quinta-feira, abril 29, 2010

1º de maio, crise e alternativas

Artigo de Manuel Mera:

Este ano o Día Internacional da Clase Traballadora está enmarcado pola crise sistémica que, pra clase obreira, concrétase a esta altura nun medre do desemprego, unha fiscalidade máis negativa e menores servizos e prestacións públicas. Agora ben, non pra todos os resultados son negativos, xa que os grandes grupos económicos saen afortalados, recuperando axiña lucros, e, o que é máis destacábel, coidan que a loita de clases resolveuse definitivamente ao seu favor. Ou sexa: cun aumento da explotación e unha derrota estratéxica da clase traballadora.

Sen sermos demasiado optimistas, mesmo recoñecendo que este primeiro período da crise estase saldando favorabelmente para a grande burguesía, podemos afirmar que esta nova etapa histórica non está totalmente definida. Calquera pode ollar que non se lle deu unha saída axeitada aos grandes atrancos económicos, ecolóxicos e de esgotamento de recursos vitais, que son temas transcendentais que fican pendentes e que se suman aos tradicionais conflitos laborais e nacionais. Se isto é certo no ámbito mundial, as perspectivas aínda son moito máis negativas cando fan referencia á Unión Europea e aos países periféricos dependentes (como Galiza). Todo indica que o crecemento económico desprázase a Estados como os que conforman o BRIC (Brasil, India, Rusia e China), que ademais aparecen como potencias en ascenso, porén tamén a outros con menor peso e que representan un modelo alternativo como a ALBA.

Por qué se resolveu, neste primeiro período, a favor das clases dominantes esta crise, malia que foron as que a provocaron? Sen dúbida incidiu en boa medida a enorme concentración e centralización que existe hoxe da economía e nos medios de información (o pensamento único), e a subordinación dos gobernos e organismos internacionais á grande burguesía. Porén tampouco se pode ignorar que as organizacións sociais e os partidos políticos que representan os intereses das clases populares foron moi debilitados, tanto a nivel ideolóxico como organizativo durante as nefastas décadas de globalización neoliberal. Asemade, unha parte importante do sindicalismo e partidos da esquerda pregáronse aos intereses do capital, e confórmanse diante de cada nova esixencia da patronal con moderar os retrocesos. Os sucesivos acordos de negociación colectiva por parte de CC.OO. e UGT coa patronal CEOE, pra limitar salarios, foron feitos na pasividade, sempre buscando unha xustificación (neste contexto o da crise), son exemplo desta asunción por parte dalgunhas direcións sindicais dos proxectos estratéxicos do capital.

Neste contexto é que en Galiza se están impondo, como no Estado español co governo do PSOE (como antes co PP), medidas que botan nas costas das clases subalternas os custes da socialización das débedas do sistema financeiro e da promoción inmobiliaria. Entre estas decisións podemos salientar o aumento do IVE en dous puntos, ou a pretensión de rebaixar os custes das indemnizacións por despedimento e das cotas sociais ou alongar o período de traballo pra o aceso á xubilación. A estas políticas neoliberais, por se non abondara, temos que sumar na nosa nación unha xeira de medidas que privatizan servizos e prestacións públicas, favorecendo os reclamos patronais sen aclarar o grau no que benefician ao país, mentres diminúen o papel das organizacións sociais nas decisións de goberno.

Non se axe desde a Xunta de Galiza, desde o governo do Partido Popular, en función das necesidades das maiorías sociais, senón fundamentalmente primando os intereses das clases dominantes, mesmo no eido identitario e idiomático. A dereita considera que as resistencias populares están derrotadas por décadas, por esta razón governan con dureza e soberbia diante dos máis débiles, do que se gaban, mentres son submisos cos que teñen poder (a actitude con empresas como Citroën ou o Corte Inglés, e mesmo cos directivos das Caixas, son un exemplo).

Agora ben, hoxe, a ideoloxía hexemónica é refugada tanto en feitos como nos argumentos que predica non só polas clases populares senón tamén por sectores da burguesía baixa e media. Isto é así, aínda que ás veces a xente na súa práctica cotiá axe con métodos e orientacións propias do estrutural-funcionalismo e da globalización neoliberal. Por iso os sectores máis lúcidos do sistema, sabedores da súa debilidade a medio prazo centran a súa estratexia en destruír aquelas organizacións e governos que podan representar unha alternativa popular e soberanista diante do imperialismo (demonizando as ideas, reescribindo a historia, recortando as liberdades e premendo no campo militar se fai falla).

Se ollamos no noso entorno, se lemos entre liñas nos xornais, e consultamos páxinas web alternativas, podemos concluír que en realidade a protesta das clases populares, especialmente da clase obreira, continúa viva e mesmo aumentou moito en relación aos últimos anos. Porén, compre recoñecer que son normalmente mobilizacións conxunturais e fragmentadas, o que é un atranco pra lle dar dimensión ás loitas e maior contido estratéxico. Tamén compre destacar que en Galiza hai organizacións nacionalistas representativas que seguen erguendo unha alternativa de xustiza social e soberanía; ou sexa, que non todos son iguais como lle interesa divulgar ás clases dominantes (algo no que coincide o infantilismo de esquerda) pra intentar así desacreditar ás alternativas posíbeis.

Esta capacidade mobilizadora mantén vixente a loita de clases, que ademais aumentará a medida que se comprenda pola maioría da povoación que as contradicións do sistema non son conxunturais e que van a máis.

Tampouco podemos ignorar as limitacións e eivas que hai no eido popular, xa que son un atranco moi grande pra mudar positivamente a correlación de forzas. Lembremos as fundamentais: fai falla articular as mobilizacións, máis formación, información e organización, e valorar a política de alianzas. Estas son tarefas prioritarias, mesmo pras organizacións de masas, nesta conxuntura histórica. Feitos e debate, práctica e teoría, deben ir da man; constitúen a praxis que tanto se analizou no século pasado.

Sem comentários: