segunda-feira, abril 05, 2010

Iniciativa popular polo idioma

Artigo de Carlos Callón para GaliciaHoxe:

A plataforma Queremos Galego, conformada por case 700 entidades da máis diversa natureza, desenvolve por todo o país unha campaña de recollida de sinaturas para respaldar unha proposta de lei pola garantía dos dereitos lingüísticos.

A primeira intención da plataforma foi poder presentala como unha iniciativa lexislativa popular (ILP). Para iso, creouse unha comisión promotora, constituída por nomes relevantes de diferentes ámbitos da vida social e cultural do país, como Manuel Rivas, Avelino Pousa Antelo, Yolanda Castaño, Margarita Ledo, Xurxo Souto, Marica Campo, Kiko da Silva, Xosé Lois O Carrabouxo, Sonia Lebedynski, etc.

Varios xuristas colaboraron intensamente na configuración da proposta legal, que unha delegación da comisión promotora presentou á Mesa do Parlamento galego para así comezar a recoller sinaturas. A Mesa do Parlamento está constituída por cinco membros, que nesta lexislatura se reparten en tres do Partido Popular, un do Partido Socialista e un do Bloque Nacionalista. Desde o momento en que a comisión promotora presentou a proposta, este organismo tiña un mes para darlle o visto e prace á tramitación da iniciativa.

A Mesa do Parlamento, con presidencia e maioría do PP, estivo pospondo este asunto até o limite máximo do prazo. Xa no último día, reuniuse para abordalo e decidiu rexeitar a tramitación desta ILP, argumentando motivos xurídicos. A resolución non foi unánime, xa que o representante do BNG observou que esas supostas razóns legais non se sostiñan. Até onde eu sei, foi a primeira vez que no Parlamento se rexeitou a tramitación dunha ILP sen unanimidade, o cal de seu xa é un elemento importante para a reflexión.

O argumentario xurídico para a negativa que procuraba o PP baseábase no artigo 3 da lei 1/1988, que regula as ILPs en Galiza. Cito literalmente:

"Artigo 3

Quedan excluídas da iniciativa lexislativa popular as materias seguintes:

1) As non atribuídas á competencia da Comunidade Autónoma.

2) As de desenvolvemento básico do Estatuto de Autonomía e as que, en todo caso, requiran para a súa aprobación o voto favorable dunha maioría cualificada.

3) As de natureza presupostaria e tributaria".

Considerouse que unha ILP de defensa do galego entraba nunha materia de "desenvolvemento básico do Estatuto de Autonomía", debido ao mandato do artigo 5 desta norma, ese que di que a lingua galega é a propia de Galiza e que é obriga dos poderes públicos a súa promoción. Si, ese que o actual goberno da Xunta incumpre día si e día tamén.

No documento da Mesa do Parlamento lémbrase, así mesmo, que hai unhas semanas este organismo rexeitara -aí si por unanimidade, por certo- a tramitación dunha ILP para derrogar en parte a Lei de normalización lingüística (o artigo 10, que sinala que a única forma oficial da nosa toponimia é a galega).

Aínda que se pretendía equiparar confusamente ambas as propostas, é obvio que hai unha diferenza cualitativa enorme entre ambas: unha contradicía o Estatuto, ao pretender reducir a protección da nosa lingua, mentres que estoutra de Queremos Galego non facía máis que reforzar o dito na norma básica: nin a refutaba nin se extralimitaba. Mais se alguén ten dúbidas aínda sobre se foi política a decisión de que esta ILP non se puidese tramitar igual que outras, hai algo moi sinxelo a facer: comparar esta proposta con outras que si tramitou sen ningún problema o Parlamento. Houbo iniciativas lexislativas populares para a construción de hospitais. É que iso non inflúe nos orzamentos?

Houbo iniciativas lexislativas populares para o regreso á construción naval. Até que punto iso é competencia da Comunidade Autónoma? Nesta última proposta legal mesmo se fala de introducir a presenza da Xunta en empresas estatais, e iso non foi óbice para que o PP apoiase a súa tramitación! Que pasa, que a única materia sobre a que non se poden facer ILPs é a defensa do galego?

Podemos seguir así con case todas as ILPs, facéndolles unha proba do algodón para evitar que puidesen levarse a cabo. No entanto, por vez primeira na historia da autonomía aplicáronse as normas da forma máis restritiva, e sen consenso, para evitar a participación social nunha ILP.

Núñez Feijóo tenlle pavor ao traballo de Queremos Galego e por iso tenta pór paus nas rodas. Non lle é abondo con despois poder utilizar a maioría absoluta coa que conta para rexeitar esta proposta legal. Non: élle necesario tamén evitar que se poida tramitar e que haxa unha campaña social á súa volta.

Mais desde Queremos Galego xa se dixo alto e claro: "Non nos calarán!". Por iso, comezouse estes días coa campaña antes indicada de recollida de sinaturas para respaldar esta lei.

Xa que non se poderá tramitar como ILP, desde a plataforma pedíronse entrevistas cos tres grupos parlamentares para que sexan eles os que leven esta proposta legal ao debate no Hórreo. De momento, o BNG e o PSdeG-PSOE escoitaron a solicitude de Queremos Galego; aínda se está á agarda de que o grupo do PP dea unha data para un encontro.

Ensino e administración

A proposta de lei pola garantía dos dereitos lingüísticos céntrase naquelas áreas nas que o PP está a desmantelar con maior intensidade a oficialidade da lingua galega; isto é: a súa presenza no ensino e na Administración. É, pois, unha resposta clara a medidas tan lesivas (e unilaterais) como o decretazo e a reforma da lei de función pública.

Así, o título primeiro aborda o uso do galego como lingua oficial das Administracións de Galiza, sinalando o seguinte nas dúas epígrafes que constitúen o seu primeiro artigo:

"1. A Xunta de Galiza e os seus organismos autónomos; as administracións locais; as universidades públicas; as corporacións públicas; as institucións, entidades e empresas públicas, calquera que sexa a súa forma xurídica de personificación; así como os concesionarios dos seus servizos deben utilizar o galego nas súas actuacións internas e na relación entre eles. Tamén o utilizarán nas comunicacións e notificacións dirixidas ás persoas físicas ou xurídicas residentes en Galiza e na atención cotiá, oral e escrita aos cidadáns e cidadás, sen prexuízo do dereito destes á atención na lingua oficial da súa escolla, se o solicitaren.

2. O Goberno Galego, as administración locais e as universidades públicas regularán, mediante disposicións regulamentarias, o uso do galego como lingua oficial nas actividades administrativas de todas as dependencias administrativas, órganos e entes da súa competencia".

No referido ao ensino, Queremos Galego refírese ao dito no Plan xeral de normalización da lingua galega que o Parlamento aprobou por unanimidade cando (vaia ironía!) Alberto Núñez Feijóo era vicepresidente da Xunta. Ademais, desenvólvese máis polo miúdo o consensuado para educación infantil, que é o punto central do ataque contra o galego no decretazo:

"Na etapa de educación infantil, o profesorado usará nas aulas a lingua inicial predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará de que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galiza, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo. No caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensinanza será, como mínimo, igual á da lingua castelá. Fomentarase a adquisición progresiva da lectura e da escrita en galego, no sentido de que este se convirta no idioma base da aprendizaxe, de xeito que o alumnado obteña unha competencia que lle permita comunicarse normalmente en galego co alumnado e o profesorado".

Está en marcha a campaña de apoio a esta proposta de lei, que é tamén unha campaña de rexeitamento ás políticas contra o galego por parte da presidencia de Núñez Feijóo. Respalda esta campaña coa túa sinatura e, se podes, colabora na súa difusión!

Sem comentários: