segunda-feira, abril 12, 2010

Fala Ceibe esixe a Junta e Xunta un convenio para ver a TVG no Bierzo

Basean esta demanda en que a recente aprobación da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual xa permite a recepción do sinal da TDG na Comunidade Autónoma de Castela e León.

Este colectivo recorda que o Partido Popular rexeitou nas Cortes de Castela e León, o 24 de novembro de 2009, unha Proposición Non de Lei que instaba a que se puidese ver a Televisión Dixital Galega no Bierzo. O PP argumentou nesa ocasión que o ordenamento xurídico vixente non ofrecía cobertura legal para poder ver a TDG na comarca.

Posteriormente, Fala Ceibe dirixiuse ao Procurador do Común de Castela e León en petición de amparo ante a supresión da Televisión Galega no Bierzo. Este defensor do pobo autonómico remitiulles unha resolución, de 9 de marzo de 2010, na que se indica que a Xunta de Castela e León insisten en que "o ordenamento xurídico vixente non ofrece cobertura legal ás actuacións que se puidesen levar a cabo pola Xunta de Castela e León para garantir a recepción do sinal dixital da TVG no territorio de Castela e León". Tamén contactaron co Valedor do Pobo, presentando a correspondente queixa sobre o particular. A resposta da Compañía de Radio-Televisión de Galiza (CRTVG) referiuse a que é necesario "a previa celebración dun convenio entre as respectivas administracións autonómicas".

Agora Fala Ceibe esixe de novo que a Televisión Dixital de Galiza se poida ver no Bierzo. Demandan o "cumprimento inmediato" da recentemente aprobada Lei Xeral de Comunicación Audiovisual. Esta Lei estatal determina que "a emisión do servizo público de comunicación audiovisual por ondas hertzianas terrestres dunha Comunidade ou Cidade Histórica noutra limítrofe e con afinidades lingüísticas e culturais poderá ser efectuada sempre que así o acorden mediante convenio, e exista reciprocidade".

Xa existe cobertura legal suficiente e necesaria para poder ver a Televisión Dixital Galega no Bierzo

Ademais, a dita lei indica que "os operadores de servizos de comunicación audiovisual promoverán o coñecemento e difusión das linguas oficiais do Estado e das súas expresións culturais. E recordan a lei cando di que "o servizo público de comunicación audiovisual é un servizo esencial de interese económico xeneral que ten como misión difundir contidos que fomenten os principios e valores constitucionais, contribuír á formación da opinión pública xeneral, dar a coñecer a diversidade cultural e lingüística de España".

Desde Fala Ceibe alegan o "cumprimento inmediato" do contido do articulado da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, tanto á Xunta de Castela e León como á Xunta de Galiza, para que podamos ver canto antes a Televisión Dixital Galega no Bierzo. Estes dous Gobernos non poden alegar máis reticencias xurídicas ou políticas, nin atrasos na elaboración e posterior aprobación do necesario convenio de colaboración interautonómico.

De novo diríxense ao Procurador do Común de Castela e León, ao Defensor do Pobo Español, ao Valedor do Pobo Galego, ás Cortes de Castela e León e ao Parlamento Galego para que insistan en reclamar aos dous Gobernos autonómicos afectados a posta en práctica dos medios xurídicos e técnicos, en base á Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, de face a permitir a recepción adecuada do sinal da Televisión Dixital Galega no Bierzo.

Rematan reclamando o cumprimento da Resolución do Procurador do Común sobre a recepción da Televisión Galega, "coa finalidade de garantir a protección da lingua galega nos lugares desta Comunidade onde habitualmente se utiliza á que se refire o artigo 5.3 do Estatuto de Autonomía, iniciar as negociacións cos órganos correspondentes da Xunta de Galiza dirixidas a facer posible a celebración dun convenio de colaboración que permita a emisión do sinal dixital da Televisión Galega nos municipios integrantes da Comarca do Bierzo (León) e na zona de Alta Sanabria (Zamora)".

GzNacion

Sem comentários: