quinta-feira, abril 29, 2010

Fenosa xa 'parla' catalán pero segue sen aprender galego

A antiga marca Unión Fenosa ten no noso país unha central térmica (Meirama), participa cun 49% na planta de tratamento da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), conta con numerosas centrais hidroeléctricas e acapara boa parte do mercado enerxético autóctono. A pesar de que Galiza foi o berce deste imperio eléctrico, a lingua propia apenas tivo espazos simbólicos na súa política empresarial.

Dende setembro de 2009 a eléctrica está integrada no grupo catalán Gas Natural. Naquel mesmo mes, Vieiros publicaba que, paradoxicamente, a adquisición podía acabar abríndolle espazos ao galego. Dende a nova sede central da Barcelona aseguraban que Gas Natural estudaría a posibilidade de normalizar o uso do galego, debido a que sempre tiveran en conta a pluralidade cultural do Estado. Porén, sete meses despois non hai ningún cambio positivo. Un exemplo é a páxina web de Gas Natural Fenosa (novo nome do grupo) que ofrece tres posibilidades de navegación (castelán, catalán e inglés).

Este xornal púxose en contacto o pasado martes coas oficinas de Gas Natural Fenosa en Barcelona para interesarse polos pasos dados ao respecto dos usos lingüísticos. Á espera dunha contestación oficial, polo de agora, a vella Unión Fenosa xa 'parla' catalán pero segue sen aprender o galego.

Sem comentários: