quinta-feira, abril 01, 2010

A autodeterminación do ser

Artigo de Diego Taboada en Xornal

Están por todos lados. É unha invasión. Son a venerable irmandade dos puros de sangue. Os representantes da auténtica esquerda. Os salvagardas do auténtico sentimento patrio. Os predicadores de moral cívica que están máis alá do ben e do mal. Son máis galegos ca ti e máis roxos ca ti. Canto máis o afirman máis inchan o peito, coma se o exceso de testosterona patria e solidaria lles subise aos pulmóns para inflalos coma globos aerostáticos.

Protestan contra a infumable beatería e a hipocresía moral da conferencia episcopal española, mais logo reproducen outro discurso esencialista e grandilocuente en clave laica. De Xesucristo como salvación e resposta última á patria e Karl Marx como salvación e última resposta. Da escolástica divina das eternas verdades á escolástica marxista coma perspectiva unívoca. Da última resposta en clave confesional á última resposta en clave laica. Da dogmática de sotana á dogmática de partido.

En resumo: a liberdade persoal e a individualidade reducida á categoría de cousa sen libre albedrío.

Envelénanse cando critican as contradicións entre a doutrina e a práctica da igrexa católica, mais cando alguén lles recorda que a súa política fiscal reproduce o inxusto reparto dos pans e os peixes, reaccionan coléricamente, como se a súa preclara autenticidade de homes de esquerda quedase en entredito, como se eles tampouco tivesen que responder diante da cidadanía polas súas contradicións entre laicas promesas de igualdade e prácticas políticas reais, coma se nunca votaran en bloque todos xuntos, centristas, dereitistas e esquerdistas, para subirse o seu soldo de parlamentarios.

Son galeguistas por reacción ao racismo do nacionalismo español, mais non por convicción íntima. Ademais, nunca chegan a explicar claramente que é o que eles entenden por galeguismo: precisan o eterno inimigo para reafirmarse. Nunca podes chegar a saber se falan da cultura como un simple instrumento para facerse co poder político… ou se falan da política como un instrumento para controlar os impulsos libertarios do mundo da cultura. O único que percibes é ansiedade polo estatus. Fervente desexo por saír na cámara e recibir o aplauso, aínda que sexa o aplauso da loucura atónita da masa. Nunca explicarán claramente que é o que eles entenden por cultura. Para saír do paso e non esforzarse demasiado, exclaman aquilo de: ¡Che, compadre, todo é cultura! E así, por arte de maxia, por oportunismo e conformismo rosmón, fetichizan o termo cultura para dar apariencia de harmonía a un país no que latexa constantemente o conflito en tódolos frentes: o social, o político, o económico, o ecolóxico e o lingüístico.

Estas diferentes dimensións do conflito son vértices conectados a unha mesma área xeográfica: Galicia, Galiza ou Gallaecia. Chámena como queiran, mais este é o país que temos e este é o país que deberiamos atrevernos a investigar, entender, reflexionar, construír e habitar, e polo tanto, precisamos unha perspectiva de totalidade –que non total– que non poderemos construír sen o esforzo e o compromiso dunha comunidade científica interdisciplinar que teña a coraxe moral de negarse a facer investigación con criterios pura e duramente mercantilistas.

Creo que non hai outra forma de fuxir da mirada colonial e xa comezamos a dar pasiños cara esa dirección, polo menos no que se refire ao conflito lingüístico, coa edición de libros como Sobre o racismo lingüístico, 55 mentiras sobre a lingua galega e, moi recentemente, Lingua e futuro, coordinado por Goretti Sanmartín.

A loita non resistencialista e pro-activa a prol do idioma xa ten as costas –polo menos na teoría, que non na práctica– ben cubertas. Precísase agora unha economía política ecoloxicamente fundamentada, unha antropoloxía que deconstrúa os discursos mediáticos, políticos e académicos dos intelectuais do estado-nación, unha historia social contada dende a perspectiva, macro-histórica e intra-histórica, da experiencia da diáspora, e unha socioloxía política que desenmascare a evolución e configuración histórica das redes clientelares en Galicia.

Sen perspectivas unívocas, con esforzo moral e intelectual, pódese recuperar a autodeterminación do ser: o dereito político a decidir, pero a decidir dende a conciencia da diferenza. Menos é nada.

Sem comentários: