terça-feira, abril 06, 2010

Galiza Nova critica a exclusión do galego no Xuventude Galizanet

A secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, criticou a organización do Xuventude GalizaNet, celebrado o 26, 27 e 28 de marzo por parte da Dirección Xeral de Xuventude.

Se hai algo no que destacou esta edición do Xuventude GalizaNet é "por excluír a lingua galega", afirma a responsábel das mocidades do BNG. Claros exemplos son a páxina web interna onde non existía a versión en galego, os anuncios en castelán das pantallas dentro das instalacións ou os avisos en castelán que se facían dende a organización.

"A actual Dirección Xeral de Xuventude despreza a lingua galega marxinándoa do maior encontro tecnolóxico que se fai en Galiza e rachando cunha liña de traballo anterior que apostaba pola promoción do software libre e o uso normalizado do galego", explicou Iria Aboi.

"A Dirección Xeral de Xuventude participa da estratexia do PP dende que chegou á Xunta, hai un ano, por eliminar o galego, especialmente das actividades dirixidas á xente moza", sinalou. Para isto non tiveron ningún problema en coaccionar e presionar a varios mozos que tiñan pegatinas e bandeiriñas de plástico da plataforma Queremos Galego nos seus computadores para que os retirasen no momento da visita do señor Feijóo. "Retirad la bandera que va a venir el presidente y va a haber prensa" foron algunhas das frases da organización dirixidas cara aos asistentes.

É inadmisíbel que responsábeis da organización do evento se preocupen por borrar calquera defensa do galego no Xuventude GalizaNet. "O PP debería dar explicacións por esta actitude sectaria e antidemocrática que amosaron persoas contratadas para o Xuventude GalizaNet e pedir desculpas polo acoso antigalego que reiteradamente tiveron que padecer varios mozos asistentes ao evento", sinalou a secretaria xeral de Galiza Nova.

"Clara improvisación"

Para as mocidades do BNG, esta edición adoeceu dunha "clara improvisación". Sendo unha actividade anual non é explicábel que "a confirmación da celebración foi aproximadamente dun mes de antelación o que reduciu notabelmente o período de inscricións en comparación con outras edicións", sinalou Iria Aboi.

Para a secretaria xeral de Galiza Nova, a culminación desta improvisación deuse no momento de entregar os premios, con irregularidades no reparto de números para os sorteos na extranet (área aberta ao público) e con algúns concursos dos que non se coñeceron os gañadores, o que provocou unha gran protesta dos participantes da Lan Party. Segundo a secretaria xeral de Galiza Nova "a situación de tensión que provocou a mala organización desluciu un evento de éxito en anteriores edicións e deixou unha mala imaxe da que a única responsábel é a Dirección Xeral de Xuventude".

Galiza Nova tamén criticou a nula promoción do software libre nesta 11ª edición, coa desaparición de postos na extranet onde asesoraban os asistentes arredor do software libre en galego, Galinux, ou a redución dos obradoiros e actividades vinculadas co sofware libre en comparación con edicións anteriores.

GzNacion

Sem comentários: