quinta-feira, abril 29, 2010

Multa a Queremos Galego por unha protesta contra o decreto "non comunicada"

A subdelegación do Goberno de Pontevedra impuxo unha multa de 500 euros ao promotor dunha concentración de urxencia convocada pola plataforma Queremos Galego o luns seguinte á presentación do borrador do decreto do plurilingüismo no ensino, tras considerar que non foi comunicada con suficiente marxe de tempo.

Segundo sinalou en declaracións a Europa Press o voceiro da plataforma, Carlos Callón, os responsables da protesta -celebrada na praza da Peregrina de Pontevedra- solicitáronlle "por escrito" os permisos á entidade estatal, que impuxo unha sanción "grave" pola que terán que aboar un total de 500 euros.

No texto no que se informa da multa, a subdelegación asegura que "o denunciado recibiu comunicación previa á manifestación na que esta se daba por non comunicada, ao presentar o escrito fóra de prazo sen alegar nin xustificar a urxencia da súa convocatoria e celebración".

Callón asegurou que a protesta, na que participación dunhas 200 persoas, "non se obstruíu en absoluto ó tráfico" ao tratarse dunha zona "peonil", polo que non hai "causas obxectivas" ou "molestias a ninguén" que xustifiquen a sanción.

Por outro lado, criticou que no documento se mencione que "se exhibiron pancartas" cos lemas 'Pola defensa da nosa lingua, paremos o decretazo' durante a protesta. Así, aclarou que, se se aplica con ese rigor" a normativa en todas as ocasións, "habería que multar cando gaña un partido político as eleccións e saen á rúa celebralo", dixo.

"Cal é o prexuízo?", se hai un problema burocrático "por que se aplica a esta plataforma e non a outras organizacións?", preguntouse Callón.

Por iso, esixiulle ao Goberno central "que explique" a razón de tomar a devandita decisión e, ademais de realizar "un chamamento público", avanzou que solicitaron que se envíe o escrito" da sanción "en galego", tras non se dar "por informados" desta comunicación -remitida en castelán-

Sem comentários: