quinta-feira, abril 22, 2010

equipo de tradución ao galego de Ubuntu sitúa o idioma galego nos postos máis altos

Publicado por Mancomún
Xoves, 22 de Abril de 2010

Logo do equipo de tradución ao galego de Ubuntu O equipo de localización ao galego de Ubuntu vén de informar que acadou os máximos niveis de tradución de toda a súa historia, posicionándose no posto 17 na clasificación de idiomas en Ubuntu, por diante da comunidade catalá e tan só a 3 postos da comunidade portuguesa.

Isto supón que no último ano avanzáronse 3 postos nesta clasificación, xa que o galego ocupaba o posto número 20 cando se publicou a Ubuntu 9.04, e que, de seguir este excelente ritmo, dentro dun ano sería posible estar entre os 15 primeiros idiomas con maior nivel de tradución de Ubuntu.

Clasificación dos idiomas máis traducidos de Ubuntu 10.04

Grazas ao seu excelente traballo a futura Ubuntu LTS 10.04 será a distribución de Ubuntu que máis traducida vai estar ao galego e, o máis importante, coa mellor calidade en toda a súa historia. Nos últimos tempos o equipo de localización está poñendo unha especial énfase na supervisión, corrección, control de coherencia terminolóxica e de estilo e coordinación cos equipos de traducións dos distintos proxectos, aplicativos ou escritorios, que conforman Ubuntu.

Este esforzo merece todo o noso eloxio e recoñecemento, e moito máis aínda se facemos unha comparativa entre o número de tradutores que conforman os distintos equipos de tradución de Ubuntu dos idiomas galego, portugués e catalán.

Comparativa dos equipos de localización de ubuntu dos idiomas Portugués, Catalán e Galego

Como se aprecia na gráfica, a diferenza é extremadamente notable. De feito o equipo galego conta con só o 37% dos tradutores ao idioma portugués e o 69% dos tradutores ao idioma catalán.

A pesar desta notable diferenza de forza efectiva de traballo, o noso equipo traduciu aproximadamente unhas 2000 cadeas máis que o equipo catalán, e unhas 7000 cadeas menos que o equipo portugués.

Grazas a este enorme esforzo, concentrado especialmente no último trimestre, a vindeira Ubuntu LTS 10.04 estará traducida ao galego en máis do 65%, tendo en conta que nesta cifra están incluídos tanto o escritorio Gnome, como KDE, así como moitos aplicativos dispoñibles para Ubuntu, como por exemplo OpenOffice.org, Firefox, Thunderbird, ...

Evidentemente, que unha comunidade tan pequena obteña tan bos resultados merece todos os nosos parabéns, pero non elimina a necesidade de facer un chamamento á colaboración e participación.

Se a comunidade de tradutores medra, os resultados poderán ser moito máis amplos e con menor esforzo.

Así que animámosvos a que vos unades á comunidade de tradución ao galego de Ubuntu.

Sem comentários: