a propostas como 'Galiza non se vende' pola súa loita para "vivir dos medios de produción propios".

Durante a manifestación puidéronse escoitar diversas críticas en clave de humor contra o "Bloque Socialista Popular"; así, realizouse unha peculiar poxa na que se podía adquirir a Catedral de Santiago "sen estadas", o conxunto das Illas Atlánticas con portos deportivos ou un Audi presidencial blindado. Xunto a isto, puidéronse ver reivindicacións a favor do galego con pancartas que rezaban "un museo para o galego" ou "en Galiza en esperanto".

Fonte: GaliciaHoxe.com

Sem comentários: