segunda-feira, abril 19, 2010

"Cuba si, yankees non"

Todo un clásico do 25 de Xullo -o cántico "Cuba si, yankees non"- retumbou sobre as rúas de Santiago de Compostela á temperá altura do 18 de Abril. O motivo, testemuñar a solidariedade con Cuba, obxecto dunha brutal campaña de manipulación informativa por parte do imperialismo e os seus aparatos de propaganda.

O BNG decidiu sumarse á convocatoria da Asociación de Amizade Galego Cubana Francisco Villamil para defender o dereito que asiste ao pobo cubano a decidir libremente o seu futuro, sen inxerencias externas.

"Non estamos polo pensamento único. Estamos por que os pobos se autogobernen. Estamos contra o imperialismo. Estamos por que cesen as torturas en Guantánamo. Estamos por que os Estados Unidos devolvan Guantánamo ao seu lexítimo dono, o pobo cubano", declarou o portavoz nacional que foi interpelado polos medios durante a marcha.

O líder do BNG demandou tamén o cesamento do bloqueo comercial que sofre a Illa desde hai máis de medio século e que lastra gravemente o seu desenvolvimento económico.

"Nacionalismo contra imperialismo", "Fidel, amigo, Galiza está contigo" e "Vai, vai, vai, Cuba vencerá" foron algunhas das consignas máis coreadas durante unha manifestación á que tamén se adheriu o sindicalismo nacionalista galego.

Sem comentários: