terça-feira, abril 13, 2010

Absoltos os directivos de 'Egunkaria' acusados de pertencer a ETA

A Sección Primeira da Sala do Penal da Audiencia Nacional absolveu este luns os cinco directivos do diario Egunkaria acusados de pertencer a ETA por impulsar a constitución do diario, que foi clausurado en 2003 por orde do xuíz Juan del Olmo.

Durante o xuízo, que quedou visto para sentenza o pasado 1 de febreiro, as acusacións populares de Dignidad y Justicia e a AVT solicitaron penas de entre 12 e 14 anos de prisión para os directivos do xornal Martxelo Otamendi, Iñaki Uria, Joan Mari Torrealdai, Txema Auzimendi e Xabier Oleaga.

A Fiscalía solicitara a libre absolución dos acusados, asegurando que nos seus 13 anos de vida o diario non publicara nin un só artigo que demostrase o apoio "nin sequera ideolóxico" do rotativo a ETA.

Otamendi: "Unha das mellores noticias" para Euskal Herria
Otamendi dixo que a súa absolución e a dos outros catro directivos é "unha das mellores noticias que recibiu" Euskal Herria "nos últimos anos", segundo informan as axencias. Asegurou que os cinco están "contentos" con esta decisión que confirma que os procesados son "inocentes", mais que tamén o son "o proxecto e a empresa Egunkaria", do mesmo xeito que "os seus lectores, os seus accionistas, os subscritores". "Todos son inocentes", recalcou o ex director do xornal.

O actual máximo responsábel de Berria explicou que con este fallo rematan "sete anos de calvario" nunha "primeira fase", porque resulta "previsíbel" que se presente un recurso e, "polo tanto, haberá que xogar a segunda fase no Tribunal Supremo". "Porén, estamos moi emocionados, a xente está moi contenta e vai ser unha das mellores noticias que recibiu este país nos últimos anos", concluíu .

Oleaga: "Habería motivos para pedir contas"

O subdirector de Egunkaria, Xabier Oleaga, tamén se mostrou satisfeito pola sentenza e apuntou que "habería motivos para pedir contas" polos danos causados polo peche do xornal, aínda que esperará "até que punto é conveniente ou posíbel facelo dentro do que é a estratexia xurídica". En declaracións a Radio Euskadi, Oleaga dixo que "hoxe é un día feliz e de celebración nas nosas vidas", logo de "sete longos anos".

Oleaga sinalou que a conclusión da Audiencia Nacional de que o xuíz que ordenou o peche de Egunkaria non estaba habilitado para iso "non é novo no que foi o debate en torno ao caso nestes sete anos, e basicamente foi un punto en que puxeron énfase e atención organismos internacionais ligados ao ámbito xurídico e, polo visto, tivo importancia tamén para o tribunal".

Recordou que el mesmo pasara oito meses no cárcere antes de ser posto en liberdade "e iso é unha factura grave na miña vida e na vida da miña familia, e pasamos cinco días que non se poden contar en calquera círculo durante o tempo que estivemos detidos, polo que motivos para pedir contas habería, mais veremos como estratexia xurídica en que pode quedar iso".

Sem comentários: