sexta-feira, abril 09, 2010

A derrogación do decreto e a presión social comezan a pasarlle factura interna ao PPdeG

O Goberno ten présa por pechar a hemorraxia política que lle está a supoñer a reforma do decreto de linguas. Cun executivo absolutamente enrocado fronte á vaga de críticas que chegan dende todos os sitios, os de Núñez Feijoo levaron este mércores o enésimo, pero non por iso menos doroso, pau dos últimos meses. O Consello Escolar de Galiza rexeitaba (24 votos contra 16) o chamado 'decretazo'.

Pero na xuntanza houbo unha intervención que proeu nas filas do PPdeG. Un dos seus, o ex conselleiro Daniel Barata Quintás, apoiou as teses de Feijoo pero, para sorpresa dos asistentes, tomou a palabra para que constase en acta unha recomendación particular: vista a forte oposición social, o Goberno ten que facer "un esforzo para aproximar posicionamentos". En declaracións a axencias logo da reunión, Barata subliñou que nun asunto tan crucial como a educación era preciso buscar os máximos apoios sociais posíbeis.

A petición de diálogo demostra o que é un segredo a voces. Entre a militancia do PPdeG hai cada vez máis que cren que o Goberno está xestionando con "pouca man esquerda" a cuestión lingüística. Barata Quintás, que foi conselleiro de Cultura con Manuel Fraga entre 1990 e 1993, procede, ao igual que Xosé Luís Baltar, dos desparecidos Centristas de Galicia. Inspector de Educación de profesión, é membro do Consello de Contas.

Outros precedentes
Máis desapercibido para a opinión pública, pero aínda máis simbólico, é o posicionamento doutro destacado militante do PPdeG de Ourense: Felipe Ferreiro Feijoo, ex delegado de Educación no último goberno Fraga e profesor de galego de ensino medio. Ferreiro formou parte como asesor do comité que redactou o informe que o Consello da Cultura deu a coñecer en febreiro. No mesmo documento, que Ferreiro fixo seu en todo momento, pedíaselle á Xunta que retirase un decreto que podía xera conflitivade nas aulas e que abandonaba o camiño da normalización lingüística.

A nivel interno, dirixentes como o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, ou o líder do PPdeG de Lugo, Xosé Manuel Barreiro, mostraron a súa preocupación pola xestión política que se estaba a facer da lingua e, aínda compartindo a derrogación do decreto, alertaron do perigo de que a sociedade estivese a percibir unha imaxe dun PP "antigaleguista".

As claves: De decreto a 'decretazo' en quince pasos

Vieiros
video

Sem comentários: