sexta-feira, abril 23, 2010

Centos de persoas maniféstanse polas rúas de Vigo contra o peche do Hospital da Cruz Vermella

Familiares dos pacientes que aínda permanecen no centro interviron ao remate da mobilización para esixir a continuidade da actividade
O mércores 21 de abril ás oito da tarde saía a manifestación contra o peche do hospital da Cruz Vermella de Vigo. Durante a manifestación, o nutrido grupo de manifestantes esixiron a continuidade do hospital e denunciaron a actuación dos responsábeis da ONG e ás ameazas e coaccións ás que teñen sometido a traballadores/as e aos/ás doentes e ás súas familias.

Ao final do percorrido, que partiu da Vía Norte e marchou até o edificio da Xunta de Galiza en Vigo, interviñeron familiares dos enfermos/as que aínda están hospitalizados no centro da Cruz Vermella de Vigo, así como o avogado que leva os temas de ditas familias. Expresáronse os casos dos enfermos que aínda quedan e o seu inseguro futuro asistencial.

Así mesmo, criticouse duramente a actuación dos responsábeis da Cruz Vermella neste proceso, así como as ameazas e coaccións. Neste senso, dende a CIG-Saúde de Vigo agardan que a situación mellore e que se atope unha solución aceptábel, tanto para os enfermos como para as traballadoras e traballadores, como para garantir a permanencia do hospital na cidade.

A Cruz Vermella ten decidido pechar o seu Hospital en Vigo, e a Xunta de Galicia e o SERGAS non teñen feito nada para impedilo.

"Vigo non pode permitilo"

Non ao peche do Hospital da Cruz Vermella

Contra a perda de recursos sociosanitarios en Vigo

A Cruz Vermella ten decidido pechar o seu Hospital en Vigo, e a Xunta de Galiza e o SERGAS non teñen feito nada para impedilo.

Con este peche, 70 camas de atención sociosanitaria (para persoas con doenzas crónicas, terminais ou convalecentes), hoxe imprescindibles na nosa cidade para non colapsar os Hospitais públicos, perderanse definitivamente.

Un hospital feito con doazóns de cidadáns vigueses, en terreos cedidos polo Concello de Vigo, e sendo o único das súas características sociosanitarias na cidade, queren pechalo e dedicalo a outras actividades, VIGO NON PODE PERMITILO.

*A loita que durante máis de dous meses temos levado as traballadoras do Hospital para tentar de impedilo, defendendo o noso posto de traballo (70 empregos), non ten chegado para evitalo.

*A presentación de 25.000 sinaturas de cidadáns de Vigo e bisbarra contra o peche do Hospital da Cruz Vermella, non ten chegado para evitalo

*As denuncias dos familiares de situacións persoais dramáticas, polo traslado de doentes do Hospital a centros de fora de Vigo, ou a centros non hospitalarios, non ten chegado para evitalo.

*A constancia de que o peche provoca situacións de saturación nos Hospitais públicos e a falta de camas de ingreso, non ten chegado para evitalo

Pero entre todos, temos que evitalo, temos que lograr que a Cruz Vermella dea marcha atrás na súa decisión, temos que lograr que a Xunta de Galiza e o SERGAS, tomen cartas no asunto e non deixen pechar este Hospital, e que a atención sanitaria en Vigo non perda recursos sanitarios hoxe insustituíbeis.

Sem comentários: