terça-feira, abril 13, 2010

Milleiros de galegos rexeitan converter a sanidade nun negocio

"A saúde non é un negocio", berro unánime das miles de persoas, 10.000 para a organización e unhas 5.000 segundo a Policía local, que tomaron onte as rúas de Ferrol

Entre 4.000 e 5.000 persoas segundo a Policía local, 10.000 segundo os organizadores, tomaron onte as rúas da cidade de Ferrol para rexeitar facer da sanidade pública un negocio. Os manifestantes censuraron o que, na súa opinión, son as intencións do actual Goberno autonómico: a "privatización". Convocados pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, cargaron contra a política que a titular do departamento da Xunta do PPdeG, Pilar Farjas, está poñendo en práctica

Neste contexto, o voceiro da plataforma, Miguel López, acusou a Xunta de pretender "privatizar os servizos sanitarios" e advertiu de que "a sanidade pública está en perigo e coa saúde non se xoga".

Baixo o lema dunha "sanidade pública non privatizada", a protesta estaba convocada ás 12.00 horas na praza de España e subscribírona 44 entidades sociais, veciñais, sindicais, partidos políticos e a Xunta de Persoal da Area Sanitaria, que integran a plataforma. Ademais, segundo informaron os organizadores, tamén avalaron a protesta colectivos como a Asociación Fuco Buxán e partidos como BNG, Esquerda Unida e Partido Socialista.

A manifestación partiu desde a praza de España e concluíu unha hora e media despois diante do concello coa lectura dun extenso manifesto a prol da sanidade pública.

Miguel López, criticou "a falta de compromiso coa comarca da Consellería de Sanidade" e acusou o PP de "intentar privatizar a sanidade para beneficiar as empresas construtoras, aseguradoras de saúde e farmaceúticas" con modelos que se aplican noutras autonomías do PP como Madrid ou Valencia "e que xa demostraron o seu fracaso".

López sinalou que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, pretende "retomar eses modelos privatizadores coa implantación do copagamento e deixar en mans de construtoras e aseguradoras os hospitais e novos centros de saúde", á vez que recorta o orzamento sanitario en "36 millóns de euros", asegurou o voceiro do colectivo.

As centrais sindicais CCOO, UXT, CIG, USTG, a Xunta de Persoal da área Sanitaria, ademais doutras entidades políticas como BNG, PSOE, EU e unha vintena de asociacións veciñais e colectivos como Teima ou Lazos-Comité Antisida integran a plataforma ferrolá convocante.

Chegados mesmo desde Pontevedra

Á marcha de onte acudiron os alcaldes de Ferrol, Fene, Ares, os tres do PSOE, e o de Mugardos, do BNG, ademais de asociacións de familiares de enfermos crónicos e transplantados. Mesmo se sumaron á convocatoria profesionais da área sanitaria chegados desde cidades como Vigo, A Coruña ou Pontevedra, que corearon nas rúas consignas contra a privatización "porque a saúde non é un negocio".

GaliciaHoxe

Sem comentários: