quarta-feira, abril 14, 2010

Galiza celebra o aniversario da II República española

Entre as manifestacións ao respecto atópase a do grupo municipal do BNG de Ferrol, que esixiu ao goberno local que se renda homenaxe á última corporación democrática da cidade de antes do golpe de estado, coincidindo cos actos do 79 aniversario da II República, que se conmemora hoxe.

Os nacionalistas consideran que a actual corporación ferrolá debe render homenaxe ao último alcalde democrático de Ferrol, así como aos edís que compuñan aquela última corporación democrática antes do estalido a Guerra Civil española, en xullo de 1936 e da implantación da ditadura de Francisco Franco, que se prolongou ata novembro do 1975.

O portavoz municipal do BNG en Ferrol, Xoán Xosé Pita, sinalou que o acto estaría incompleto se non se inclúe na celebración á última corporación democrática de Serantes. Esta localidade era un municipio fronteirizo con Ferrol e que posteriormente, durante o franquismo, foi anexionado e quedou como parroquia.

Homenaxes

O Ateneo Republicano de Galicia organiza un programa de actos que comezará ás 13 horas no cemiterio civil da Coruña cunha ofrenda floral ante o monumento á memoria dos mortos na defensa da liberdade (xullo de 1936-novembro de 1975).

Ás 14 realizarase no campo da Rata -en punta Herminia- unha concentración que servirá de homenaxe ás vítimas da represión, que finalizará cunha alocución ante o Monumento aos Fusilados. Falarán María Teresa Alvajar, Benito Ferreiro, presidente en funcións do Ateneo Republicano, e Rafael Torres.

Os actos polo aniversario da República continuarán ás 19.30 na Fundación Paideia (praza de María Pita). Alí realizarase a presentación do libro A nosa Señora da Cuneta , que será presentado por Cándido Barral e polo autor do volume, o xornalista Rafael Torres.

No Burgo

A Concellaría de Cultura do Concello de Culleredo tamén organizará actos en conmemoración do aniversario da República. A praza de Galicia do Burgo acollerá ás 19 horas unha ofrenda floral ante o monumento ao Guernika. Unha hora despois, o edificio de servizos múltiples do Burgo acollerá unha conferencia do historiador e profesor da Facultade de Historia de Santiago Emilio Grandío Seoane, que abordará o tema A segunda República, hoxe.



Descarga. Constitución española do 1931 (.pdf)

Sem comentários: